A que lle chamamos Idade Media?
Neste recurso imos adentrarnos nunha época de cambios, que marca a fin da Idade Antiga e o inicio da Idade Media. De seguro que viches películas e series ambientadas na época medieval e na época antiga, pero moitas veces non temos unha idea clara de cando ocorre o que estamos a ver representado, xa que ao manexar períodos de tempo moi longos adoitamos perder a perspectiva temporal.
A que lle chamamos exactamente Idade Media? Cando falamos de Historia, xa sabemos que nos referimos aos períodos nos que dividimos os feitos que aconteceron dende que se inventa a escritura en Mesopotamia. Para poder manexar datos e sistematizar os coñecementos, os/as historiadores/as dividen a Historia en catro grandes períodos: Idade Antiga, que vai dende a invención da escritura (aproximadamente dende o 3500 a. C.) á caída do Imperio Romano de Occidente (século V d. C.); Idade Media, dende a caída do Imperio Romano (século V d. C.) ata a invención da imprenta (1440 d. C.); Idade Moderna: dende a invención da imprenta (1440 d. C.) ata a Revolución Francesa (1789); Idade Contemporánea: dende a Revolución Francesa (1789) ata hoxe.
As liñas do tempo axúdannos a facernos unha idea clara da sucesión dos feitos históricos e a darnos de conta da enorme distancia que nos separa das épocas que estamos estudando. Fíxate na seguinte liña do tempo:
Como podes ver, recolle os feitos dun período relativamente breve: son soamente uns 200 anos! Porén, dende a fin do Reino Suevo ata hoxe pasaron case 1500 anos. Nese período inventouse a imprenta, construíronse catedrais, chegouse a América, o ser humano pisou a Lúa...
Estes séculos IV e V son moi importantes porque son unha época de cambio e trouxeron grandes novidades para a sociedade. A situación política tamén cambiou coa caída do Imperio Romano de Occidente, e o mundo clásico deu paso a outro completamente diferente. Verémolo nesta unidade.
Lectura facilitada
Neste recurso imos aprender sobre os cambios que se produciron
ao final da Idade Antiga e os inicios da Idade Media.
A Idade Media comeza coa caída do Imperio Romano de Occidente (século V)
e remata coa invención da imprenta, no 1440.
Os feitos que imos estudar comprenden "soamente" 200 anos!
