Que é unha orquestra?
Escoitades iso? Hai que ver como senta un cálido aplauso cando é ben merecido! Pois esta sensación é a que experimentan os integrantes dunha orquestra en cada ocasión despois dun concerto.
Pero antes de comezar e primeiro de todo... benvidos e benvidas a esta aventura musical tan singular! Supoño que se estades lendo isto é porque decidíchedes emprender unha viaxe didáctica que fará un percorrido polos diferentes instrumentos musicais e familias que compoñen a formación dunha orquestra. Pero empecemos polo principio!
Un pouquiño de historia!
Sabedes de onde provén a palabra orquestra? Como podedes imaxinar, este termo ten moitísimo tempo, orixínase en Grecia e Roma fai miles de anos e podería traducirse literalmente como "espazo para bailar". Nos seus inicios non presentaba (nin moito menos) o número de músicos ou os intrumentos aos que estamos afeitos hoxe en día, senón que era máis ben unha xuntaza informal de carácter popular na que se cantaba, tocaba e bailaba.
O concepto foi evolucionando co paso do tempo, pero comezamos a falar de orquestra como unha agrupación organizada no período Barroco (SXVII), e finalmente consolídase a formación durante o Clasicismo (SXVIII). Polo camiño, establecéronse diferentes tipos de orquestra en función das necesidades musicais e dispoñibilidade de espazo para os concertos, e como consecuencia apareceron diferentes agrupacións orquestais. Centrarémonos soamente nas tres máis importantes. Seguide lendo!
Orquestra de corda
Que vos parece esta primeira orquestra? Un pouco pequena... non si? Trátase da orquestra de corda, e é con diferenza a máis reducida das formacións orquestais. Xeralmente é unha agrupación ideal para tocar en espazos de tamaño máis reducido, e adoita contar con entre oito e doce músicos. A pesar das súas pequenas dimensións, mantén o espírito das súas irmáns maiores pero soamente alberga instrumentos da familia de corda (violín, viola, violonchelo e contrabaixo). Ocasionalmente pode presentar algún instrumento de corda diferente coma o piano ou a arpa, para alternar timbres musicais distintos. A súa sonoridade é máis íntima e delicada. Queredes ver como soa? Picade na pista de audio.
Orquestra de cámara
Escoitáchedes como soa? A medio camiño entre unha orquestra de corda e a súa irmán maior atópase a orquestra de cámara. Unha boa opción intermedia, que presenta instrumentos de tódalas familias (vento, corda e percusión) pero desta volta nun formato mediano, xeralmente entre vinte e trinta músicos. Isto permite unha sonoridade plena pero sen perder a intimidade dunha formación reducida.
Orquestra sinfónica
Agora é a quenda para a maior de tódalas orquestras, a afamada orquestra sinfónica. O seu tamaño pode superar os oitenta músicos, con instrumentos de tódalas familias (vento, corda e percusión) e xeralmente acompañados por outros máis exóticos e menos habituais. Gran parte das obras clásicas que coñecedes foron compostas para ser interpretadas por esta formación, xa que conta cun potencial sonoro e unha posta en escena que non deixan indiferente a ninguén! Botádelle un ollo... ou mellor dito unha orella e escoitade como soa.
Quen dirixe o cotarro?
Dirixir é algo moi persoal, e cada director ou directora ten o seu propio xeito de facelo, o seu propio style. Hainos máis enérxicos, con movementos fortes e espaventos, ou pola contra tamén podemos atopalos cunha maneira de dirixir máis comedida, ou incluso nalgunhas ocasións case apática. Isto supón todo un reto para os integrantes das orquestras, que teñen que adaptarse a forma de expresión da persoa que os dirixe para coñecer como quere interpretar a música, un proceso que leva tempo e require de moito adestramento. Algo semellante acontecería no mundo do deporte cando se troca o adestrador dun clube, xa que aínda que no equipo continúan os mesmos xogadores os resultados poden ser completamente diferentes, verdade? A diferenza principal é que no ámbito musical nin se gaña nin se perde, claro! A pesar de todo, existe un consenso universal nas pautas de dirección, de maneira que tódolos directores e directoras empregan unha linguaxe común que tódolos intérpretes poden identificar.
Como ben sabido é que unha imaxe vale máis que mil palabras, agora deberedes prestar especial atención a figura do director no seguinte vídeo; fixádevos en como transmite a enerxía cos movementos, a súa expresión corporal e como é capaz de adaptarse cando dirixe a orquestra enteira ou ben cando acompañan a unha cantante ou instrumentista solista. Non perdades ollo!