Cara a onde queremos ir?
Repasando:
Espazos públicos integradores e sostibles
Os espazos públicos son indicadores da calidade de vida en relación á seguridade e confort que nos proporcionan así como os servizos sociais, económicos e culturais.
A Xunta de Galicia creou unha Guía de boas prácticas na intervención de espazos públicos para proporcionar criterios que aseguren que avanazamos cara a espazos integrados, eficientes, inclusivos e responsables, tendo en conta as contornas urbanas, rurais e naturais, e respectando a diversidade paisaxística de Galicia que vai máis ala destas contornas.
Imos ver este vídeo onde se explica como funciona a guía e logo continuaremos lendo. En liñas xerais, na guía analízanse máis de 100 espazos públicos das 12 grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificándose 13 tipoloxías. Estes trece grupos cobren dende a escala miúda (micro-espazos, accesibilidade vertical) ata a grande escala paisaxística (bordos litorais ou carballeiras), permitindo clasificar practicamente calquera intervención sobre o dominio público galego. Os conceptos chave que debes comprender son:
- Paisaxe cultural: recoñece o espazo público como produto da interacción histórica entre sociedade e territorio.
- Cohesión social: prioriza deseños que fomenten encontro, xogo interxeracional e igualdade de uso.
- Adaptación bioclimática: aprovéitase a orientación solar, a ventilación natural ou a sombra vexetal para reducir consumo enerxético.
- Economía circular: selección de materiais durables, reciclables e de proximidade.
- Servizos ecosistémicos: pavimentos permeables, xardíns de choiva e arborado que melloran a confort térmica e xestionan a escorrentía.
Unha cidade que non sexa propiedade do turismo
A xentrificación é un proceso urbano polo cal certos barrios populares ou históricos experimentan unha transformación progresiva debida á chegada de novos habitantes con maior poder adquisitivo. Esta chegada adoita ir acompañada da rehabilitación de edificios, apertura de negocios enfocados ó turismo ou ó consumo de luxo, e un encarecemento xeral dos prezos: dos alugueiros, da vivenda, dos produtos e servizos locais.
A primeira vista, pode parecer unha mellora: as rúas están máis limpas, hai novos establecementos, restáuranse edificios en ruínas. Pero o que ocorre detrás é máis complexo e problemático: as persoas que vivían alí tradicionalmente, moitas veces de rendas baixas ou ligadas á identidade histórica do barrio, vense obrigadas a marchar. A xentrificación non é só un cambio físico, senón tamén social e cultural: expulsa ás veciñanzas orixinais e despersonaliza os espazos, converténdoos en decorados turísticos.
Turismo en Galicia
Segundo datos de xuño de 2024, Galicia rexistrou máis de 12,4 millóns de pernoitas turísticas ata outubro, un incremento do 1,4 % respecto ó ano 2023. De acordo coa Oficina do Peregrino, en Santiago de Compostela concedéronse 499 239 Compostelas, o que representa un incremento do 11,9 % respecto do ano anterior.
Compostela é un exemplo claro de xentrificación. A cidade histórica, co seu carácter monumental e o Camiño de Santiago converteuse nun espazo crecente de atracción para investimentos turísticos. Debido a isto, alugueiros de longa duración foron substituídos por vivendas turísticas; moitas persoas maiores, estudantes e familias con baixos ingresos tiveron que abandonar o centro pola subida dos prezos. Este fenómeno afectou tamén ós comercios tradicionais, que foron substituídos por tendas de souvenirs, cafeterías de estética internacional e pisos turísticos xestionados por grandes plataformas.
O resultado é unha cidade que, en lugar de acoller á súa veciñanza, prioriza o uso turístico do espazo público e da vivenda, provocando a perda de identidade e dificultando que Compostela siga sendo un lugar habitable para a súa poboación local. A situación esixe políticas públicas valentes que limiten a especulación, protexan a vivenda social e garantan o dereito a vivir na cidade.
