Lugar onde se gardan libros para consulta ou préstamo.
Exemplo:
Foi buscar libros sobre o Samaín á biblioteca.
Préstamo
Definición:
Acto de entrega dun obxecto ou de cartos para o seu uso e que debe ser devolto nun prazo indicado.
Exemplo:
Teño que devolver o libro que teño en préstamo na casa.
Xuntos sairá!
Abdul, Daniela, Breixo e Sabela xa están traballando a tope no programa. A verdade é máis fácil cando atopas un grupo onde cada un sabe ben o que se lle dá ben e o que mellor sabe facer.
Abdul é moi bo coa mesa de son e Daniela redacta xenial, é capaz de atopar as palabras exactas para contar calquera cousa. Tamén é moi divertida e sabe moitas cancións tradicionais do seu país. Breixo é o máis artista, sempre está de bo humor e pensando en facer trasnadas para que non nos aburramos.
Ao final un programa dá moito traballo e aí aparece Breixo co seu humor e a súa creatividade pois é quen de facer que as dúbidas e as nubes negras que ás veces chegan á nosa cabeza desaparezan.
Abdul, Breixo e Daniela forman parte do equipo de Sabela. No programa cada un deles ten as súas funcións pero colaboran entre eles. O seu lema é “Xuntos sairá!”.
Hoxe teñen unha saída á biblioteca municipal porque lles van ensinar como funciona o sistema de préstamo de libros e de películas. Moitos xa a coñecen pero non saben como pedir un libro ou onde buscar un tema determinado. E tamén hai películas e música. Sabíalo? A que é fantástica! Fíxate ben cando visites unha biblioteca.
Lectura facilitada
Abdul, Daniela, Breixo e Sabela están traballando no programa.
Abdul, Breixo e Daniela forman o equipo con Sabela.
Teñen o traballo repartido pero tamén se axudan.
O seu lema é: “Xuntos sairá!”.
Hoxe van á biblioteca municipal.
Alí ensínanlles como funciona o préstamo de libros e de películas.
Moitos xa coñecen a biblioteca, pero non saben como pedir un libro nin onde buscar sobre un tema.
Audio
Habilidade lectora
Se o teu centro participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, podes usar a plataforma E-LBE, onde hai libros dixitais e audiolibros para todos os gustos.
Ollo, o audiolibro non é “poñelo e xa está”: escoitar ben require atención e concentración. Podes usalo como complemento do libro en papel ou dixital. É perfecto se tes dificultades visuais. Así que xa non hai escusa, lectura ao poder!
En E-LBE atoparás narrativa, teatro, poesía e libros de consulta perfectos para o Tempo de lectura ou para descubrires novas lecturas sen saír da clase ou da casa.
Lembra que tamén tes Galiciale da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, nela podes atopar múltiples recursos.
Para que poidas mellorar a túa habilidade e potencia lectora podes comezar o desafío lector.
O desafío consiste en ler un libro que te atrape e che dea esa sensación de intriga ou emoción. Pódese tratar dunha novela de misterio, un relato de terror ou un libro que fale sobre o fascinante mundo das bibliotecas e os libros.
Escolle algo que che faga vivir unha experiencia única e comparte as túas reflexións co grupo!
Lectura facilitada
Se o teu centro participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, podes usar a plataforma E-LBE, onde hai libros dixitais e audiolibros.
O audiolibro require atención. Pódelo usar mentres les o libro en papel ou dixital. É útil se tes problemas de vista.
En E-LBE hai libros de narrativa, teatro, poesía e libros de consulta.
Tamén tes Galiciale, a plataforma das Bibliotecas Públicas de Galicia.
Agora podes comezar o desafío lector.
O desafío é ler un libro que che guste e que che faga sentir intriga ou emoción. Pode ser de misterio, terror ou sobre bibliotecas e libros.
Escolle un libro e comparte as túas ideas co grupo.