O que digo sen dicir

"Ah" Esa foi a resposta de Breixo cando Sabela lle explicou como solucionar o problema de mates. Con esa expresión, dúas letras, Sabela soubo que Breixo entendera todo. Curioso, non si? Ás veces empregamos sons, sílabas, palabras que din moito máis do que parecen. Son as interxeccións.
A interxección é unha clase de palabra invariable que se utiliza para expresar emocións, reaccións afectivas, impresións súbitas, verbalizar sentimentos ou chamar a atención.
As máis frecuentes son:
- Ah!: indica que caes na conta de algo. (Ah! Xa sei o que teño que facer).
- Ai!: expresa dor física, desánimo... (Ai! Esta perna non para de doerme!).
- Ala!: úsase para dar ánimo, expresar sorpresa... (Ala, Sabela! Xa logo temos o programa).
- Bah!/Boh!: indica incredulidade, desgusto, desprezo (Bah! Non me fixo caso!) (Boh! Non entendín nada!).
- Ca!: nega ou indica incredulidade (Ca, nin falar!).
- Eh!/Ei!: serve para responder a unha chamada ou para chamar a atención de alguén (Ei! Chámame cando chegues!).
- Ho!: úsase para dirixirse a alguén (Non ho! Desta non pasa).
- Oi!: indica sorpresa (Oi! Isto non hai quen o aguante!).
- Vaites!: expresa sorpresa, admiración ás veces con ironía (Vaites, vaites, quen moi ía dicir a min!).
Lectura facilitada
Ah! -Esa foi a resposta de Breixo.
Sabela explicoulle un problema de matemáticas. Con esa palabra, Sabela soubo que Breixo xa entendera todo.
Ás veces usamos sons. Ás veces usamos palabras moi curtas. Estas palabras chámanse interxeccións.
As interxeccións expresan emocións, reaccións e sentimentos. Tamén serven para chamar a atención. As interxeccións non cambian. Sempre se escriben igual.
Algunhas interxeccións son:
- Ah!: cando entendes algo.
- Ai!: cando che doe algo ou estás triste.
- Ala!: para animar ou mostrar sorpresa.
- Bah! / Boh!: cando algo non che gusta ou non o cres.
- Ca!: para dicir que non.
- Eh! / Ei!: para chamar a atención.
- Ho!: para falar con alguén.
- Oi!: cando algo sorprende.
- Vaites!: cando algo chama moito a atención.
Audio
Apoio visual