Para saber máis sobre o fenómeno da xentrificación, propoñémosvos que botedes un ollo a este vídeo sobre xentrificación de Miles de Ciudades.
Cidades integradoras
O urbanismo non é neutro. As cidades, barrios e espazos públicos están deseñados por persoas, e durante moito tempo foron pensados desde unha perspectiva masculina e produtivista, centrada no coche, nos tempos do traballo e na función económica. O urbanismo con perspectiva de xénero propón mirar a cidade doutro xeito: tendo en conta as necesidades, experiencias e vivencias de todas as persoas, especialmente das mulleres e doutros colectivos que historicamente foron invisibilizados.
Esta perspectiva parte dunha idea clave: non todas as persoas vivimos a cidade do mesmo xeito. As mulleres adoitan realizar máis desprazamentos a pé, combinando tarefas (coidar, acompañar, comprar, traballar), e son máis sensibles á seguridade, á iluminación, á accesibilidade ou á dispoñibilidade de servizos próximos. Tamén son máis usuarias do transporte público e dos espazos de coidado (parques, centros de saúde, escolas).
O urbanismo feminista ou inclusivo busca crear cidades máis habitables, seguras, accesibles e coidadoras. Isto implica repensar o deseño urbano: ampliar beirarrúas, mellorar a iluminación, distribuír os servizos básicos de xeito máis equitativo, crear espazos para o encontro, eliminar barreiras arquitectónicas e fomentar a participación real da cidadanía nas decisións.
Unha cidade segura
A seguridade nas cidades é un dos piares fundamentais para garantir unha boa calidade de vida. Sentirse seguro no espazo público permite ás persoas desenvolverse con liberdade, participar na vida comunitaria, traballar, estudar, gozar do lecer e crear lazos sociais. Mais a seguridade urbana non debe entenderse só como a ausencia de delitos, senón tamén como un conxunto de condicións físicas, sociais e culturais que fan que a cidade sexa acolledora e habitable para todas as persoas.
Factores como a iluminación adecuada, o deseño de espazos abertos, a presenza de zonas verdes ben coidadas, o mantemento do mobiliario urbano, o transporte público accesible e a planificación participativa da cidade contribúen a reducir o medo e previr situacións de risco. Tamén é esencial o traballo comunitario, a implicación cidadá e a educación en convivencia, respecto e igualdade.
Cidades seguras para as mulleres
Non todas as persoas viven a cidade do mesmo xeito. As mulleres enfróntanse a situacións específicas de inseguridade que van máis alá das estatísticas de delincuencia: miradas invasivas, comentarios non desexados, medo a camiñar soas pola noite ou a utilizar determinados espazos. Este tipo de violencias cotiás limitan a liberdade de movemento e afectan ó benestar emocional das mulleres.
Por iso, unha cidade verdadeiramente segura é aquela que incorpora a perspectiva de xénero no seu deseño e na súa xestión. Isto implica escoitar as experiencias das mulleres, mellorar a visibilidade e accesibilidade dos espazos, garantir transportes seguros e promover campañas de sensibilización. Significa tamén recoñecer que a violencia simbólica ou ambiental é tan limitante como a física.
Reflexión
Abre Google Maps e calcula o traxecto que hai desde a túa vivenda ata o instituto. Supoñamos que tiveses que facelo en bicicleta: que tramos son seguros e cales non? E camiñando?
Supón agora que volves de noite á casa, tarde. Sentiríaste segura/o?
- Camiños e sendas peonís interiores (tránsitos rurais, sendas escolares, accesos compartidos, etc.)
