Enténdese por civilización o conxunto de caracteres propios da vida material e cultural dun pobo nun lugar e tempo determinados.
Exemplo:
A civilización exipcia deixou grandes pirámides, mentres que a civilización romana levantou teatros e acuedutos.
Fibela
Definición:
A fibela é unha peza que adoita ser de metal e que ten unha punta montada nun eixe que serve para manter a roupa unida.
Exemplo:
Ata que se inventaron os botóns, as fibelas servían para fixar as pezas de roupa unhas con outras.
Visión subxectiva
Definición:
A visión subxectiva da Historia ten que ver co feito de que as persoas historiadoras teñen os seus propios puntos de vista. A selección dos feitos que se contan e como se contan, inflúe na interpretación que facemos da Historia.
Exemplo:
Hidacio de Braga foi un historiador con fortes prexuízos cara os suevos debido á súa condición de sacerdote.
Quen eran estes "bárbaros"?
A palabra “bárbaro” deriva do termo grego “barbarophonos”, que se empregaba para distinguir a aqueles pobos que non falaban grego. Posteriormente asimilouse para definir as xentes que non pertencían a civilización grega ou romana e, polo tanto, non falaban nin latín nin grego.
Como xa aprendiches na unidade dedicada a Grecia, o pobo grego considerábase superior a outras civilizacións, e os seus enfrontamentos foron constantes, especialmente cos persas a quen consideraban “bárbaros”. O termo adquiriu connotacións negativas, xa que en Grecia considerábase inferior a todo aquel que non falaba grego -ou que o falaba de xeito incorrecto-, e “ser un bárbaro” acabou significando o mesmo que non ter educación ou intelixencia.
O que ocorre con este tipo de cuestións é que a visión que se ofrece deses pobos é subxectiva, e non se pode esquecer que todo historiador ou historiadora é un ser humano cos seus propios puntos de vista, coas súas experiencias e prexuízos.
Tendo isto en conta, cómpre achegarnos á visión que os historiadores romanos nos deixaron deses pobos do norte de Europa e dos seus costumes tan diferentes dos da propia Roma imperial.
Lectura facilitada
Os gregos chamábanlle "bárbaros" a todas aquelas persoas que non falaban a súa lingua.
En Grecia considerábase inferior a todo aquel que non falaba grego -ou que o falaba de xeito incorrecto-,
e “ser un bárbaro” acabou significando o mesmo que non ter educación ou intelixencia.
O que ocorre con este tipo de cuestións é que a visión que se ofrece deses pobos é subxectiva,
e non se pode esquecer que todo historiador ou historiadora
é un ser humano cos seus propios puntos de vista, coas súas experiencias e prexuízos.
Tendo isto en conta, cómpre achegarnos á visión que os historiadores romanos
nos deixaron deses pobos do norte de Europa e dos seus costumes tan diferentes dos da propia Roma imperial.
Audio
Unha curiosidade
A continuación podedes ver un vídeo da serie Bárbaros na que uns soldados romanos falan latín mentres discuten que facer cun prisioneiro dun dos pobos xermánicos que estamos estudando. Neste fragmento, os soldados romanos levan ante o prisioneiro ante o legado (o enviado do emperador). O home está preso por non querer pagar os tributos que esixía o Imperio, e nun momento dado póñenlle diante a aguia imperial para que a bique. As aguias imperiais eran símbolos do imperio, e polo tanto representaban a Roma e o emperador. Darlle un bico era, por tanto, aceptar a autoridade imperial.
A que non esperabas que o latín clásico soase así?
Traballamos coas fontes: Tácito
O escritor Tácito, que viviu entre os séculos I e II d. C., é autor dunha obra chamada Dos costumes, sitios e pobos de Xermania onde recolle a seguinte descrición:
“O vestido de todos eles é túnica ou albornoz que pechan con fibela, ou non tendo, con espiña, ou algo parecido, e sen poñerlles nada máis, quedan todo o día no lume. Os máis ricos difiren no seu vestido, pero non levan un vestido ancho, como os sármatas e partos, senón estreito, e de tal xeito que revela a marca de cada membro. Tamén traen peles de animais salvaxes, os que están preto das ribeiras do Rin, sen que se preocupe por iso; pero os que viven no interior, con máis curiosidade, como os que non teñen outro traxe aprendido polo oficio e o trato da nosa xente. Escollen os animais salvaxes, e as peles que lles sacan decóranas con manchas que confeccionan, e con outras de monstros mariños que xera o océano máis setentrional e o mar que non coñecemos. As mulleres levan o mesmo hábito que os homes, pero os seus vestidos son a maioría das veces feitos de liño, tinguidos con traballos morados e sen mangas, porque os brazos e as costas están ao descuberto, así como a parte superior do peito.”
