Metodoloxía
Este Recurso Educativo Aberto (RE)A está dentro do marco pedagóxico e metodolóxico do proxecto innovador, cREAgal. Proxecto impulsado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, para impulsar pedagoxías activas facilitadoras da adquisición das competencias clave por parte do alumnado, mediante o traballo nos Recursos Educativos Abertos, baseados nunha actividade híbrida de aprendizaxe, tanto a nivel dixital como analóxica. Empregando tato o ordenador, como o caderno, e material de escritura.
Desde o punto de vista metodolóxico, este REA de Ciencias Sociais de sexto de primaria, é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula para resolver as situacións que se lle propoñen.
As situacións propostas buscan estar contextualizadas na vida diaria do alumnado e parten dos coñecementos previos adquiridos con anterioridade.
Para iso intégranse referencias á vida cotiá e á contorna do alumnado co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, buscar un enfoque que sexa:
Personalizado: buscamos a relación cos coñecementos previos do alumnado e propoñemos actividades multinivel.
Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.
Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Ciencias Sociais, cun carácter esencialmente práctico e cun enfoque competencial do currículo. Para iso, utilízanse as seguintes metodoloxías que fomenten:
- A participación activa para a resolución de situacións comunicativas reais, nos ámbitos persoal, social e educativo para permitir ao alumnado o progreso na aprendizaxe desta área.
- O Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) está presente en todo o REA xa que se empregan distintos métodos que teñen en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe. Considérase a diversidade do alumnado, empregando métodos que favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que promovan o traballo en equipo, guiándoo desde a resolución de situacións máis sinxelas ata outras máis complexas e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.
Aprendizaxe activa:
- O alumnado levará a cabo a creación dun minimundo sostible permitindo aplicar os coñecementos adquiridos de maneira significativa.
- Crearán actividades manipulativas como a elaboración de lapbooks e esquemas, para favorecer a interiorización da información de forma dinámica e visual.
Aprendizaxe cooperativa e traballo en equipo:
- Realización de tarefas en pequenos grupos onde o alumnado investigará, analizará e debaterá sobre os diferentes temas tratados.
- Exposicións orais en grupo para compartir descubrimentos e reforzar a comunicación oral e a argumentación crítica.
Investigación e análise de información:
- Actividades de busca de información en libros e medios dixitais, fomentando o pensamento crítico na selección e interpretación dos datos.
- Uso de recursos dixitais para complementar os contidos e desenvolver a competencia mediática e informacional do alumnado.
Debate e pensamento crítico:
- Posta en común das reflexións en gran grupo para contrastar diferentes perspectivas e promover a análise crítica.
Metodoloxía multinivel e inclusiva:
- Actividades adaptadas a diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe para garantir a participación e comprensión de todo o alumnado.
- Propostas variadas con distintos niveis de complexidade que permiten a atención á diversidade e a inclusión de todos os estudantes.
- O Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA) está presente en todo o REA xa que se empregan distintos métodos que teñen en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe.
Entorno multimedia:
- A linguaxe está presente en distintos formatos: directo, a través de material impreso, a través de medios electrónicos visuais e sonoros. Desenvolveranse destrezas de comunicación oral e escrita nestes distintos soportes de maneira equilibrada.
Autoavaliativo:
- Será o propio alumnado, tanto nas tarefas individuais como nas colectivas, quen revise e avalíe a súa produción na busca de erros e de mellora comunicativa.
Con este enfoque metodolóxico, o alumnado non só adquirirá coñecementos, senón que tamén desenvolverá habilidades transversais como a autonomía, o traballo en equipo, a creatividade e a expresión oral e escrita.
TIPOS DE ACTIVIDADES
As actividades e tarefas propostas no REA son variadas e varían en función do momento no que se levan a cabo e da intención educativa que teñan.
- Actividades iniciais: A súa finalidade é coñecer as ideas previas do alumnado e ser unha motivación de cara a aprendizaxe dos contidos que se van desenvolver a continuación.
- Actividades de desenvolvemento: Son as tarefas que serven para traballar os novos contidos. Deben ser inicialmente máis estruturadas e guiadas para adquirir a base que permita realizar máis adiante actividades menos estruturadas e menos pautadas.
- Actividades de reforzo e ampliación: Ante a realidade da existencia de diferentes ritmos de aprendizaxe e capacidades do alumnado faise necesario propoñer actividades de reforzo para traballar os contidos básicos e ademais débense propoñer actividades de ampliación para propoñer contidos relacionados coa unidade pero non pensados para todo o alumnado.
- Actividades de avaliación: Calquera actividade pode ser avaliada aínda así, poden programarse actividades que especificamente teñan esa función avaliadora. Son, por tanto, actividades nas que se tratan os contidos e os criterios de avaliación que se queren valorar.