Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do que forma parte.

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula.

Para iso relaciónase os contidos propios da materia coa realidade e a contorna do alumnado, co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe. Búscase que o enfoque que sexa:

  • Individualizado: activando os coñecementos previos do alumnado e propoñendo actividades multinivel adaptadas aos diferentes niveis.
  • Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
  • Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.

Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Ciencias Sociais, cun carácter esencialmente práctico e cun enfoque competencial do currículo. Para iso, utilízanse metodoloxías que fomenten a participación activa para a resolución de situacións comunicativas reais -nos ámbitos persoal, social e educativo- para permitir ao alumnado o progreso na aprendizaxe desta área.

Aprendizaxe cooperativa e traballo en equipo: 

  • Realización de tarefas en pequenos grupos onde o alumnado investigará, analizará e debaterá sobre os diferentes temas tratados. 
  • Exposicións orais en grupo para compartir descubrimentos e reforzar a comunicación oral e a argumentación crítica.

Investigación e análise de información:

  • Actividades de busca de información en libros e medios dixitais, fomentando o pensamento crítico na selección e interpretación dos datos.
  • Uso de recursos dixitais para complementar os contidos e desenvolver a competencia mediática e informacional do alumnado.

Debate e pensamento crítico:

  • Posta en común das reflexións en gran grupo para contrastar diferentes perspectivas e promover a análise crítica.

Metodoloxía multinivel e inclusiva:

  • Actividades adaptadas a diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe para garantir a participación e comprensión de todo o alumnado.
  • Propostas variadas con distintos niveis de complexidade que permiten a atención á diversidade e a inclusión de todos os estudantes.
  • O enfoque de Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) está presente en todo o REA, xa que se empregan distintos métodos que teñen en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe. Considérase a diversidade do alumnado, empregando métodos que favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que promovan o traballo en equipo, guiándoo desde a resolución de situacións máis sinxelas ata outras máis complexas e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.

Enfoque híbrido:

  • A linguaxe está presente en distintos formatos: directo, a través de material impreso, a través de medios electrónicos visuais e sonoros. Desenvolveranse destrezas de comunicación oral e escrita nestes distintos soportes de maneira equilibrada.

Aprendizaxe autoavaliativa: 

  •  Será o propio alumnado, tanto nas tarefas individuais como nas colectivas, quen revise e avalíe a súa produción na busca de erros e de mellora comunicativa.

Con este enfoque metodolóxico, o alumnado non só adquirirá coñecementos, senón que tamén desenvolverá habilidades transversais como a autonomía, o traballo en equipo, a creatividade e a expresión oral e escrita.

TIPOS DE ACTIVIDADES

As actividades e tarefas propostas no REA son variadas e deseñadas en función do momento no que se levan a cabo e da intención educativa que teñan.

  • Actividades iniciais: A súa finalidade é coñecer as ideas previas do alumnado e ser unha motivación de cara a aprendizaxe dos contidos que se van desenvolver a continuación.
  • Actividades de desenvolvemento: Son as tarefas que serven para traballar os novos contidos. Deben ser inicialmente máis estruturadas e guiadas para adquirir a base que permita realizar máis adiante actividades menos estruturadas e menos pautadas.
  • Actividades de reforzo e ampliación: Ante a realidade da existencia de diferentes ritmos de aprendizaxe e capacidades do alumnado, faise necesario propoñer actividades de reforzo para traballar os contidos básicos e ademais débense propoñer actividades de ampliación para propoñer contidos relacionados coa unidade pero non pensados para todo o alumnado.
  • Actividades de avaliación: Calquera actividade do recurso pode ser avaliada. Aínda así, disponse de actividades que especificamente teñen esa función avaliadora, nas que se tratan os contidos e os criterios de avaliación que se queren valorar.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)