Saltar la navegación

1. Un momento de grandes cambios

Unha situación moi actual

Fotografía de inmigrantes nunha balsa achegándose ao USS Carney

Poñémonos en situación: esta semana, noutra aula do voso centro, estiveron lendo varias noticias sobre os numerosos migrantes que chegan ás costas españolas. A profesora pediulle ao seu alumnado que dera a súa opinión sobre esa situación e moitos defenderon a idea de que non se debería permitir que se quedaran no país e que había que deportalos aos seus países de orixe, porque non nos achegaban nada. 

A profesora explicoulles que, ao longo da historia, numerosos pobos instaláronse noutros territorios e aprenderon a convivir coas persoas que estaban alí, producíndose unha mestura de culturas que favoreceu a todos, como no caso das invasións dos pobos bárbaros no Imperio Romano de Occidente. 

A análise da sociedade, da economía, da organización social e da cultura dos pobos "bárbaros" e a súa relación cos territorios aos que chegaron antes e despois da caída do Imperio Romano de Occidente,  axudaranos a entender os motivos dos seus desprazamentos e  os intercambios culturais que se produciron nesa época (e os que se producen na actualidade cando persoas dun país chegan a outro), ademais de contribuír a conseguir determinadas metas dos  Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

A grandes trazos

Neste recurso imos estudar un momento moi importante da Historia: a fin da Idade Antiga e o inicio da Idade Media. Trátase do primeiro grande cambio histórico dende a invención da escritura en Mesopotamia e, como adoita ocorrer cando se producen este tipo de rupturas, trouxo grandes cambios a nivel político, social e relixioso.

Un dos feitos máis importante estivo relacionado coas migracións de pobos enteiros dende o norte de Europa. Estes pobos de orixe xermánica non formaban parte do Imperio Romano e vivían fóra das fronteiras ou limes. A partir do século IV, cruzaron esas fronteiras e instaláronse en territorio romano: é o que os historiadores romanos chamaron as "invasións bárbaras" e que tradicionalmente se relacionan coa caída do Imperio Romano de Occidente. Pero, eran tan bárbaros estes pobos como nolo contaron? Realmente destruíron todo ao seu paso?

Nas próximas sesións descubrirás as principais características destes pobos e a súas relacións coa poboación local, as principais fontes históricas e como estes feitos marcaron a Historia de Europa ata hoxe.

Tras cada un dos bloques que compoñen o recurso, deberás acudir ao diario de aprendizaxe e cubrir os apartados correspondentes. Estes apartados non son tarefas, senón reflexións sobre o teu propio proceso de ensino-aprendizaxe para que sexas consciente do que aprendes e de como aprendes.

Lectura facilitada

Imos estudar un momento moi importante da Historia: a fin da Idade Antiga e o inicio da Idade Media.

Trátase do primeiro grande cambio histórico dende a invención da escritura en Mesopotamia.

Trouxo grandes cambios a nivel político, social e relixioso.

Un dos feitos máis importante foron as migracións de pobos enteiros dende o norte de Europa.

Estes pobos de orixe xermánica non formaban parte do Imperio Romano.

A partir do século IV, cruzaron esas fronteiras e instaláronse en territorio romano.

Chamáronse polos historiadores as "invasións bárbaras".

Veremos as características destes pobos e a súas relacións coa poboación local,

as principais fontes históricas e como estes feitos marcaron a Historia de Europa ata hoxe.

Redacta!

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaComo verás ao longo desta unidade, os pobos xermánicos tiveron que migrar dende o norte de Europa cara ao sur debido á presión que os hunos exerceron sobre as fronteiras do norte do Imperio Romano. Os hunos eran un pobo guerreiro procedente de Asia central, e na súa expansión cara ao leste fixeron que as tribos chamadas "bárbaras" tiveran que deixar os seus territorios para buscar novos asentamentos nos que poder vivir en paz (aínda que a chegada destes pobos aos novos territorios non foi precisamente pacífica).

Agora reflexiona sobre a seguinte frase de Pablo de la Cruz, profesor de arqueoloxía da Universidade de Salamanca: "Europa nace das migracións". Que cres que significa? Como cres que as migracións contribuíron a xerar unha cultura europea? Anota os teus pensamentos no diario de aprendizaxe.

Un reto de grupo

O reto ao que se enfrontará o grande grupo tras as sesións dedicadas á presentación dos contidos da unidade ten tres modalidades que podedes escoller por equipos:

Reto 1: Facer unha presentación onde se amosen as principais características dos pobos xermánicos que se instalaron no territorio do Imperio Romano de Occidente.

Reto 2: Gravación dun podcast “bárbaro” onde recollades as características dos pobos xermánicos, pero dende a primeira persoa! Debedes metervos na pel dun membro deses pobos que chegaron ao territorio romano e contar como foi a vosa experiencia dende Xermania ata a Gallaecia.

Reto 3: Gravar unha animación coa técnica de stop motion sobre os diferentes aspectos dos pobos bárbaros.

Lectura facilitada

O reto ten tres modalidades que podedes escoller por equipos:

Reto 1: Facer unha presentación onde se amosen as principais características dos pobos xermánicos.

Reto 2: Gravación dun podcast “bárbaro” onde recollades as características dos pobos xermánicos.

Reto 3: Gravar unha animación coa técnica de stop motion sobre os diferentes aspectos dos pobos bárbaros.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)