O noso lugar no mundo
Este REA está deseñado partindo do enfoque DUA, que permite diversificar o acceso aos contidos e o traballo das tarefas propostas, empregando múltiples formatos e niveis, tentando chegar ao maior número de realidades individuais do noso alumnado. As diferentes propostas están deseñadas para resolverse de xeito individual, e por grupos. Ao longo do REA o alumnado irá atopando distintos tipos de actividades: dixitais con corrección automática, outras para facer no seu caderno de aula, para traballar en equipo...
A situación de aprendizaxe proposta ten como fío condutor unha viaxe no tempo, na que o alumnado deberá organizarse por equipos de investigación e buscar información sobre a orixe da vida na Terra ata a aparición do ser humano. Ao longo do REA o alumnado aprenderá a empregar o método científico para levar a cabo unha investigación, familiarizarase con conceptos relacionados coa orixe do Universo e a vida na Terra, así como o lugar que ocupamos no mundo. Finalmente, desenvolverá as súas habilidades comunicativas recollendo a información nun produto final e trasladando aos compañeiros e compañeiras os coñecementos adquiridos.
O reto final consistirá na elaboración de diferentes produtos para representar unha liña do tempo que recolla o resultado das investigacións realizadas. O alumnado poderá escoller o deseño da liña entre diferentes opcións: empregando unha longa tea negra, ou utilizando ferramentas dixitais. Finalmente, apoiándose no produto creado como soporte visual, explicarán ao resto do grupo as conclusións da súa investigación.