Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.
Motivación para a abordaxe do REA
Nesta situación de aprendizaxe proponse a transformación dun antigo negocio familiar nunha xeadería.
O reto final é o deseño duna estantería e a organización dos seus andeis, adaptándoa aos produtos necesarios para a elaborar receitas de xeados innovadoras, creadas polo alumnado, todo isto empregando fraccións e os números decimais.
É recomendable motivar ao alumnado, a través da lectura e o vídeo da fase 1, sobre a importancia de empregar produtos naturais e de proximidade, sen esquecer as posibles alerxias alimentarias. Tamén se debe enfatizar a importancia de combinar tradición e innovación, tanto na creación das receitas como no deseño da estantería.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrexibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrexibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Actividades en equipo
Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
- É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
- Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para cada unha das actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
- Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
- Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
- Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
Se o quipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.
Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.
Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.
O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha lista de cotexo e unha rúbrica para avaliar o reto, de xeito que o alumnado poida verificar que se levaron a cabo todas as tarefas deste.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.
Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.
Produtos finais
O reto propón como produto final o deseño dunha estantería con andeis do tamaño das fraccións das cantidades dos produtos se van colocar nelas, obtidas das receitas inventadas (entre catro e seis).
Ao tratarse dun deseño, precedido de cálculos, apórtase unha ficha de traballo guiada, coa que poderán repartir de xeito sinxelo os espazos.
Así mesmo, a rúbrica para avaliar o reto e a lista de cotexo, axudan a acadalo satisfactoriamente.
No REA hai tamén exemplos resoltos e propostos.
Enfoque multinivel do reto
O feito de crear unha estantería e recitas de xeados, implica poñer en práctica en primeiro lugar a competencia matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría.
Obviamente haberá distintos niveis dentro da aula nesta competencia e polo tanto o docente será quen de propoñer deseños máis sinxelos ou de deixar máis liberdade na creación do produto final.
A gradación da dificultade está tanto na complexidade das receitas como no deseño da estantería.
Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo porque garanten a aprendizaxe horizontal e o apoio entre o alumnado para chegar a bo termo.
No caso de alumnado con altas capacidades debería darse opción de traducir receitas reais que indican peso e capacidade a indicar esas cantidades como fraccións, deseñar unha estantería con programas informáticos máis elaborados ou facer unha maqueta a escala.
Recoméndase aproveitar, no caso de aparecer o concepto de “peso” ao falar das cantidades de ingredientes dunha receita, que na linguaxe coloquial úsase de forma análoga á "masa". Pódese mencionar a diferenza física de ambos conceptos, xa que soen tratarse, neste mesmo curso, na materia de Física e Química.