ObraDOiro musical: Maquinando (UD 6)
De seguro que en máis dunha ocasión vos preguntáchedes “¿onde se fai a música?”, ou ben “¿como nace unha canción?”. O certo é que son cuestións moi comúns que todos e todas nos plantexamos nun determinado momento, sobre todo se desfrutamos desta disciplina artística e somos melómanos confesos.
Este proxecto está deseñado para dar resposta a todas estas incógnitas, ao tempo que faremos unha viaxe guiada pola industria musical a prol de discriminar as principais profesións que integran o sector, e coñecer a labor de cada unha das persoas que interveñen neste proceso dende principio a fin.
Empregaremos unha orientación metodolóxica activa, de xeito que será o propio alumnado o que progresivamente e a través das diferentes Obxectos Dixitais Educativos que compoñen o proxecto, teña que desenvolver o rol de cada un destes axentes do mercado musical ao tempo que vai dándolle forma a súa propia creación. Trátase pois dunha perspectiva globalizada que abarca a totalidade dos bloques de contido, na que traballaremos ámbitos como a composición musical e a instrumentación, o arranxo e edición de partituras empregando a linguaxe musical, a creación da letra, a gravación e a mestura, e por suposto a práctica musical. Todo iso apostando pola inclusión das novas tecnoloxías aplicadas á música, procurando un desenvolvemento competencial integral do alumnado pero establecendo a competencia dixital como fío conductor do proceso.