A imaxe da esquerda representa a un soldado suevo. Como podes ver, leva o peito descuberto e uns pantalóns que se axustan á súa anatomía. Estes pantalóns chamábanse braccae, e foron moi empregados na Idade Media. Na parte dereita da cabeza podes ver o chamado "nó suevo", xa que era costume entre os homes suevos anoarse o cabelo a un lado. A maiores deste tipo de figuras e dos testemuños dos historiadores romanos, no 1948 atopouse en Osterby (Alemaña) un cranio que se datou entre os anos 75 e 150 d. C. e que resulta moi interesante porque conserva perfectamente o cabelo cun "nó suevo", que demostra que as representacións e os relatos históricos eran certos.
Lectura facilitada
O escritor romano Tácito, é autor dunha obra chamada "Dos costumes, sitios e pobos de Xermania"
onde recolle o tipo de vestimenta que tiñan estes pobos xermanos, que era moi diferente á romana.
Por exemplo: dinos que todos van vestidos con túnicas pechadas con fibelas ou algo parecido,
que os ricos teñen roupas diferentes que lle marcan o corpo, que empregan as peles de distintos animais
e que as mulleres levan vestimentas de lino tinguidas e sen mangas.
Esta información achegada polos historiadores romanos puido comprobarse e contrastarse con fontes arqueolóxicas.
Audio
Se queres saber mais...
O home de Osterby En 1948 os irmáns Max e Otto Müller atopábanse collendo turba (un material que se emprega como combustible) nun pantano cando atoparon este cranio. A sorpresa foi que conservaba perfectamente o cabelo. Despois de analizalo, os investigadores concluíron que orixinalmente o cabelo era loiro, pero que os elementos químicos do pantano o volveron dunha brillante cor laranxa. O feito de que levara o cabelo anoado a un lado demostrou que os relatos dos historiadores romanos eran certos e que os suevos adoitaban a levar este tipo de peiteado, tal e como se representa nas pequenas esculturas da época, como a que aparece neste apartado. O cranio de Osterby foi datado entre os anos 75 e 150 d. C., e xunto coa súa localización e o peiteado que leva, permítenos afirmar que nos atopamos ante un verdadeiro suevo da época romana!
Tarefa
Despois de ler esta descrición, anota no teu caderno que diferenzas atopas entre a forma de vestir dos pobos xermanos e a moda romana.
Invasións bárbaras vs Migracións dos séculos IV-V
Estes pobos eran todos orixinarios da Xermania, un territorio que se correspondería coa actual Alemaña e os países veciños, coma Polonia, ao leste, e Dinamarca, ao norte. Os historiadores din que na noite do 31 de decembro do ano 406 d. C. o río Rin, que servía como fronteira do Imperio, conxelouse, e estes pobos xermánicos aproveitaron para cruzar e entrar no territorio de Roma.
Na actualidade, a visión deturpada dos pobos xermánicos está superada, de xeito que xa non se adoita a falar de "invasións bárbaras", senón de migracións do século IV-V. Sabemos que moitos deses pobos xermanos asimiláronse dentro da cultura grecorromana e que, tras o rexeitamento inicial, foron unha parte importante da sociedade antiga e a base da Europa medieval. Porén, a chegada dun grande número de xente con costumes tan diversas ao Imperio tivo que ser un feito moi impactante para a xente de Roma e, como adoita ocorrer, a desconfianza é o primeiro que se sinte cara a diferenza.
Lectura facilitada
Na actualidade, a visión negativa dos pobos xermánicos está superada,
de xeito que xa non se adoita a falar de "invasións bárbaras",
senón de migracións do século IV-V.
Os pobos xermanos acabáronse fundindo coa cultura romana
e acabaron asentando a base da sociedade de Europa na Idade Media.
Audio
En busca das palabras perdidas...
Le o parágrafo que aparece a continuación e complétao coas palabras que faltan para que teña pleno sentido histórico. O seu contido está relacionado cos contidos traballados neste apartado.