Imos de viaxe!
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado para que o alumnado de 1º de ESO recoñeza a realidade plurilingüe de España como unha fonte de riqueza cultural. Na situación de aprendizaxe (SA), ademais de afondar nas linguas do Estado, o alumnado investigará sobre outras manifestacións artísticas e culturais, especialmente as creacións literarias.
Nesta SA, o alumnado terá que planificar en grupos a excursión de final de curso a unha Comunidade Autónoma de España. Para a resolución do reto, elaborarán un tríptico informativo sobre o destino escollido e realizarán un breve vídeo explicativo da súa proposta de viaxe para convencer o resto do grupo das vantaxes de facer realidade o seu proxecto.
As metas de aprendizaxe deste REA son as seguintes:
- Coñecer as linguas de España.
- Valorar a diversidade lingüística e cultural de España.
- Rexeitar os prexuízos lingüísticos.
- Investigar sobre as manifestacións artísticas.
- Adquirir as competencias básicas para viaxar no século XXI.
- Identificar e empregar os recursos expresivos da lingua.
- Ampliar o vocabulario mediante o uso adecuado de dicionarios.