Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.

Motivación para a abordaxe do REA

Nesta situación de aprendizaxe abórdanse distintos tipos de emerxencias que poden xurdir en saídas extraescolares, ao tempo que se traballan algúns elementos matemáticos relacionados: números enteiros, potencias, notación científica e raíces.

É recomendable motivar ao alumnado, empregando os vídeos e as lecturas propostos na fase 1, sobre a importancia de coñecer cómo actuar ante unha emerxencia, facendo fincapé na prevención.

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.

Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrexibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrexibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.

Actividades en equipo

Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:

  • Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
  • É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
  • Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.

Materiais

Para cada unha das actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.

Roles

Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:

  • Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
  • Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
  • Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
  • Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
    Se o quipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.

Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.

Actividades individuais multinivel

O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.

Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.

O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.

Avaliación

O REA dispón, na fase 4, dunha lista de cotexo e unha rúbrica para avaliar o reto, de xeito que o alumnado poida verificar que se levaron a cabo todas as tarefas deste.

Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.

Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.

Produtos finais

O produto final consiste na elaboración, por parte do alumnado, dun plan de actuación ante unha emerxencia que poida xurdir nunha saída extraescolar. 

Logo de elaborar o plan e de expoñelo ante a clase, todos os plans poderán ser entregados á dirección do centro para que estuden a posibilidade de engadilos ou non no plan de emerxencias do propio centro educativo. 

No REA hai exemplos de posibles emerxencias e como actuar en cada unha delas, indicando os pasos realizados para a súa consecución.

Enfoque multinivel do reto

O enfoque en equipo do reto permitirá que o alumnado poida desenvolver distintos papeis, fomentando os principios DUA.

A nivelación acádase elixindo unha emerxencia con mais ou menos dificultade, así como creando un rescate mais sinxelo e un informe mais curto.

Por outra banda, no caso de alumnado con altas capacidades debería darse opción a elaborar plans baseados en situacións máis complexas. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)