A aventura do compás máxico
O REA "A aventura do compás máxico" ten coma finalidade entender e aplicar os conceptos das zonas climáticas, os diferentes climas, os ecosistemas, a pegada ecolóxica e a sustentabilidade do planeta. O obxectivo é preparar ao alumnado para aplicar eses coñecementos a situacións da vida cotiá, facendo que o alumnado traballe dende un enfoque competencial e dentro da súa realidade, construíndo unha situación de aprendizaxe relacionada co seu entorno.
Está deseñado tendo en conta o DUA, presentando diferentes versións da información de xeito que diversificamos o acceso á información en diferentes formatos e niveis, tentando chegar ao maior número de realidades individuais do noso alumnado.
A través dunha historia de ficción acerca dun compás máxico levamos ao alumnado a coñecer e a comprender os diferentes contidos propostos, para que logo poida aplicar eses coñecementos nas diferentes actividades que se lle van presentando ao longo de todo o REA. Ao rematar, o alumnado será quen de construír un minimundo que conteña as características principais de cada clima, tendo en conta a repercusión do ser humano no planeta.
A pretensión é brindarlle ao profesorado un recurso de aula cun novo enfoque educativo, achegando as ciencias sociais dun xeito lúdico e transformando a aprendizaxe nunha experiencia motivadora para o alumnado.