Academia de Detectives
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 4 -dun total de 8- elaborado no proxecto cREAgal para a área de Matemáticas de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A situación de aprendizaxe integra os sentidos alxébrico e socioafectivo do currículo de 2º de ESO, presentando problemas onde as pistas para avanzar na investigación veñen dadas a través de elementos audiovisuais (fotos, debuxos, sons) que requiren a aplicación de polinomios, ecuacións de primeiro e segundo grao, ou sistemas de dúas ecuacións lineais. As alumnas e os alumnos traballan en equipos cooperativos, desenvolvendo destrezas de expresión alxébrica, cálculo de valores numéricos, transformación de expresións e resolución de ecuacións, ao tempo que fortalecen habilidades persoais (xestión emocional, asunción de erros) e sociais (participación activa, escoita reflexiva).
O reto final consiste en elaborar de forma conxunta un problema detectivesco orixinal (denominado "caso"), onde as pistas para resolvelo veñan dadas a través dun elemento audiovisual e requiran para a súa resolución unha ferramenta alxébrica específica. Cada equipo deberá deseñar o enunciado do caso, crear os materiais audiovisuais de apoio, proporcionar a solución alxébrica detallada e preparar unha presentación para que outros compañeiros poidan resolver o misterio.