Saltar navegación

1. Descrición xeral

Canto contas cando contas

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado ao mundo da música vocal e a súa relación coa narración de contos. O obxectivo é promover unha conciencia crítica e analítica sobre a voz como ferramenta expresiva e a diversidade musical.

Nesta SA, "Canto contas cando cantas", o alumnado deberá comezar explorando o conto "A gaiteira de Lindín", para logo sonorizalo empregando diferentes elementos. Logo, traballando en equipo, terán como reto crear e presentar a súa propia narración ou composición.

A adquisición de destrezas para desenvolver o reto lévase a cabo mediante o estudo de conceptos clave de "Serendipia", incluíndo a linguaxe musical, os elementos sonoros e as músicas do mundo. Posteriormente, na etapa "Cantamos coa gaiteira de Lindín", explorarán a voz como instrumento, a súa clasificación e a música vocal arredor do mundo, incluíndo os bailes da Península Ibérica.

Ao longo deste proceso traballaranse conceptos de educación vocal, ritmo e composición, que logo aplicarán na súa narración e presentación final. Ademais, reflexionarán sobre a diversidade musical e a importancia de usar a voz de forma expresiva. Adquiren tamén coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na interpretación vocal e a composición sinxela.

Co desenvolvemento deste REA, preténdese que o alumnado adquira coñecementos básicos sobre:

  • Conto: elaboración dunha creación artístico-músico-literaria.
  • Linguaxe musical: entoación en grupo dunha canción. Creación de células rítmicas e/ou melódicas.
  • Exploración e creación sonora: selección e construción de fontes sonoras.
  • Educación vocal: identificación e clasificación dos tipos de voces e estruturas vocais.
  • Organización dun evento: conmemoración do Día das Letras Galegas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)