Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Para empregar este REA, será necesario contar con:

  • Ordenadores con conexión a internet para o traballo individual.
  • Material funxible (cartolinas, folios, pinturas...).
  • Caderno de área.

Proposta de agrupamentos

Para a correcta realización das actividades propostas neste recurso educativo, é importante organizar ao alumnado de maneira que se potencie tanto o traballo individual como o colaborativo. A continuación, achéganse unhas directrices para o agrupamento dos estudantes que contribúen a unha boa organización:

Actividades individuais:

  • As actividades individuais están deseñadas para que cada alumno e alumna desenvolva competencias específicas e consolide coñecementos teóricos. Estas tarefas permitirán ao alumnado adquirir unha base sólida que lle será de utilidade no desenvolvemento do proxecto en grupo.
  • Recoméndase que estas actividades sexan realizadas de maneira autónoma, proporcionando ao alumnado o tempo suficiente para reflexionar e traballar ao seu propio ritmo.

Actividades en grupo:

  • Recoméndase a creación de grupos de 4 integrantes, asignados polo profesorado. É importante organizar ao alumnado en función das súas diferentes capacidades, e que cada integrante adquira un rol determinado.
  • Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e motivando nas dificultades. Deste xeito, poderemos levar a cabo distintas técnicas de traballo cooperativo, fomentando a empatía, o respecto pola opinión dos demais, a toma de decisións e a resolución pacífica de conflitos.

Produto final

O reto deste recurso será deseñar e construír entre toda a clase un "Consello da Infancia" despois de coñecer como funcionan os mecanismos da democracia. O alumnado deberá identificar as necesidades e as propostas de mellora do seu centro educativo así como ás persoas responsables de poder solucionalas. Así mesmo, traballará a instancia como tipoloxía textual para achegar a súas ideas a quen corresponda.

Para configurar o Consello da Infancia o alumnado deberá formar equipos organizados en distintos ámbitos, como por exemplo: instalacións do centro, relación coa comunidade... A continuación, deberán analizar as necesidades do seu centro educativo e propoñer as solucións correspondentes. Por último, identificarán dentro da súa contorna, as entidades encargadas de levar a cabo esas melloras e lles trasladarán todas as súas ideas a través dunha instancia.

Enfoque multinivel do reto

Neste reto, o alumnado terá que redactar diversos documentos para presentar a distintos responsables de administracións educativas. O primeiro, o equipo directivo do seu centro educativo, e logo, se así se considera, podería levarse a outros ámbitos (como o Concello). Tamén tendrán que facer un recompilatorio de persoas que forman o Consello e algunha das súas atribucións.

Nesta elaboración da documentación é onde se traballo cun enfoque multinivel, xa que hai un amplo abano de bases para crealas, dende documentos cun so parágrafo ata outros máis extensos, e cunha linguaxe de dificultade variable, en función do elaborada e técnica que se precise.

Será a persoa docente a que axuste a súa petición ao perfil do alumnado.

Competencia dixital

O traballo da competencia dixital é imprescindible para desenvolver a competencia informacional, que vai permitir ao alumnado xestionar grandes cantidades de información contida en múltiples fontes, o que cobra especial importancia no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Por unha banda, é preciso que o alumnado adquira estratexias de procura e localización, pero tamén de análise crítica das fontes, habilidades para procesar e xestionar esa información, e normas e principios éticos sobre o uso desta.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades propostas, e os recursos e materiais que se presentan, poden ser adaptados e flexibilizados ás necesidades, características e motivación do alumnado.

As actividades individuais multiniveis que se presentan, son graduadas en distintos niveis de dificultade. Isto favorece novamente a atención á diversidade, dado que aínda que a tarefa sexa individual, ofrécense alternativas para as diferentes zonas de desenvolvemento próximo. Ademais, pódense buscar novos desafíos tratando de completar niveis de gradación superior.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado, xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarnos mellor ás características do noso alumado. O diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, a valoración do profesorado:

  • Pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional.
  • Pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • Pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre, e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar a situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)