Saltar navegación

3. Sostibilidade habitacional: vecindarios solidarios

O boom do ladrillo

A comezos dos anos 1970 o abaratamento de custos na fabricación de vivendas e o auxe do turismo provocaron un crecemento descontrolado da maioría das vilas en España. Na imaxe podes ver o momento no que a vila de Boiro comeza a deixar atrás a vila que foi, organizada arredor do vello Camiño Real ("carretera principal"), para convertirse nun núcleo turístico das Rías Baixas. As ordenacións urbanísticas tardarían moito aínda en chegar... 

Boiro, circa 1970
Descoñecido (foto de exposición concello de Boiro). Boiro, circa 1970 (CC BY-SA)

Investiga

Busca en internet fotos da túa vila de antes e despois do Boom do ladrillo e reflexiona: que debería terse evitado? 

Poñeremos os resultados en común.

Eco-barrios

Os eco-barrios, comunidades enerxéticas son iniciativas comunitarias que comparten a idea de que os propios veciños e veciñas se organizan para recortar emisións de CO₂ e facer os seus barrios máis sostibles. En xeral, os puntos en común deste tipo de asociacións son:

  • Autoorganización veciñal: a idea xorde desde o barrio; a administración local adoita facilitar lugares de reunión, permisos ou microfinanciación.
  • Propiedade compartida e beneficio mutuo: aforros na factura, redución dun 30-100 % das emisións enerxéticas e fondos para iniciativas sociais.
  • Educación e participación: organizan obradoiros sobre eficiencia, horta urbana, mobilidade sostible, compostaxe, etc.
  • Escalabilidade: moitos comezan con 1-2 edificios públicos (colexio, pavillón, centro cívico) e logo expanden a vivendas privadas ou distritos enteiros.
Exemplos de veciñanza que se organiza para baixar as emisións
Nome do modelo Que fan Exemplos con ligazón
Transition Towns Grupos locais que fomentan consumo de proximidade, horta urbana, reparación, enerxías renovables e resiliencia fronte ó cambio climático. Totnes (UK)
Transition Town Worthing (UK)
Comunidades enerxéticas / Barrio solar Veciños, concello ou pequenas empresas instalan paneis solares comúns, reparten a enerxía e reinvesten aforros en acción social ou ambiental. Barrio Solar Actur (Zaragoza)
La Pablo Renovable (Rivas-Vaciamadrid)
Com. Energ. Casco Histórico (Toledo)
Eco-distritos / Barrios carbono-neutros Urbanizacións deseñadas ou rehabilitadas para cero emisións: edificios de baixo consumo, calor distrital renovable, mobilidade a pé/bici, verde urbano. Bahnstadt (Heidelberg)
Bryant District (Ann Arbor)
Clichy-Batignolles (París)
Proxectos “cero” a escala local Plans municipais integrais que mobilizan fogares, industria e transporte cara á neutralidade climática. Project Zero – Sønderborg (Dinamarca)

Vivendas intelixentes para cidades intelixentes

Vivenda do futuro
Ana Moreiras con chat GPT. Vivenda do futuro (CC BY-SA)

Para lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible é preciso construír baixo a óptica da eficiencia enerxética, o cal se logra aplicando técnicas pasivas e activas de aforro enerxético. As técnicas pasivas son as que teñen que ver co deseño e selección de materiais, e verémolas máis adiante.

As técnias activas reférense a reducir a pegada a través de tecnoloxías: 

    Tecnoloxías para reducir o consumo

    Redución de consumo
    Ana Moreiras con Chat GPT. Redución de consumo (CC BY-SA)

    O aforro de enerxía no fogar pode lograrse mediante o uso de electrodomésticos de baixo consumo, identificables pola súa etiqueta enerxética A ou superior, que permiten realizar as mesmas tarefas cun menor gasto eléctrico. Ademais, o uso de tecnoloxías intelixentes, como temporizadores, sensores de presenza ou sistemas domóticos que regulan automaticamente a iluminación e a climatización, contribúe a reducir o consumo enerxético sen renunciar ao confort. Apostar por bombillas LED, apagar os dispositivos en lugar de deixalos en espera, ou instalar termostatos programables son outras estratexias eficaces que non só melloran a eficiencia, senón que tamén reducen a factura eléctrica e o impacto ambiental.

