Youtubers deportivos
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 6 -dun total de 8- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Educación Física de 5º de Educación Primaria.
O alumnado sitúase nun contexto motivador conectado coa actualidade dixital: converterse en "youtubers deportivos" para ensinar a outros compañeiros e compañeiras. A situación de aprendizaxe desenvólvese mediante a práctica guiada de dous deportes individuais: o bádminton e o pickleball. O alumnado traballa os xestos técnicos básicos, a táctica elemental e as regras de xogo, ao tempo que aprenden a planificar e gravar videotutoriais educativos. Intégranse competencias dixitais (manexo de ferramentas audiovisuais, edición básica) coas competencias motrices, fomentando a autonomía, a creatividade e a capacidade de comunicación.
O reto final consiste en producir e publicar videotutoriais deportivos sobre bádminton ou pickleball, dirixidos a outro alumnado do centro. Cada equipo deberá seleccionar un aspecto concreto do xogo (saque, desprazamentos, golpes básicos, estratexias), gravar demostracións claras e explicativas, e editar o material final cunha linguaxe accesible e atractiva.