Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
- Caderno e ordenador do estudante
- Dotación da aula: proxector ou panel dixital.
- Material específico necesario para a miniexperiencia de aula: cartolinas ou goma eva, plastilina...
- Material específico para a miniexperiencia "mirando o invisible" (microscopio óptico composto e instrumental básico para microscopía).
- Recursos específicos para o desenvolvemento do reto. O calendario pode ser desenvolvido en diferentes formatos; segundo esto, os materiais variarán desde papel, cartolina, material para facer colages, etc. ou plataformas en liña (Canva, Genially, etc.) e/ou programas informáticos (Inkscape, Gimp, etc.).
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA propóñense actividades de forma individual, en parellas e en grupo. No caso dos agrupamentos de aprendizaxe cooperativa o docente ten liberdade para agrupalos según o tipo de actividade pero sempre tendo en conta os seguintes aspectos:
- Equilibrados: a distribución de tarefas debes ser equitativa permitindo que todos os membros participen de maneira xusta na resolución do problema ou na tarefa asignada. Ningún membro debe quedar excluído ou ter unha carga desmesurada de traballo.
- Con apoio mutuo: os membros do grupo deben estar dispostos a axudar aos outros, a compartir ideas, a escoitar e a proporcionar feedback construtivo. A cooperación non só se basa en traballar xuntos, senón tamén en apoiar o proceso de aprendizaxe de cada un.
Produtos finais
O produto final que debe acadar o alumnado neste reto de ciencia cidadá consiste en utilizar a plataforma Natusfera para estudar bacterias, protoctistas, fungos e plantas a través dunha aproximación práctica en tres ámbitos principais:
- Crear e subir as súas propias observacións, baseándose nos traballos previos realizados.
- Verificar as observacións doutros participantes, axudando que acaden o grao de investigación.
- Contribuír nun proxecto temático do centro cun obxectivo científico ou de conservación concreto.
Así, o alumnado participa activamente no proceso científico, contribuíndo a proxectos reais e adquirindo habilidades propias da investigación cidadá.
Enfoque multinivel do reto
Este REA adáptase a un modelo educativo que recoñece as diferenzas no nivel de desenvolvemento, intereses e estilos de aprendizaxe, proporcionando apoio para que todo o alumnado participe activamente. Na sección 3.5, Recapitula e afonda, preséntanse actividades de sínteses e profundización con diferentes niveis de complexidade, permitindo que cada estudante traballe segundo o seu ritmo e capacidades para alcanzar o seu máximo potencial.
No caso concreto do reto, o enfoque multinivel queda reflectido na diversidade de modelos de calendario a desenvolver e a cantidade/calidade da información recollida en cada caso. A labor docente é crucial neste punto. É importante guiar ao grupo, ou aos diferentes equipos de traballo, no sentido de delimitar o nivel. Ideas a barallar nese sentido son, entre outras:
Delimitar a información a recoller de cada especie, graduando desde só algunha das características recollidas no REA (e indicadas na lista de cotexo), ata todas elas.
Determinar o formato do produto final segundo as habilidades do alumnado, desde analóxico/manipulativo a dixital (como xa se adiantou ao falar dos recursos necesarios).
Sobre o material descargable
No material descargable inclúense numerosos nomes científicos de seres vivos, especialmente daqueles pertencentes aos reinos Moneras, Protoctistas e Fungos, xa que adoitan ser menos coñecidos polo alumnado. A inclusión destes nomes busca achegar aos estudantes ao vocabulario científico, ofrecéndolles unha forma máis precisa de identificar os organismos e axudándolles a familiarizarse coa nomenclatura binomial, como parte do proceso de aprendizaxe.
Con todo, ao tratarse dun material editable, o profesorado ten total liberdade para adaptar os contidos segundo o nivel do seu grupo, podendo eliminar ou simplificar estes termos científicos se o considera necesario, sen que iso afecte á funcionalidade ou aos obxectivos do recurso.