Ghastas pista, Warhol?
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 2 -dun total de 3- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Educación Plástica e Visual de 5º de Educación Primaria.
Nesta situación de aprendizaxe, o alumnado explora a figura de Andy Warhol e a súa estética para visibilizar e homenaxear mulleres relevantes da historia e da cultura galega. Intégranse as conmemoracións do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, o Entroido e o Día Internacional da Muller como eixes temáticos transversais. Mediante unha metodoloxía de indagación e creación colaborativa, os estudantes investigan biografías de mulleres destacadas, analizan as características do estilo Pop (cores planas, repetición, contraste) e aplican estes recursos para crear retratos e composicións visuais orixinais. Trabállase a expresión plástica e audiovisual, o deseño de espazos expositivos e a planificación de actividades interactivas, fomentando valores de igualdade, respecto e compromiso social.
O reto consiste en deseñar e montar unha instalación artística interactiva con recunchos temáticos onde o resto do alumnado poida experimentar con materiais e técnicas inspiradas na obra de Warhol. A instalación inaugurarase nun acto aberto á comunidade educativa, onde o alumnado actuará como mediador cultural, explicando o proceso creativo, o significado das obras e a mensaxe de visibilización e apoderamento feminino que sustenta o proxecto.