Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Para empregar este REA, será necesario contar con:

  • Ordenadores con conexión a internet para o traballo individual.
  • Material funxible (cartolinas, folios, pinturas...).
  • Globo Terráqueo.
  • Caderno de área.
  • Materiais para a fabricación do foguete (botella, bicarbonato, auga...).

Proposta de agrupamentos

Para a correcta realización das actividades propostas neste recurso educativo, é importante organizar ao alumnado de maneira que se potencie tanto o traballo individual como o colaborativo.

A continuación, achéganse unhas directrices para o agrupamento dos estudantes que contribúen a unha boa organización:

Actividades individuais:
As actividades individuais están deseñadas para que cada alumno e alumna desenvolva competencias específicas e consolide coñecementos teóricos. Estas tarefas permitirán ao alumnado adquirir unha base sólida que lle será de utilidade no desenvolvemento do proxecto en grupo. Recoméndase que estas actividades sexan realizadas de maneira autónoma, proporcionando ao alumnado o tempo suficiente para reflexionar e traballar ao seu propio ritmo.

Actividades en grupo:

  • Recoméndase a creación de grupos de 4 integrantes, asignados polo profesorado. É importante organizar ao alumnado en función das súas diferentes capacidades, e que cada integrante adquira un rol determinado.
  • Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e motivando nas dificultades. Deste xeito, poderemos levar a cabo distintas técnicas de traballo cooperativo, fomentando a empatía, o respecto pola opinión dos demais, a toma de decisións e a resolución pacífica de conflitos.

Produto final

O reto final deste REA consistirá na elaboración dunha liña do tempo. Para conseguilo, o alumnado deberá organizarse por equipos de investigación nos que buscarán información sobre a orixe da vida na Terra ata a aparición do ser humano.

O alumnado poderá escoller o deseño da liña entre diferentes opcións: empregando unha longa tea negra, papel continuo ou ferramentas dixitais. Finalmente, apoiándose no produto creado como soporte visual, explicarán ao resto do grupo -ou mesmo a todo o cole, mediante unha exposición- as conclusións da súa investigación.

Enfoque multinivel do reto

O reto deste REA, facer unha liña de tempo, pódese desenvolver en distintos niveis de dificultade, toda vez que se propoñen distintas formas de presentalo:

  • Cunha tea negra, tipo feltro ou similar.
  • En papel continuo.
  • Con folios de papel, brancos ou de cores para facer un lapbook.

Ao ser un traballo de grupo tamén se adapta ás distintas habilidades de cada alumna ou alumno mediante a asignación de roles segundo perfil de cada quen. Esta apreciación queda á valoración do profesorado en función da súa realidade de aula.

Competencia dixital

O traballo da competencia dixital é imprescindible para desenvolver a competencia informacional, que vai permitir ao alumnado xestionar grandes cantidades de información contida en múltiples fontes, o que cobra especial importancia no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Por unha banda, é preciso que o alumnado adquira estratexias de procura e localización, pero tamén de análise crítica das fontes, habilidades para procesar e xestionar esa información, e normas e principios éticos sobre o uso desta.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades propostas, e os recursos e materiais que se presentan, poden ser adaptados e flexibilizados ás necesidades, características e motivación do alumnado.

As actividades individuais multiniveis que se presentan, son graduadas en distintos niveis de dificultade. Isto favorece novamente a atención á diversidade, dado que aínda que a tarefa sexa individual, ofrécense alternativas para as diferentes zonas de desenvolvemento próximo. Ademais, pódense buscar novos desafíos tratando de completar niveis de gradación superior.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado, xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarnos mellor ás características do noso alumado. O diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, a valoración do profesorado:

  • Pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional.
  • Pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • Pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre, e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar a situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)