De microbios a plantas: misión científica
O REA "De microbios a plantas: misión científica" fai referencia aos contidos correspondentes aos catro reinos -Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas- pertencentes ao curso de 1ºESO.
O núcleo temático céntrase na reflexión e valoración dos seres vivos dos catro reinos, promovendo unha observación atenta e respectuosa do medio que os rodea.
O REA presenta cinco fases diferenciadas:
- Na fase 1 "Comeza o percorrido" realízase unha recapitulación inicial sobre o concepto de biodiversidade e seguidamente preséntase o reto. Esta esta busca motivar ao alumnado para que valore a riqueza biolóxica do seu entorno
- Na fase 2 "Lembrando outras rutas" por unha parte revísase e refórzase o coñecemento do alumnados sobre a clasificación dos seres vivos e os niveis tróficos. Ademais, presentarase a figura de dúas mulleres pioneiras no estudo da biodiversidade, promovendo o recoñecemento do seu labor científico. Como parte desta fase, levarase a cabo un experimento baseado nos pasos do método científico para desmontar un boato.
- Na fase 3 "A misión comeza" estúdianse os catro reinos —Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas— con especial atención ás súas características principais, funcións vitais, clasificación e o papel fundamental que desempeñan nos ecosistemas. Cada un destes contidos abórdase a través de actividades interactivas e de caderno, mapas interactivos, visitas virtuais con fotos en 360º, así como miniexperiencias de aula e de laboratorio, que permiten ao alumnado explorar e aprender de forma activa e vivencial
- Na fase 4 "O reto: coñece, observa e protexe" os estudantes aplican os coñecementos adquiridos ao longo do REA mediante a observación e clasificación dos organismos da contorna próxima do alumnado, prestando especial atención aos que pertencen aos catro reinos estudados.
- Na fase 5 "Conclusión" recompílanse as ideas claves do REA a través dun mapa conceptual que permite sintetizar e organizar visualmente os contidos estudados, facilitando a comprensión e consolidación da aprendizaxe.