    Tecnoloxías para a mellora da calidade de vida: domótica e IoT

    Edificios intelixentes
    Ana Moreiras con Chat GPT. Edificios intelixentes (CC BY-SA)

    Ata agora falamos de como reducir a nosa pegada ecolóxica, pero agora pasamos a unha pregunta chave: como facelo sen perder calidade de vida, sen irnos a un modelo habitacional antigo?

    A resposta dánola a Tecnoloxía a través da domótica, ou sexa, a integración de sistemas de automatización e control relativos a accesibilidade (montacargas en pasamáns), seguridade, climatización, calidade do aire, conexión de equipos audiovisuais, etc. A través de apps podemos controlar todos os sistemas electrónicos da vivenda, o cal aumenta a nosa calidade de vida e, a un tempo, reduce o gasto enerxético, pois a xestión automática e intelixente evita gasto inútil de enerxía.

    Á domótica veu incorporarse recentmente a IoT (Inteligence of things), que consiste en conectar sensores a obxectos e facer lectura intelixente dos datos. É o caso de weareables como gafas con realidade aumentada, collares intelixentes para cans, maletas robots... Recoméndovos ver este vídeo de Insite SAS onde se fabula sobre o fogar do futuro, e que contén, entroutros, exemplos coma estes:

    • Mango Mirror: un espello conectado a diferentes APPs de saúde que é capaz de informarte do teu peso, calidade do sono, hidratación corporal, etc. 
    • Altavoz intelixente: que ademais de conectarse ó sistema de audio da túa casa pode darche a previsión meteorolóxica, o estado do tráfico, a túa lista da compra... 
    • Webcams conectadas a apps de móbil, que poden controlar a seguridade da casa pero tamén como quedan o can e o gato ;)
    • Control de acceso por biometría.
    • Aspiradora intelixente: a próxima xeración vai permitir cargar os planos da casa para que a limpeza sexa máis eficiente.
    • Neveras conectadas: avísate se che falta algún produto básico ou se tés outros a punto de caducar, e mesmo os encarga á tenda online na que esteas conectada. 

    Sona todo moi apetecible, pero non esquezamos que todos estes sistemas "tamén nos vixían a nós"!

    Un tipo moi especial de vivenda intelixente é a casa pasiva: un tipo de construción cun consumo enerxético moi baixo (inferior a 15 kWh/m²/ano), e que ofrece unha temperatura ambiente confortable durante todo o ano sen a aplicación da calefacción convencional. 

    Passivehouse: consumo enerxético

    "Casa pasiva" é un edifico que aforra enerxía e aproveita as condicións solares. "Passivhaus" é un estándar que establece uns obxectivos concretos a cumprir, é dicir, é unha certificación que debe auditarse tecnicamente. Estes valores están establecidos polo Passive House Institute (PHI) de Alemaña, organismo que regula o estándar a nivel internacional, e son:

    • Demanda de calefacción/refrixeración, ≤ 15 kWh/m² ó ano: unha casa pasiva ben deseñada consume 90% menos enerxía que unha casa convencional para climatización.
    • Demanda de enerxía primaria, ≤ 60 kWh/m² ó ano (PE demand): inclúe todos os consumos: calefacción, auga quente, electrodomésticos, ventilación...
    • Infiltración de aire, ≤ 0,6 renovacións/hora (n₅₀). Isto é unha medida da hermeticidade da vivenda: indica que entra moi pouco aire do exterior se as portas e fiestras están pechadas.
       

    Exemplo práctico: Unha vivenda de 100 m² que compre o estándar non debería consumir máis de:

    1.500 kWh/ano en calefacción (15 × 100),
    6.000 kWh/ano en total (60 × 100).

    Como se deseña para lograr unha passivehaus

    As chaves deste tipo de deseño son:

    • Sistemas de captación de enerxía solar (de forma directa -galerías, xanelas- ou indirecta -muros de acumulación, quecemento de fluídos, etc.-).
    • Ventilación forzada: a través dunha serie de condutos e un sistema mecánico, provócase unha circulación do aire interior da vivenda. Extráese de cuartos húmidos como baños, cociñas ou lavanderías, renovándoo, e incorpórase fresco e limpo a estancias secas e habitables como o salón, dormitorios ou comedor.

    Un dos grandes obxectivos do deseño pasivo é dotar os edificios dun ambiente cómodo e saudable, cun aire de calidade, sen humidades nin cheiros desagradables. Isto require que o aire de todas as estancias se renove ou depure continuamente para evitar o aire viciado.

