Saltar navegación

MANS Á OBRA

BOTELLÓFONO

Botella con diferentes niveles de agua
brgfx (Freepik). Botella con diferentes niveles de agua (CC BY-SA)

Chega o momento que estabades agardando! Neste último apartado da unidade elaboraremos o noso propio instrumento de percusión de altura determinada (IPAD) empregando materiais reciclados. Soa ben, a que si? Por chamarlle dalgunha maneira, imos a presentalo como o "botellófono", un nome nada orixinal que non fai honra a todo o potencial que ten. Xa veredes! Primeiro prestade atención a todos os materias necesarios para poder construílo sen dificultade. Precisaremos:

  • Oito botellas ou vasos de vidro
  • Cinta de cores ou témperas
  • Baquetas (no seu defecto podemos empregar utensilios de madeira)

Para coñecer pasiño a pasiño como é a elaboración do instrumento picade na seguinte lapela para avanzar. Imos aló!

PREPARAMOS OS MATERIAIS

O primeiro que faremos é comprobar que dispoñemos de todos os materias necesarios para realizar a actividade. Unha vez seguros/as, comezamos!

Paso 1

Identificaremos cada unha das oito botellas ou vasos de cristal empregando a técnica dos sonocolores, de maneira que todas presentarán unha cor diferente. Para conseguilo podemos empregar cinta de cores, etiquetas ou calquera outro recurso que nos permita distinguilas sen problema. Se queredes, podedes engadir tamén en cada obxecto o nome da nota que representa cada cor para poder identificala a simple vista. Deseguido podedes botarlle un ollo a como é o código de cores para seguir unha orde establecida. 

Codigo cores
Ankside (Wikimedia Commons) Iván Suárez. Clave de Sol y notas en Pentagrama (modificada) (CC BY-SA)

E agora unha pequena imaxe representativa de como vai tomando forma o proxecto.

Botellófono
Iván Suárez. Botellófono (CC BY-SA)

Paso 2

No caso de non dispoñer de baquetas musicais, elaboraremos as nosas propias baquetas empregando utensilios de cociña de madeira ou ben paus de brochetas. Para facelos máis consistentes, podedes empregar a propia cinta para agrupar un feixe deles tal e como se amosa na seguinte imaxe.

Baquetas
Iván Suárez. Baquetas recicladas (CC BY-SA)

AFINAMOS O INSTRUMENTO

Como xa sabedes, a auga e son lévanse estupendamente ben tal e como acabades de ver coa armónica de cristal. Desta volta imos a empregar o líquido como un recurso imprescindíbel para fabricar o botellófono. O problema é que dependendo da cantidade de auga que botemos en cada caso modificaremos a altura do son, producindo un resultado máis grave (se ten máis auga) ou máis agudo (se pola contra ten menos auga). Pero... con que cantidade de auga deberedes encher cada unha das botellas? O certo é que non existe unha soa resposta. Isto débese a que no son non soamente inflúe a cantidade de auga, senón que tamén está directamente relacionado co tamaño, material e forma da botella. Polo tanto, cada formato de botella é un mundo!

Pero non vos procupedes, no seguinte paso atoparedes un recurso fantástico para conseguir calcular a cantidade de cada botella á perfeción.

Paso 3

"Gota a gota, nota a nota". Esta vai a ser a filosofía do paso máis importante na elaboración do instrumento. Xa explicamos que cada nota ten unha frecuencia de vibración determinada, que condiciona a súa altura, ao tempo que coñecimos a existencia dunha táboa que amosaba unha frecuencia concreta para cada unha das notas que compoñen a escala musical. Por se queredes refrescar a memoria, podédela volver a consultar.

Táboa de Hz
Iván Suárez Prada. Táboa de Hz (CC BY-SA)

Pois ben, neste apartado deberemos conseguir igualar cada unha desas frecuencias predefinidas co son que produce o noso instrumento en cada nota, un procedemento moi común no ámbito musical que recibe o nome de afinar. Como facelo? Existen dúas opcións:

  • A primeira (que recomendo sempre para comezar) é ir trasteando coa cantidade de auga de cada botella e intentar igualala ao son de cada nota empregando o oído. Sen máis. Unha boa forma de adestrar e comprender a dificultade que ten este proceso musical. Non será demasiado preciso, pero é válido para realizar unha aproximación. Tan só tedes que reproducir o arquivo de audio da nota correspondente, golpear a botella que ten o mesmo nome e ir variando a cantidade de auga ata que o son se asemelle o máximo posible. Animádesvos?
  • A segunda ten que ver co emprego dun recurso moi útil nos tempos que corren, un aparello dixital que analiza as frecuencias de vibración e nos indica se estamos afinados ou non. Coñécese co nome de afinador, e é unha marabilla! O seu formato é semellante ao cadro de mandos dun coche, soamente que en vez de marcar a velocidade do automóbil indícanos a velocidade das ondas de son. Como funciona? No centro da pantalla aparecerá o nome da nota que está máis próxima a estar afinada, acompañada de dous símbolos musicais, o b (bemol) na esquerda e o # (sostido) á dereita. O primeiro (bemol) indica que o son está algo baixo ou grave, mentres que o segundo (sostido) indica que o son está algo alto ou agudo. Cando a frecha do indicador se sitúe no centro, máis ou menos, o son desa nota estará afinado. No noso caso se o son da nota está demasiado grave deberemos quitar auga, e polo contrario se está moi agudo deberedes encher a botella un pouquiño máis

No seguinte vídeo podedes entender mellor como é o seu funcionamento, neste caso empreguei a ferramenta que xa coñecedes do Laboratorio Musical de Google para facer a demostración. Centreime en afinar a nota LA, que como tedes na táboa ten unha frecuencia de vibración de 440Hz. Imos a ver que acontece!

Iván Suárez. Titorial de afinación botellófono (CC BY-SA)

Picade no seguinte enderezo para abrir o AFINADOR e comezar a perfilar o voso novo instruemento!  Lembrade activar o permiso do micrófono unha vez aberta a páxina para que poida escoitar o son e indicarvos que facer (subir ou baixar).

CACHARREAMOS

Unha vez teñades o voso instrumento a punto, toca comprobar que todo funciona correctamente. De forma ilustrativa, podedes contemplar o resultado neste caso emrpegando soamente dúas botellas (SOL e RE) para facer un ritmo pegañento!

Iván Suárez. Demo botellófono SOL e RE (CC BY-SA)



Feito con eXeLearning (Nova xanela)