Saltar navegación

3. Guía de uso

Animais e diversos

Este REA "Animais e diversos"  fai referencia aos contidos correspondentes aos diferentes animais, vertebrados e invertebrados, e as súas características, da materia de Bioloxía Xeoloxía de 1ºESO.

A valoración dos diferentes grupos de animais e a consciencia da importancia da biodiversidade, xunto ca relevancia de preservar os biomas, son os eixos temáticos principais, que van da man dunha observación crítica e científica.

Presenta cinco fases diferenciadas:

  • Na fase 1: "A Terra, o fogar dos animais" exponse a problemática actual sobre a crise de biodiversidade, e a tarefa -a xeito de reto- que o alumnado terá que desenvolver para superar esa problemática nun futuro. Ten carácter motivacional, e aparece secuenciada, xunto cos obxectivos que se pretenden acadar nesta unidade.
  • Na fase 2 "Activa o que sabes"  realízase unha breve recapitulación de contidos necesarios, que deberían ter consolidados na etapa anterior, sobre os niveis de organización dos seres vivos, a teoría celular, as funcións vitais, e os diferentes reinos. Engádeselle aquí a contribución de dúas mulleres primatólogas ao estudo dos animais, e unha falsa crenza a desmitificar, relativa ás picaduras dos mosquitos.
  • Na fase 3: "Coñece os animais" están desenvolvidas as características dos diferentes grupos de animais invertebrados e vertebrados; acompañados dun feixe de variadas actividades con diferentes niveis de dificultade.
  • A fase 4: "O reto: Creación da granxa virtual" está deseñada para que o estudantado aplique os coñecementos adquiridos ao longo do REA mediante a investigación, o deseño, e a elaboración dunhas tarxetas dos diferentes animais, por eles seleccionados, para superar os problemas de biodiversidade xurdidos do maltrato ao planeta.
  • Na fase 5: "Vexamos a nosa granxa" ten lugar a presentación dos animais seleccionados, nas tarxetas; sumaríase a aprendizaxe adquirida mediante un mapa conceptual, invítaselle a que avalíen o proceso a través dunha rúbrica, e finalmente ten lugar unha reflexión sobre todo o proceso realizado, e a adquisición de novos coñecementos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)