    Lectura facilitada

    A vivenda do futuro: tecnoloxía e aforro

    Se queremos construír vivendas sostibles, é importante aforrar enerxía. Para iso, hai dous tipos de técnicas:

    • Técnicas pasivas: teñen que ver co deseño da vivenda e os materiais que se usan. (Verémolas máis adiante).
    • Técnicas activas: usan tecnoloxía para consumir menos enerxía e mellorar a vida nas casas.

    Como podemos reducir o consumo de enerxía?

    Unha boa maneira é usar electrodomésticos de baixo consumo. Teñen unha etiqueta que di “A” ou superior. Fan o mesmo, pero gastan menos luz.

    Tamén podemos usar tecnoloxía intelixente como:

    • Temporizadores que acenden ou apagan luces e aparellos automaticamente.
    • Sensores que detectan se hai alguén na habitación.
    • Bombillas LED e termostatos programables.
    • Apagar os aparellos cando non se usan (non deixalos en espera).

    Todo isto reduce a factura da luz e coida o medio ambiente.

    Domótica: tecnoloxía para vivir mellor

    Non se trata só de gastar menos. Tamén queremos vivir cómodos. Por iso existe a domótica: é o conxunto de sistemas que automatizan a vivenda.

    Exemplos:

    • Control da calefacción, luces ou persianas dende o móbil.
    • Montacargas para persoas con mobilidade reducida.
    • Detectores de fume ou de fugas de gas.

    Con domótica conseguimos confort e seguridade e reducimos o consumo porque todo está controlado.

    IoT: obxectos que "pensan"

    Un paso máis é o IoT (Internet das cousas). Son obxectos conectados a internet que recollen e analizan datos.

    Exemplos de IoT no fogar:

    • Espello intelixente: dálle información sobre o teu corpo: peso, sono, hidratación...
    • Altavoz intelixente: responde a preguntas, poñe música, di o tempo ou recorda a lista da compra.
    • Cámaras conectadas: vixían a casa e permiten ver ás mascotas cando estás fóra.
    • Control por pegada dixital ou cara: para abrir portas con seguridade.
    • Aspiradoras intelixentes: que limpan soas e coñecen a distribución da casa.
    • Neveras conectadas: informan do que falta e poden facer a compra por ti.

    Todo isto parece moi moderno e útil, pero cómpre lembrar que tamén se recollen datos sobre nós. Debemos usalo con responsabilidade.

    Análise do consumo da nosa vivenda

    Duración
    20'
    Modo de participación
    Individual

    Na imaxe aparece o consumo dunha vivenda galega: trátase dun piso de 70m2 cun sistema de calefacción eléctrico da coñecida "calor azul". A factura foi emitida por Nosa Enerxía, unha cooperativa galega que opera con enerxías alternativas.

    Tendo en conta que o 80% do consumo é en calefacción, compara o custo desta vivenda co dunha Passivehaus.

    Consumo enerxía anual vivenda 70m2
    Ana Moreiras. Consumo enerxía anual vivenda 70m2 (CC BY-NC-ND)

    Sigue os pasos que se che indican a continuación:

    Potencia eléctrica en España

    O kWh

    En electricidade, a enerxía total consumida por un sistema é o produto da potencia que absorbe polo tempo que está conectada:

    E = P.t

    En cálculos de circuítos eléctricos mídese a potencia en Watt (vatios) e o tempo en segundos. O produto de vatios por segundo é o Joule (J), unidade do sistema internacional.

    Cando falamos de consumo doméstico, a unidade de potencia coa que se traballa é un múltiplo do vatio: o kW (kiolvatios).

    Así pois, kWh (kilovatio hora, non kilovaio por hora) é unha unidade de enerxía. Indica a enerxía consumida ou xerada cando se mantén unha potencia de 1.000 W durante unha hora.

    • Exemplo: unha estufa de 1.000 W acesa durante 2 horas consome 2 kWh.

    Cal é o prezo do kwh?

    En España existen dúas grandes modalidades de tarifas eléctricas: as tarifas reguladas e as tarifas libres. A diferenza entre elas é fundamental para entender o que pagamos pola luz.

