Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

  • Ordenador do estudante
  • Caderno e bolígrafo do estudante
  • Dotación da aula: proxector ou panel dixital
  • Material específico necesario para a miniexperiencia de aula
  • Laboratorio (instrumentación e materiais propios)
  • Material específico para actividades e creación das tarxetas (cartolinas, lápices de cores, ...)

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Neste REA propóñense actividades de forma individual, e en grupo. No caso dos agrupamentos de aprendizaxe cooperativa a persoa docente ten liberdade para agrupalos segundo o tipo de actividade pero sempre tendo en conta os seguintes aspectos:

  • Heteroxéneos: Deben estar compostos por estudantes con diferentes habilidades, coñecementos e estilos de aprendizaxe. A diversidade favorece a colaboración e a aprendizaxe mutua, xa que os membros poden axudar a completar as debilidades dos demais e aproveitar as fortalezas de cada un.
  • Equilibrados: A distribución das tarefas debe ser equitativa, permitindo que todos os membros participen de maneira xusta na resolución do problema ou na tarefa asignada. Ningún membro debe quedar excluído ou ter unha carga desmesurada de traballo.
  • Flexibles e dinámicos: A medida que avanza o proceso de aprendizaxe, pode ser necesario reorganizar os grupos ou realizar pequenos cambios na dinámica do equipo para asegurar que todos os estudantes sigan comprometidos e que a cooperación sexa efectiva.
  • Con apoio mutuo: Os membros do grupo deben estar dispostos a axudar aos outros, a compartir ideas, a escoitar e a proporcionar feedback construtivo. A cooperación non só basease en traballar xuntos, senón tamén en apoiar o proceso de aprendizaxe de cada un.

Produtos finais

Os produtos finais deste REA son unhas tarxetas onde figuran as características principais dos animais invertebrados e vertebrados - seleccionados, polos diferentes grupos de alumnado, como representativos da biodiversidade terrestre. E, como tal, serán os que desenvolverán a importante misión de recuperar a biodiversidade nun hipotético caso de ter que fuxir do noso planeta ante unha fatal adversidade, e agardar noutro, a que as circunstancias terrestres volvan a permitir a vida. 

Ca presentación destas tarxetas culmina o proceso de investigación, adquisición e consolidación dos contidos realizado polo alumnado ao longo desta unidade. Sen esquecer todos os procesos cognitivos de contraste/refutación de hipóteses aos que foron expostos, baixo un prisma científico.

Enfoque multinivel das actividades

Este REA adáptase a un modelo educativo que recoñece as diferenzas no nivel de desenvolvemento, intereses e estilos de aprendizaxe, proporcionando apoio para que todo o alumnado participe activamente.

Partindo desas diferenzas, o nivel de concreción nos produtos finais, ou de perfección nas respostas, en moitas actividades, non está explícito, pois a persoa docente, como coñecedora da diversidade nas características do alumnado, será quen de fixar o nivel requirido e, como tal, as cualificacións correspondentes a cada actividade.

Nomeadamente, a sección 3.5: Comproba o que aprendiches é un compendio de moitas actividades de síntese e afondamento con diferentes niveis de complexidade, permitindo deste xeito, que cada estudante traballe segundo o seu ritmo e capacidades para alcanzar o seu máximo potencial.

Enfoque multinivel do reto

No caso concreto do reto, o enfoque multinivel queda reflectido na diversidade de modelos de tarxetas a desenvolver e a cantidade/calidade da información recollida en cada caso, para garantir que todo o alumnado poda participar e afianzar o seu coñecemento, independentemente do grado de desenvolvemento das  súas competencias.

Así, no nivel máis elemental, aparecerían os datos máis básicos, e algunha curiosidade; nun nivel medio aparecerían descricións e características máis precisas, para no nivel máis avezado atoparnos tarxetas nas que explicarían detalles de evolución das especies, adaptacións, interaccións con outras especies de animais, estado de conservación, posibles intervencións humanas no seu hábitat...

Unha posible actividade de ampliación, unha vez as tarxetas estean feitas, e o reto acadado, sería empregalas para xogar: 

  1. Escóllese unha tarxeta, e o alumnado ten que recordar o maior número das características do animal, que figuran na tarxeta.
  2. O alumnado terá que elaborar e responder preguntas baseadas nas características do animal (onde vive o __? que come __?).

Aconsellamos estes xogos en pequenos grupos, repartindo as diferentes tarxetas entre eles.

Outras recomendacións á persoa docente

No solucionario que figura nesta guía (apartado 3.2),  figuran indicacións adicionais, que poderían ser necesarias para a posta en práctica dalgunhas actividades e/ou dinámicas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)