📱 1-1-2
Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques dos sentidos numérico (1) e socioafectivo (6) do currículo de 2.º de ESO tomando como fío condutor as situacións de emerxencia.
O alumnado coñecerá cal é o organismo galego encargado de xestionalas (a AXEGA), onde informarse e como actuar nestas situacións.
Identificará algúns dos tipos e problemas numéricos que hai detrás das emerxencias dando sentido ás operacións e á súa aprendizaxe.
Ademais incorporará estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través destas situacións reais motivadoras que terán distintos niveis de dificultade.
Para acadalo proponse como reto deseñar un anexo ao "Plan de Autoprotección" do seu centro que conteña datos e actuacións de prevención ante situacións de perigo cando se desenvolvan actividades extraescolares.
Neste anexo figurará un caso de estudo de emerxencia (fora do centro) e o custo dunha actuación desenvolvida polos medios (bombeiros, ambulancias...)
As metas de aprendizaxe son:
- Coñecer que emerxencias se poden producir en situacións escolares e extraescolares e como previr ou actuar ante elas.
- Coñecer que organismos velan pola nosa seguridade e como se preparan para protexernos e auxiliarnos.
- Analizar cales son os custos dos distintos medios de emerxencias e en que casos habería que pagalos.
- Interpretar, describir e operar con números enteiros, potencias e raíces, e a súa aplicación neste contexto.
- Interpretar, describir e operar con cantidades grandes e pequenas usando a notación científica e cal é a súa aplicación en terremotos, furacáns e outras catástrofes naturais.
- Resolver problemas en situacións de emerxencias utilizando a representación numérica máis adecuada.
- Aprender a traballar en equipo de maneira eficaz, compartindo e construíndo coñecemento.
- Saber como buscar, recoller, analizar e referenciar información en distintas fontes.
- Aprender a utilizar calculadoras manuais e software de cálculo, de representación gráfica e de texto.