Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Inclúense neste REA todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado como para o profesorado. Pódense atopar tres tipos de materiais:

Materiais descargables editables (.odt e .odp): o profesorado poderá adaptar as actividades propostas e o alumnado empregalas para realizar os exercicios directamente no ordenador.
Materiais descargables non editables (.pdf e imaxes): coa finalidade de que o profesorado poida imprimir e/ou proxectar sen alteracións no seu formato.
Ligazóns a material dixital: vídeos ou páxinas web necesarios para a realización dalgunhas tarefas, ou como material de apoio dos contidos propostos.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

O tipo de agrupamentos propostos neste REA é diversa, dende o traballo individual, en pequenos grupos, ou de grupo-clase. Con todo, este tipo de propostas pode variar e adaptarse ás necesidades da aula ou á consideración do profesorado que imparta a materia, flexibilizando así a súa posta en marcha.

Durante a fase 2 relativa aos coñecementos previos e na fase 4, na que se desenvolve o reto, plantéxanse actividades de carácter grupal nas que participa toda a clase de forma activa.

No apartado 2, na tarefa Sin argumentos para el abandono, proponse actividades en pequeno grupo, ou tamén na fase 3, na tarefa Un caballo en mi habitación, na que se emprega a técnica da dinámica cooperativa 1-2-4. O reto final é un traballo grupal coa asignación de roles específicos aos membros do grupo co fin de preparar o debate.

Produtos finais

O reto consistirá na celebración dun debate no que se discutirá sobre a nosa relación co resto de especies animais; concretamente con aquelas especies que consideramos animais de compañía ou mascotas. Proporanse tres temas de debate nos que cada grupo elaborará entre dous e cinco argumentos como mínimo para defender a postura que lle foi asignada de forma aleatoria.

O debate final será recollido en acta por parte do alumnado asistente como público.

Enfoque multinivel do reto

Esta unidade foi deseñada dende o enfoque dun Recurso Educativo Aberto, o cal implica que toda a variedade de propostas, enfoques, recursos e materiais son susceptibles de ser modificados polo profesorado que o poña en práctica. O seu carácter aberto e flexible permite ser adaptado á realidade da aula, co fin de conectar coas necesidades, circunstancias e/ou motivacións do alumnado.

Así mesmo, ademais de actividades grupais cooperativas que permiten que o alumnado se apoie e colabore mutuamente na aprendizaxe nuns casos, e facilita a repartición de roles en función das diferentes capacidades en tarefas como o reto final, plantéxanse actividades individuais multinivel que permitirán a achega dos contidos á diversidade que exista no alumnado.

En canto ao enfoque multinivel do reto, partindo da idea de que queremos que todo o alumnado participe, propoñemos flexibilidade no número de argumentos presentados:

- O grupo de debate presenta entre 3 e 5 argumentos como mínimo por cada tema proposto, sen especificar tipo de argumento.

- O grupo de debate presenta entre 3 e 5 argumentos como mínimo por cada tema proposto, especificando tipo de argumento: testemuña, exemplo ou experiencia propia, feito ou dato.

- O grupo de debate presenta máis de 5 argumentos por cada tema proposto, especificando tipo de argumento: testemuña, exemplo ou experiencia propia, feito ou dato.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades, propostas, recursos e materiais que se presentan son abertas e flexibles, de tal maneira que poidan ser adaptadas e flexibilizadas ás necesidades, características e motivación do alumnado.

O carácter cooperativo de actividades como Un caballo en mi habitación, ou o propio reto, propician a inclusión, a cooperación, a comunicación e diálogo, a interacción e a colaboración entre o alumnado para resolver diferentes propostas.

As actividades individuais multinivel que se presentan, son graduadas en distintos niveis de dificultade. Isto favorece novamente a atención á diversidade, dado que aínda que a tarefa sexa individual, ofrécense alternativas para as diferentes zonas de desenvolvemento próximo. Ademais, pódense buscar novos desafíos tratando de completar niveis de gradación superior.

Por outra banda, conscientes da diversidade de estilo e necesidades, todas as informacións están acompañadas dun glosario e unha lectura facilitada. Esta iniciativa busca asegurar que o contido sexa accesible para todo o alumnado independentemente do seu nivel de comprensión.

O glosario aclarará termos complexos que poden dificultar a comprensión da información. As definicións son claras e concisas, adaptadas ao contexto, acompañadas dun pictograma, e ofrecen exemplos adaptados ao nivel do alumnado para facilitar a súa asimilación.

A lectura facilitada que acompaña a cada texto caracterízase polo uso dunha linguaxe sinxela e clara, frases cortas e directas, doada de seguir.

Con estas ferramentas, a información adquire un carácter accesible e comprensible que fomenta unha aprendizaxe inclusiva onde cada estudante se sinta valorado e coa capacidade de acadar o seu máximo potencial.

Categorías gramaticais

A aprendizaxe da gramática pode ser un proceso complexo e abstracto para o alumnado. Unha forma de facelo máis atractivo e efectivo, é utilizar imaxes e símbolos que representen as diferentes categorías gramaticais.

Beneficios das imaxes e símbolos:

  • Fixación dos contidos: as imaxes e símbolos axudan a visualizar e comprender mellor os conceptos gramaticais.
  • Motivación: o uso de materiais visuais fai que a aprendizaxe sexa máis atractiva e divertida.
  • Manipulación: o alumnado pode recortar e manipular as imaxes e símbolos, o que lles permite unha aprendizaxe máis activa e participativa.

Para o caso de que sexa a primeira vez que o alumnado traballa a gramática utilizando figuras que representan as categorías gramaticais, pode colocarse na clase un cartel coa correspondencia entre figuras e categoría. Recomendamos tamén ter figuras manipulables, doadas de facer con calquera material: plastilina, plástico, cartolina, goma eva... ou impresas en 3D, que facilitarán o traballo na aula.

No apartado “3.2. Recursos e solucións do REA” podedes acceder a recursos e material de axuda para a gramática manipulativa.

Proposta para o fomento do hábito lector

Neste REA, o alumnado desenvolverá o seu hábito lector no primeiro momento no que comece a buscar e recompilar información para poder crear os argumentos necesarios para o debate. Porén, a maiores disto e en relación ao reto, recoméndanse algúns dos seguintes recursos:

- Lindgren, Astrid (2008). Pippi Calzaslargas. Editorial Juventud.

- Delaserra, Eva (2025). Mi primer libro sobre perros. Anaya Infantil y Juvenil.

- Campbell, James (2019). La divertida vida de las mascotas. Anaya Infantil y Juvenil.

- Hughes, Catherine D. (2020). Mi primer gran libro de las mascotas. National Geographic Kids.

O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 ten, na súa web, unha serie de material descargable (contos, cómics e ilustracións) que poden ser de axuda e complementarios durante o desenvolvemento desta Situación de Aprendizaxe.

Seguramente, na biblioteca do centro o alumnado poderá atopar outros libros sobre o tema.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)