A radio, o meu pequeno mundo

Sabela tamén ten o seu lugar extraordinario porque quere imaxinar, descubrir, contar ou viaxar a outros mundos. Un dos seus lugares é a biblioteca, outro a radio. Teñen máis en común do que che poida parecer, pois a radio naceu na biblioteca e agora nela fálase de libros, de bibliotecas extraordinarias, de poemas, de cancións, de narracións...
Hai xa un ano que Sabela entrou na radio. Nunca pensou que aquel espazo chegase a ser tan importante para ela. O lugar era pequeno, pero para Sabela era o mundo enteiro. Unha das paredes estaba ateigada de carteis. Algúns aí estaban dende que comezou a funcionar a radio. No lateral, a cortiza contiña a organización semanal. Quen tiña que facer o programa, a quen lle tocaba estar na mesa, quen tiña que locutar... A outra parede estaba chea de andeis coas vellas enciclopedias que xa non tiñan sitio na biblioteca; alguén dixera que servían ben para evitar que o son oco dos espazos pequenos saíse nas emisións. E no medio estaba a mesa. Chea de cables que partían da mesa de son cara aos micros e ao ordenador. Alí era onde se facía a maxia. Esa que a enfeitizara había xa un ano, no curso pasado. Sabela non precisaba estar alí para poder describir con precisión como era aquel lugar.
Lectura facilitada
A radio era pequena.
- Tiña carteis nunha parede.
- Tiña unha cortiza para organizar o traballo.
- Tiña andeis con libros vellos.
- No centro había unha mesa con cables, micros e ordenador.
Alí facían o programa.
Sabela lembraba todo moi ben. Pode describila cos ollos pechados.
Para ela, a radio era un lugar especial.
Audio
Podes imaxinar como é?
As descricións teñen a función de representar con palabras unha cousa, un lugar ou unha persoa. Mesmo sentimentos e estados de ánimo.
As descricións poden ser obxectivas ou subxectivas. De que depende?
Unha descrición obxectiva é a que tenta plasmar como é o obxecto, a persoa, o lugar... Nas descricións subxectivas a persoa que describe tenta explicar como é que ela ve esa persoa, lugar... Aquí entran os sentimentos.
Moitas veces as descricións mesturan ambos os aspectos. Sabela, por exemplo, describe o espazo da radio como un lugar pequeno (obxectivo) pero tamén di que é como un mundo enteiro (subxectivo). É dicir, sabemos que o espazo da radio é pequeno, pero sabemos que para Sabela estar alí é como estar no mundo enteiro. Contraditorio, non si? Pero é o que ten estar ou non a gusto nun lugar.
Lectura facilitada
As descricións serven para explicar como é unha cousa, un lugar ou unha persoa.
Tamén serven para explicar sentimentos.
Hai dous tipos:
A descrición obxectiva indica como é algo de verdade.
A descrición subxectiva di como o sente quen describe.
Ás veces mestúranse. Por exemplo:
Sabela di que a radio é pequena. É unha descrición obxectiva.
Tamén di que é como un mundo enteiro para ela. É unha descrición subxectiva.
A radio é pequena, pero para Sabela é especial.
Audio
Apoio visual
Para saber máis
Tipos de descrición
Se lembras, tamén podemos facer unha diferenciación das descricións tendo en conta o que se describe:
- Topografía: descrición dun lugar.
- Prosopografía: descrición dunha persoa fisicamente.
- Etopea: descrición psicolóxica dunha persoa.
- Retrato: a unión das dúas descricións anteriores (posopográfica e etopea).
- Caricatura: descrición humorística ou ridiculizadora dunha persoa esaxerando certas características.
Puntuación
Para facer unha boa descrición, ao igual que para escribir calquera texto, é moi importante ter claros os usos dos signos de puntuación.
- COMA (,): cando a usamos é para avisar que hai que facer unha pausa breve na lectura. Utilízase cando enumeramos para separar cada un dos elementos. Exemplo: Un, dous, tres e catro. Tamén se usan para facer unha pausa para aclarar o que se está dicindo. Exemplo: Cando rematou de comer, o pan con queixo, colleu o vaso de auga.
- PUNTO E COMA (;): marca unha pausa máis pequena que a que marca un punto, pero máis longa que a da coma. A pesar de ter un punto, despois do punto e coma continuamos en minúscula. Serve para separar os elementos dunha enumeración cando eses elementos teñen comas no interior. Exemplo: o elefante, que tiña lentes; o león, que quería bailar; a serpe, que non falaba nunca e o rato amarelo... Tamén para separar oracións que teñen comas. Exemplo: se a pausa é longa, usa o punto; se é curta, o punto e coma.
- PARÉNTESE (()): empregámolas para intercalar aclaracións nunha oración, para dar datos concretos ou que non teñen relación directa co anterior. Exemplo: María (37 anos de idade) era a encargada... Tamén empregamos as parénteses con tres puntos (...) para indicar que se eliminou parte do texto. Exemplo: Había unha vez (...) e o lobo abriu a súa boca...
Podes repasar máis signos de puntuación entrando nesta páxina de contidos educativos. (Accede a páxina web. Abre nunha nova xanela).
Coherencia
Existen 3 propiedades principais dun texto. A cohesión, a adecuación e a coherencia. Un texto debe estar ben cohesionado (debemos unir as diferentes partes con conectores), debe ter adecuación (ser axeitado ao público ao que vai dirixido, escollida correctamente a canle de emisión, a linguaxe...) e por último debe ser coherente.
A coherencia dun texto indica que o texto ten as ideas ordenadas, que están conectadas de forma lóxica, que teñen relación entre elas...
Cando escribas lembra que debes pensar en que o texto debe ser entendido como un elemento único, formado por múltiples partes. A coherencia ou incoherencia dun texto depende diso. Un texto é a suma de diferentes partes, que deben estar relacionadas. Para que o teu texto sexa coherente non te leves a contraria, non unas ideas que non teñen relación entre elas ou lembra a concordancia de xénero, número e persoa.
Lectura facilitada
Hai diferentes tipos de descrición.
- Topografía: describe un lugar.
- Prosopografía: describe como é unha persoa por fóra.
- Etopea: describe como é unha persoa por dentro.
- Retrato: describe unha persoa por fóra e por dentro.
- Caricatura: describe unha persoa de forma divertida. Esaxera algunhas cousas.
Puntuación
Para escribir ben, hai que usar signos de puntuación.
- A coma (,): é unha pausa pequena. Úsase nas listas. Exemplo: un, dous, tres e catro.
- O punto e coma (;): é unha pausa media. Non se usa moito.
- As parénteses ( ): serven para engadir información. A información é extra.
Coherencia
Un bo texto ten sentido.
- As ideas van en orde.
- As ideas están relacionadas.
- O texto non se contradí. Non mestura ideas sen sentido.
- Un texto é un todo. Ten partes, pero van xuntas.
Revisa o que escribes.
Así o texto entenderase mellor.