Saltar la navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do cal forma parte este recurso. 

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA  presenta un carácter eminentemente práctico e cun enfoque competencial, sendo fundamentalmente activo e participativo e favorecendo a combinación do traballo individual e cooperativo na aula.
O eixe vertebrador é a resolución de problemas relacionados coa vida cotiá e a contorna do alumnado co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, buscar un enfoque que sexa:

  • Personalizado: búscase a relación cos coñecementos previos do alumnado e propóñense actividades multinivel.
  • Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
  • Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión coa súa contorna.

O alumnado terá a oportunidade de levar a cabo determinadas tarefas mentres explora, descobre, experimenta, aplica e reflexiona sobre o que fai, o que favorecerá a súa implicación no proceso de aprendizaxe e fará que este sexa máis significativo e duradeiro.
Promoverase a participación do alumnado, resaltando o traballo colectivo para afrontar os desafíos e os retos tecnolóxicos que propón a nosa sociedade, contribuíndo á desaparición de estereotipos que dificultan a adquisición de competencias en condicións de igualdade.

Entre os aspectos metodolóxicos aplicados neste REA e seguindo as liñas da materia de Tecnoloxía de Dixitalización destacan: 

  • Aprendizaxe baseada en retos (ABR): O alumnado deberá resolver unha serie de retos e desafíos, para posteriormente obter un produto final, contribuíndo á resolución do problema de contar cun patio inclusivo no seu centro educativo, grazas á creación de novas estruturas.
  • Aprender facendo (learning by doing): O alumnado desenvolve as súas habilidades técnicas no taller, planificando, deseñando e construíndo unha estrutura, o que facilitará a comprensión das estruturas que atopan no seu día a día, así como os elementos que as constitúen. Tamén se propiciará o desenvolvemento de habilidades dixitais e a interacción co seu ámbito social ao longo da súa vida, manexando diferente software, cumprindo as normas de etiqueta dixital e as licenzas de autoría. Empréganse estratexias que promovan un uso eficiente, ético, seguro e crítico de diferentes aplicacións dixitais para diversas funcións como o deseño, a comunicación e a difusión de ideas ou solucións, especialmente destinada á comunicación do proceso tecnolóxico.
  • Titoría entre iguais e aprendizaxe cooperativa: Foméntase o traballo en parellas e pequenos grupos heteroxéneos ao longo da resolución do reto, mellorando e desenvolvendo as súas competencias mediante a colaboración e interacción entre iguais.
  • Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA): Empréganse distintos métodos que teñen en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe. Considérase a diversidade do alumnado, empregando métodos que favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que promovan o traballo en equipo, guiándoo desde a resolución de situacións máis sinxelas ata outras máis complexas e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)