- Paseos e sendas costeiras (paseos marítimos, camiños de servidume litoral, rutas de cantís…)
- Paseos e sendas fluviais (córregos, ribeiras urbanas, vieiros de ribeira)
- Prazas urbanas (núcleos históricos, prazas cívicas contemporáneas, espazos estacionais)
- Xardíns e parques (parques urbanos, áreas recreativas suburbás, xardíns botánicos)
- Carballeiras e campos da feira (tradicionais lugares de reunión e festa)
- Espazos públicos en contornos patrimoniais (acrópoles históricas, pazos, mosteiros, castros)
- Orlas e fronte litorais urbanas / rías (dársenas, beirarrúas portuarias, miradoiros sobre a ría)
- Bordos urbanos e transicións campo-cidade (ensanches periféricos, áreas periurbanas)
- Espazos industriais e portuarios con uso público (parques empresariais, zonas de servizo abertas)
- Elementos de mobilidade vertical (ascensores, escaleiras mecánicas, funiculares, pasarelas)
- Outros espazos singulares destinados a infraestruturas públicas menores (glorietas axardinadas, plataformas estacionais, micro-espazos residuais recuperados).
Para visibilizar a nosa implicación na loita por este tipo de urbanismo, imos facer uns mapas colaborativos que expoñeremos no vestíbulo do instituto.
Lectura facilitada
1. Espazos públicos e Guía de boas prácticas
Un bo espazo público mellora a nosa vida porque é cómodo, seguro e ofrece servizos. A Xunta de Galicia fixo unha Guía para axudar a deseñalos. Quere que sexan:
- Integrados na paisaxe.
- Eficientes e accesibles.
- Responsables co medio ambiente.
Na Guía analízanse máis de 100 exemplos de toda Galicia e clasifícanse 13 tipos de espazos.
Conceptos clave:
- Paisaxe cultural: o lugar conta a historia da súa xente.
- Cohesión social: o deseño debe favorecer o encontro e o xogo.
- Adaptación bioclimática: aproveitar sol, vento ou sombra natural para aforrar enerxía.
- Economía circular: usar materiais locais, duradeiros e reciclables.
- Servizos ecosistémicos: árbores, xardíns de choiva ou pavimentos permeables que axudan á sombra e á drenaxe.
2. Xentrificación e turismo
A xentrificación ocorre cando chegan persoas con máis cartos a un barrio popular. Suben os prezos e a veciñanza de sempre debe marchar. En Santiago de Compostela moitos pisos de alugueiro convertéronse en vivendas turísticas. A cidade perde residentes e comercios de proximidade.
3. Urbanismo con perspectiva de xénero
As cidades foron deseñadas pensando sobre todo nos coches e no traballo. As mulleres fan máis traxectos a pé, usan máis o transporte público e precisan espazos ben iluminados e seguros.
- Ampliar beirarrúas e eliminar barreiras.
- Mellorar iluminación e servizos próximos.
- Facer participar a toda a cidadanía nas decisións.
4. Seguridade urbana
Sentirse seguro inclúe boa iluminación, zonas verdes coidadas, transporte accesible e participación veciñal. As mulleres sofren medos e agresións que non sempre aparecen nas estatísticas, polo que é clave incorporar a súa experiencia no deseño da cidade.
5. Exercicio de reflexión
- Calcula a túa ruta ata o instituto en bicicleta ou a pé. Que tramos son seguros? Cales non?
- Imaxina a mesma ruta pola noite. Sentiríaste seguro ou segura?
6. Tipos de espazos públicos na Guía
- Camiños e sendas peonís interiores
- Paseos e sendas costeiras
- Paseos e sendas fluviais
- Prazas urbanas
- Xardíns e parques
- Carballeiras e campos da feira
- Espazos en contornos patrimoniais
- Orlas e fronte litorais urbanas
- Bordos urbanos e zonas de transición
- Espazos industriais ou portuarios con uso público
- Elementos de mobilidade vertical (ascensores, escaleiras mecánicas)
- Outros espazos singulares pequenos
7. Actividade final
Crearemos mapas colaborativos para sinalar:
- Espazos seguros e inseguros no noso contorno.
- Ideas para mellorar accesibilidade, seguridade e inclusión.
Exporanse no vestíbulo do instituto para compartir o aprendido.
Comproba se entendiches os conceptos!
1. Cal dos seguintes é un exemplo de servizo ecosistémico nun espazo público?