    • As tarifas reguladas (tamén chamadas PVPC, Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor) son aquelas nas que o prezo da electricidade varía cada hora, segundo a oferta e a demanda no mercado eléctrico.
    • As tarifas libres son as que ofrecen as compañías eléctricas no mercado aberto. As condicións (prezo, duración, descontos, servizos asociados...) dependen de cada empresa.

    Teñen diferentes características e prezos diferentes. Como referencia o prezo medio en España do kWh no 2025 foi de 0,1344 €/kWh en tarifas reguladas (PVPC).

    O custo dunha factura eléctrica

    Convén que saibas que: 

    • O prezo media anual do kWh é unha referencia estable, útil para estimar facturación ou calcular custos enerxéticos.
    • As tarifas como a PVPC cambian cada 15 minutos e poden coñecerse nesta web.
    • Os consumidores con tarificación por horas poden aforrar moito se usan os electrodomésticos durante as horas de menor custo.
    • Ó custo de enerxía consumida deben sumarse peaxes, impostos (IVA, etc.), polo que o prezo final será superior.

    Cálculo custo potencia

    Na imaxe tés a información sobre o consumo total nun ano. Considera o prezo medio do kWh de hoxe e multiplica.

    Comparación cunha Passivehaus

    Consumo límite

    Como aprendiches no bloque anterior, as Passivehaus teñen criterios moi estritos de consumo.

    • Calefacción/refrixeración: ≤ 15 kWh/m² ó ano.
    • Demanda de enerxía primaria: ≤ 60 kWh/m² ó ano

    Calcula canto sería o máximo que podería consumir a vivenda do noso exemplo nun ano en calefacción e en total, tendo en conta o seu tamaño.

    Balance final (calefacción)

    Considerando que o gasto en calefacción é do 80% (calcúlao a partir do consumo medio no ano, según os datos da factura).

    • Cantos kwh se excede respecto a unha passivehaus?
    • Ó prezo que usaches para o kWh, canto supón a diferencia en euros?

    E na túa casa?

    Pide a factura a teus pais e fai a mesma análise para o teu fogar.

    Característica Tarifa regulada (PVPC) Tarifa libre
    Prezo por kWh Varía cada 15 minutos Fixo ou con franxas horarias
    Regulación Controlada polo Goberno Negociada con cada empresa
    Bono social Si Non dispoñible
    Comercializadoras Limitadas (oficiais) Calquera compañía
    Flexibilidade Menos Máis ofertas, pero menos claras
    Aforro potencial Se controlas horarios Se negocias ben o contrato

    Estética e integración na paisaxe

    Froito do liberalismo dos anos pasados, e do individualismo que nos leva a pensa que "o noso" é só "cousa nosa", esquecendo que vivimos nunha comunidade, moita xente foi construíndo sen máis criterio que o seu parecer, a miúdo sen fundamento científico-técnico e, moi habitualmente, sen bo gusto.

    É importante integrar as vivendas na paisaxe, e por isto agora existen normativas urbanas que limitan a variedade de cores, materiais, volumes, etc, que poden ter as construcións. Porén, nos últimos 30 anos do século pasado levantáronse edificios sen ton nin son nas nosas vilas e hoxe vivimos no chamado "feísmo".

    Para mellorar o aspecto das cidades, hai concellos que lanzaron iniciativas tan interesantes como o "Desordes Creativas", un concurso de murais para embelecer as fachadas máis feas da vila de Ordes. Le A pegada do Desordes Creativas e coméntao cos teus compis de mesa.

    Mural de Yoseba M.P. en Arzúa
    Ana Moreiras. Mural de Yoseba M.P. en Arzúa (CC BY-SA)

    Liches con atención...?

    Se estiveches atenta/o na lectura, serás quen de atinar moitas respostas do seguinte test...

    Accede ó cuestionario

    1. Que tipo de tecnoloxías permiten aforrar enerxía na vivenda?



    2. Que etiqueta deben ter os electrodomésticos para seren de baixo consumo?



    3. Que tipo de tecnoloxías se integran co uso de sensores conectados?



    4. Que vantaxe ten instalar termostatos programables?



    5. Que é Mango Mirror?



    6. Que fan os altavoces intelixentes?



    7. Cal destas opcións é unha técnica activa?



    8. Que permiten os sistemas domóticos?



    9. Que beneficio aporta a domótica á calidade de vida?



    10. Que risco pode ter o uso de tecnoloxías intelixentes na vivenda?




    Feito con eXeLearning (Nova xanela)