Escaleira musical!
Escoitades iso? Semella que alguén anda pisando nos chanzos desta escaleira musical pero... estará subindo ou baixando? Non estou seguro! Que decides vós? Podedes escoitalo tantas veces como queirades. Pois ben, se aínda tedes dúbidas non vos preocupedes, menos mal que recentemente na múisica ideouse un sistema universal para sacarnos deste lío!
Como acabamos de comprobar, identificar un son pode non resultar sinxelo ás veces, non si? Isto débese principalmente a que o son é un elemento que non podemos clasificar a simple vista, senón que precisamos adestrar o noso oído bastante para recoñecelo sen dificultade. Unha demostración moi clara é o tempo que tardariamos en identificar a voz das persoas que coñecemos... aquí xa non teríamos ningunha dúbida, verdade? Cada persoa ten un timbre de voz distinto que a fai única, de maneira que se estamos afeitos a escoitala poderíamos recoñecela nun abrir e pechar de "orellas". Na música acontece o mesmo, xa que cada unha das notas que compoñen a escala musical ten un son concreto, e diferéncianse pola súa altura. A cuestión sería ter práctica dabondo para poder ordenalas simplemente escoitándoas... pero iso leva moito tempo e esforzo crédeme!
Pero que acontecería se fóramos quen de relacionar cada unha destas notas con algún elemento que puidéramos ver ou tocar? Así o choio xa pinta doutra maneira. O certo é que non fai moito tempo (por sorte) creouse un código para relacionar cada nota cunha cor predefinida, coñecido como nome de SONOCOLORES. Desta maneira visualizando unha secuencia de cores poderiamos adiviñar a melodía que se agocha detrás.