Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

O ensino das Ciencias da Natureza debe fomentar nos estudantes a capacidade de aprender de maneira autónoma, traballar en equipo e aplicar métodos de investigación adecuados. É fundamental conectar os aspectos teóricos coas súas aplicacións prácticas na sociedade, promovendo unha comprensión profunda e significativa dos fenómenos naturais. Neste proceso, o alumnado constrúe o seu propio coñecemento a través da análise e a síntese, poñendo a proba as súas propias teorías. Desde unha perspectiva didáctica, a aprendizaxe das ciencias debe basearse na observación, a análise e a experimentación, permitindo aos estudantes desenvolver habilidades de indagación, formulación de preguntas, procura de explicacións e comunicación de resultados. Este enfoque favorece o pensamento crítico, a curiosidade e a capacidade de resolver problemas de maneira estruturada.

O recurso educativo dixital segue unha metodoloxía activa e participativa, baseada na aprendizaxe experiencial. A través de diversas ferramentas e actividades, os estudantes exploran os diversos contidos e desenvolven habilidades de maneira dinámica e contextualizada. Concretamente neste REA utilizamos as seguintes:

  • Mapas interactivos e visitas virtuais con imaxes 360º: permiten ao alumnado explorar contornas naturais e ecosistemas de maneira inmersiva, facilitando a observación de organismos e espazos desde distintas perspectivas e localizacións sen saír da aula.
  • Vídeos e experiencias de laboratorio: a través de vídeos e demostracións prácticas, os estudantes poden observar experimentos en acción, o que facilita a comprensión de conceptos teóricos e a súa aplicación a contextos reais. O traballo de laboratorio ofrécelles un espazo para poñer a proba as súas ideas, contrastar hipóteses e reinterpretar coñecementos. Esta interacción co mundo físico permite corrixir erros, reforzar interpretacións coherentes e conectar a teoría coa realidade.
  • Actividades manuais: fomentan a creatividade e a expresión a través da elaboración dun algario e herbario facilitando a comprensión e asimilación dos contidos.
  • Actividades interactivas: propoñen unha aprendizaxe lúdica e motivadora, que impulsa o pensamento crítico, a toma de decisións e o traballo colaborativo.

Para garantir unha aprendizaxe significativa, o recurso incorpora diferentes tipos de actividades:

  • Actividades de iniciación: permiten coñecer as ideas previas do alumnado, activar coñecementos e predisponerlos favorablemente á aprendizaxe.
  • Actividades de desenvolvemento e estruturación: facilitan a posta en práctica e asimilación de novos contidos, integrándoos na experiencia persoal do estudante.
  • Actividades de aplicación e profundización: permiten ampliar e aplicar os coñecementos adquiridos en novos contextos.
  • Actividades de consolidación e síntese: reforzan e estruturan as aprendizaxes, garantindo a súa comprensión sólida.
  • Actividades de reforzo: deseñadas para apoiar a quen require maior acompañamento no seu proceso de aprendizaxe.

Este enfoque metodolóxico busca involucrar activamente aos estudantes na súa aprendizaxe, combinando ferramentas tecnolóxicas e recursos prácticos. Ao adaptarse a diversos estilos de aprendizaxe, foméntase unha maior participación, autonomía e comprensión profunda dos contidos.

TIPOS DE AGRUPAMENTOS

As diversas formas de agrupamento que se utilizarán, divídense en tres tipos:
- Gran grupo
- Equipos de traballo cooperativo
- Traballo individual

Feito con eXeLearning (Nova xanela)