O noso lugar no mundo
A situación de aprendizaxe desenvolvida no REA “O noso lugar no mundo” propón ao alumnado unha aventura, cuxo obxectivo é a aprendizaxe da orixe do Universo, o inicio da vida no planeta Terra e o futuro que lles agarda como parte dunha sociedade responsable do seu coidado.
O recurso ofrece ao alumnado o reto de deseñar e construír entre toda a clase unha liña do tempo en diferentes formatos, empregando a metodoloxía propia da aprendizaxe por proxectos.
Ao tratarse da primeira proposta didáctica á que se enfronta o alumnado na materia de Ciencias Sociais, este REA tamén conta cunha avaliación inicial, e integra contidos que facilitan un primeiro achegamento a área.
Preténdese acadar os seguintes obxectivos:
- Coñecer e comprender a orixe do Universo.
- Coñecer que son as liñas do tempo e cal é a súa función.
- Empregar o método científico para desenvolver un traballo de investigación.
- Saber cal é o lugar que ocupa o ser humano no planeta Terra desde o comezo da vida na mesma.
- Coñecer termos relacionados co planeta Terra e o noso Universo.