Saltar navegación

1. Descrición xeral

A chave do tempo

O recurso educativo aberto "A chave do tempo" propón unha viaxe didáctica a través da historia. Cunha narrativa envolvente, o alumnado acompaña a Breogán, o protagonista desta aventura, nun percorrido polos principais acontecementos históricos dende a Revolución Francesa ata a actualidade.

A historia, combinada con actividades interactivas e tarefas analóxicas, busca espertar a curiosidade, fomentar o pensamento crítico e potenciar a participación activa do alumnado. Ao converterse en viaxeiros no tempo, os rapaces e rapazas asumen un papel protagonista no seu proceso de aprendizaxe, descubrindo como os feitos do pasado influíron no mundo que hoxe coñecemos.

Situación de aprendizaxe

A actividade parte dunha historia evocadora para motivar o alumnado a investigar sobre a historia e reflexionar sobre a evolución histórica, social e política. Utilizando “A chave do tempo”, os estudantes “viaxarán” por diferentes épocas e momentos históricos, coñecendo a súa repercusión no momento actual. Estes descubrimentos serven como base para desenvolver habilidades analíticas, científicas e de debate.

Reto a desenvolver polo alumnado

O reto final consiste na creación dunha liña de tempo multimodal. O alumnado creará unha liña temporal despois de reflexionar en cada etapa e conseguir os diferentes obxectivos.

Metas de aprendizaxe

A través desta experiencia, o alumnado alcanzará os seguintes obxectivos:

  • Coñecer e diferenciar as principais etapas e acontecementos da Idade Contemporánea, comprendendo os avances sociais, políticos e tecnolóxicos que marcaron a historia.
  • Identificar cambios sociais e culturais que se produciron dende a Revolución francesa ata hoxe e reflexionar sobre o seu impacto na vida cotiá.
  • Comprender os efectos das guerras, revolucións e descubrimentos científicos ao longo do tempo, así como as consecuencias a nivel global.
  • Recoñecer os dereitos e liberdades conseguidos durante a Idade Contemporánea, valorando a súa importancia e conectándoos cos principios da Constitución española.
  • Recoñecer o papel das mulleres na historia da arte, valorando as súas aportacións e fomentando a igualdade de xénero a través das súas obras e biografías.
  • Adquirir coñecementos básicos dos sistemas de comunicación, transporte e tecnoloxía.
  • Mellorar o vocabulario específico, desenvolvendo habilidades de expresión oral e escrita a través do debate e diferentes actividades.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)