Saltar la navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner cREAgal

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAGAL do que forma parte.

Dende o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe son a base nas que se asenta a metodoloxía a seguir nesta proposta didáctica para que sexa activa e participativa.

Utilizaranse distintas metodoloxías buscando a acción educativa máis axeitada en función do momento e os contidos a tratar, e que ademais sirvan para atender os distintos ritmos de aprendizaxe; tamén se intentará que a organización da aula sexa o máis axeitada para o desenvolvemento do traballo en equipo, sempre en coordinación co resto do profesorado.


Principios metodolóxicos:

Busca dunha aprendizaxe significativa: por distintos medios obterase información das ideas previas que posúe o alumnado para que, partindo deste coñecemento, cada alumna e cada alumno poida enriquecer, modificar e reorganizar os seus propios esquemas cognitivos.

Busca dunha aprendizaxe funcional: é moi importante que o alumnado coñeza a utilizade dos contidos tratados. e, para conseguilo, introduciranse os contidos a partir de situacións problemáticas que as/os mesmas/os alumnas/os aplicarán os coñecementos adquiridos á resolución de problemas.

Fomentarase a reflexión persoal sobre o proceso de aprendizaxe, de xeito que o alumnado poida valorar o seu propio progreso e corrixir os erros cometidos.

Promoverase a colaboración entre o alumnado, para que así sexa consciente das vantaxes de intercambiar información, unir esforzos e do apoio mutuo.

Métodos de ensino:

Os principios dos que se falou anteriormente serven de base para o proceso de ensino, pero non describen de maneira precisa e concreta como ensinar, de que forma organizar a aula e ao alumnado, que métodos poñer en práctica... A continuación concrétase máis este aspecto presentando diferentes métodos para o ensino dos contidos propostos nesta programación didáctica.

A clase invertida: Nalgunhas partes da materia xa coñecidas propoñeráselle ao alumnado que revise na casa certos conceptos básicos e utilizarase a aula para resolver dúbidas e practicar os ditos conceptos.

Métodos expositivos: Fronte á mera transmisión de contidos (lección maxistral) buscarase a interacción co alumnado (lección comunicativa), buscando que se implique mediante intervencións espontáneas (ou provocadas pola persoa docente) de forma ordenada.

Métodos demostrativos: A diferencia deste tipo de métodos con respecto aos métodos expositivos radica en que a información se centra na explicación de exemplos prácticos que serven de modelo para a resolución de tarefas posteriores. En xeral, nas sesións introdutorias dos diferentes contidos, combinaranse métodos expositivos e métodos demostrativos.

Método titorial: A idea deste método é que o alumnado traballe de forma individual e acuda ao profesorado en busca de apoio e axuda para que este o guíe. As diferentes formas de comunicación a través de internet, utilizando por exemplo a aula virtual do centro, facilitan a interacción continua co alumnado. Deste xeito, o alumnado pode achegar as súas dúbidas á persoa docente e esta pode transmitir diferentes tarefas de reforzo e ampliación aos contidos traballados na aula.

Método interrogativo: As preguntas son a forma de aprendizaxe a través da que se trata de implicar ao alumnado. Pode haber preguntas introdutorias que guíen no desenvolvemento dun contido ou preguntas concretas que aparezan nas diferentes situacións problemáticas propostas do tipo: Que ocorre se cambiamos estas condicións nun problema determinado?. As preguntas son a guía da aprendizaxe e respondelas pouco a pouco conduce a traballar os contidos e a acadar os obxectivos da materia.

Tipos de actividades:

As actividades son os medios nos que toman forma os principios metodolóxicos nos que se basea esta proposta didáctica e concretan os métodos didácticos. Existen varios tipos de actividades e tarefas, en función do momento no que se levan a cabo e da intención educativa que teñan.

Actividades iniciais: A súa finalidade é coñecer as ideas previas do alumnado e ser unha motivación cara a aprendizaxe dos contidos que se desenvolvan a continuación.

Actividades de desenvolvemento: Son as tarefas que serven para traballar os novos contidos. Deben ser inicialmente máis estruturadas e guiadas para adquirir a base que permita realizar máis adiante actividades menos estruturadas e menos pautadas.

Actividades de reforzo e/ou ampliación: Ante a realidade da existencia de diferentes ritmos de aprendizaxe e capacidades do alumnado faise necesario propoñer actividades de reforzo para traballar os contidos básicos; ademais débense propoñer actividades de ampliación para abordar contidos relacionados coa unidade pero non pensados para todo o alumnado.

Actividades de avaliación: Calquera actividade pode ser avaliada mais poden programarse actividades que, de forma específica, teñan esa función avaliadora. Son, por tanto, actividades nas que se tratan os contidos e os criterios de avaliación que se queren valorar.

    FONTE:

    Programación de exemplo da plataforma Proens, ano académico 2025-2026, matemáticas de 2.º de ESO (versión 2). Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Data da consulta: 14/07/2025.

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)