Metodoloxía
A creación deste REA (Recurso Educativo Aberto) englóbase no marco do proxecto cREAgal que se pode consultar na guía do proxecto.
A área de Lingua Castelá e Literatura desempeña un papel fundamental na vida do alumnado, tanto a nivel instrumental como social. Por este motivo, neste REA preséntase un reto que conecta coas inquietudes sociais do século XXI, co obxectivo de potenciar a súa capacidade de análise da información e fomentar unha actitude crítica, activa e participativa dentro da sociedade.
Por unha banda, no que respecta á proposta metodolóxica para a materia segundo o aplicativo PROENS, pódense destacar as seguintes liñas:
- Aprendizaxe cooperativa: o deseño de tarefas en grupo require comunicación entre iguais, escoita de ideas, aprendizaxe de normas de convivencia, etc. que potencian o desenvolvemento da linguaxe; permitindo a cada individuo desenvolver as súas capacidades específicas.
- Aprendizaxe significativa: as propostas terán unha vinculación directa co alumnado de forma que sexa para eles algo conectado coa súa realidade.
- Ensinanza individualizada: complementariamente ao traballo cooperativo, os docentes proporcionaremos tarefas e ensinanzas a cada un dos alumnos en función das súas capacidades e necesidades.
- Entorno multimedia: a linguaxe está presente en distintos formatos como por exemplo: directo, a través de material impreso, a través de medios electrónicos visuais e sonoros. Desenvolveranse destrezas de comunicación oral e escrita nestes distintos soportes de maneira equilibrada.
- Autoavaliativo: nas tarefas individuais, así como nas colectivas, será o propio alumno e alumna quen revise e avalíe a súa produción na busca de erros e de mellora comunicativa.
- Progresividade e consolidación: todo o aprendido en cada momento vai enriquecer o xa adquirido anteriormente. Deste xeito irán potenciando as capacidades comunicativas, e o desenvolvemento curricular no curso reforza e enriquece o adquirido no curso anterior.
- Alfabetización mediática e informacional: dedicarase unha porcentaxe de tempo non inferior ao 25% á aprendizaxe e práctica de procura de información, de coñecemento da organización dos contidos (en biblioteca, en internet, en sitios web específicos...) e no desenvolvemento competencial no manexo de ferramentas TIC no proceso de construción do coñecemento de forma activa por parte do alumnado.
- O acceso á literatura farase a través do fomento do hábito lector, para o que se conta co momento lector diario, así como o recollido no proxecto lector do centro.
Por outra banda e de forma complementaria á proposta anterior, atopamos a concreción metodolóxica deste REA nas seguintes liñas centrais:
- O uso dunha temática significativa e relacionada coa súa realidade, que está vinculada a aspectos de interese para o alumnado e que contribúe a alcanzar os obxectivos de área a través do reto que se propón.
- Accesibilidade cognitiva a través de DUA, que permite a eliminación de barreiras ao incluír aspectos como lectura facilitada, contido alternativo en formato audio e tamén a posibilidade de apoio visual.
- Inclusión e diversidade na aula e a personalización da aprendizaxe dada a oferta de actividades multinivel, os modelos en formato ecolóxico e imprimible... opcións na representación, expresión e participación (tanto en formatos como en estilos).
- Atender aos distintos estilos e ritmos de aprendizaxe nas propostas de realización das distintas tarefas.
- Autonomía no proceso de ensino-aprendizaxe, no que o erro forma parte da aprendizaxe e o carácter competencial dos criterios de avaliación permiten atender tanto ao produto final esperado como aos procesos e actitudes. A autoavaliación e retroalimentación colectiva é construtiva e permite a mellora de xeito progresivo.
- Usar distintas modalidades de agrupamento: traballo individual, en pequeno grupo ou en gran grupo para favorecer as interaccións do grupo-aula.