El legado de San Fiz de Azar
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 6 —dun total de 8— elaborado no proxecto cREAgal para a materia de Matemáticas de 3.º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A situación de aprendizaxe sitúa ao alumnado no contexto da organización dunha romaría popular, na que a comisión de festas debe tomar decisións baseadas no azar e na probabilidade. A partir de situacións próximas como xogos tradicionais, sorteos, enquisas ou a planificación de actividades, o alumnado traballa conceptos clave como a probabilidade, os sucesos e as súas operacións, ademais de coñecer novas ferramentas de análises como os diagramas de árbore e as táboas de continxencia.
Ao resolver problemas ligados a este contexto e facelo en equipo, o alumnado mellora a súa capacidade para analizar situacións con distintas variables, organizar información e tomar decisións xustas e ben fundamentadas.
O reto consiste en crear un xogo baseado nas tradicións para a sobremesa da romaría no que o azar e a probabilidade sexan elementos importantes. Cada grupo deberá planificar, construír e presentar a súa proposta, acompañada dun informe que inclúa a descrición do xogo, os materiais empregados, regras claras e unha análise dos posibles resultados. Ademais, deberán probar o xogo e rexistrar os resultados para, finalmente, presentalo na aula ante o resto dos seus compañeiros e compañeiras.