Saltar la navegación

1. Descrición xeral

¡Cómo está el patio!

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) para iniciar ao alumnado de 1º de Ensino Secundario Obrigatorio no proceso tecnolóxico a través dunha situación de aprendizaxe (SA), onde deberán realizar a construción dunha estrutura que mellore o patio do seu centro educativo, facéndoo máis inclusivo. Con este proxecto, o alumnado coñecerá os principais elementos estruturais, os tipos de esforzos e as cargas ás que están sometidos, ao tempo que se inician no manexo dos materiais e ferramentas básicas, cumprindo as normas de seguridade e hixiene.

Seguindo as fases do método de proxectos, o alumnado identificará as necesidades específicas do patio, investigará para concretar solucións creativas, executarán os seus deseños, construirán os seus prototipos e, finalmente, avaliarán os resultados.

Nesta situación de aprendizaxe, ademais, adquiren os coñecementos, destrezas e habilidades precisos para elaborar a documentación do proceso tecnolóxico.

As metas de aprendizaxe a acadar neste REA son as seguintes:

  • Aplicar conceptos fundamentais sobre estruturas: elementos básicos que as compoñen, tipos e o seu comportamento ante esforzos.
  • Establecer estratexias de busca de información sobre estruturas presentes en patios inclusivos.
  • Deseñar e construír unha estrutura que permita converter o patio de centro educativo en inclusivo, empregando os materiais máis adecuados e analizando o impacto ambiental destes, ao tempo que desenvolven o emprendemento, a resiliencia, a perseveranza e a creatividade.
  • Utilizar as ferramentas necesarias para a construción dunha estrutura, así como técnicas básicas de mecanización de materiais reciclables respectando as normas de seguridade e hixiene no taller.
  • Realizar a memoria técnica dunha estrutura nun patio inclusivo, utilizando ferramentas dixitais de forma responsable e empregando o vocabulario apropiado.



Feito con eXeLearning (Nova xanela)