Saltar navegación

2. Cidades intelixentes e infraestruturas urbanas

Que lle pides á túa vila para ser intelixente?

Ana Moreiras. Cidades sensibles e intelixentes. (CC BY-SA)

De acordo co Plan nacional de cidades intelixentes que ten deseñado o Ministerio de Tecnoloxía, Industria e Turismo de España. que tres aspectos che gustaría priorizar a ti na túa vila?

Smart & Senseable cities

Smart cities

As cidades intelixentes son un modelo de urbanismo que integra tecnoloxía de vangarda e sostibilidade. O obxectivo é un tanto utópico: mellorar a calidade de vida dos seus habitantes sen aumentar a pegada ambiental. A tecnoloxía clave destas cidades é o Big Datarecompilar datos de redes sociais, visitas a páxinas web, rexistros de chamadas e outras fontes para mellorar a experiencia de interacción e coñecer máis sobre as persoas usuarias e recursos consumidos. A idea é interactuar coas persoas e analizar os datos que elas nos proporcionan en tempo real, permitindo unha optimización dos recursos. Exemplos:

  • Coñecer a dispoñibilidade de prazas nun aparcadoiro e os puntos de recarga para vehículos (a través de sensores nas prazas).
  • Saber onde hai atascos para derivar o transporte urbano por outros lugares (a través dos datos de Google Maps, que levamos activo mesmo sen sabelo).
  • Coñecer o nivel de contaminación do aire nun punto (sensores de certos móbiles).

Este tipo de tecnoloxías, indudablemente, fan máis sinxela a nosa vida... pero tamén nos controla máis.

No ámbito do goberno e a economía, as cidades intelixentes procuran a dixitalización dos servizos públicos para facilitar o acceso á cidadanía e promover a transparencia democrática. Nas webs de concellos estes servizos aparecen en forma de portais para instancias xerais (sé electrónica), recadación de impostos, inscrición en actividades, catastro, etc. Un exemplo notable é VTaiwan, un prototipo de consulta aberta para a sociedade a través de ferramentas dixitais como pol.is

xestión dos residuos e o uso eficiente dos recursos enerxéticos son aspectos clave nas cidades intelixentes, pois un piar básico deste tipo de cidades é atopar solucións sostibles para os desafíos ambientais. A través de sistemas de recolección intelixente de residuos, o uso de enerxías renovables e a implementación de políticas de eficiencia enerxética, estas cidades pretenden minimizar a súa pegada ecolóxica e promover un desenvolvemento sostible.

Senseable cities

Moitas persoas cren que o concepto de Smart City quedou obsoleto e falan agora de "Sharing city" ou "Cidades dos coidados". O que se cuestiona é centrar todo o debate na evolución tecnolóxica, esquecendo factores tan importantes como os coidados, a accesibilidade, a política ou o deseño. Un arquitecto referente neste debate é Vicente Guallart, quen pon o foco en cidades autosuficientes, na bioconstrución e na concentración de barrios, factores que permitan que a xente se desprace menos e que viva en mellores condicións. Do seu estudo, Acercade Arquitectura, saíron as primeiras vivendas post-covid en Barcelona.

Existe un proxecto pioneiro no estudo destas cidades, o MIT Senseable City Laboratory: un laboratorio dixital dentro do grupo de Deseño e Desenvolvemento da Cidade do MIT que investiga e anticipa como as tecnoloxías dixitais están cambiando a forma de vivir das persoas e as súas implicacións a escala urbana. Un dos focos de estudo do Senseable lab é a flora urbana: Treepedia é un proxecto que utiliza técnicas de visión dixital baseadas en imaxes de Google Street View para catalogar árbores das rúas. A biblioteca de código aberto, almacenada en GitHub, inclúe todo o código de programación de Python para que calquera poida usalo para calcular a cobertura da árbore (medida como índice de vista verde ou GVI) para a súa propia cidade ou rexión.

Lectura facilitada

As cidades do futuro

Ana Moreiras. Cidades sensibles e intelixentes (CC BY-SA)

Que son as Smart Cities?

As cidades intelixentes usan tecnoloxía moderna para mellorar a vida da xente e coidar o medio ambiente.

Estas cidades recollen datos en tempo real para saber como se usan os recursos, como se moven as persoas ou onde hai problemas.

Exemplos:

  • Saber cantas prazas libres hai nun aparcadoiro.
  • Evitar atascos e cambiar a ruta dos buses.
  • Medir a calidade do aire con sensores.

Estas tecnoloxías fan a vida máis doada, pero tamén poden controlar o que facemos.

Os gobernos locais dixitalizan servizos como:

  • Facer trámites por internet (sé electrónica).
  • Consultar o catastro ou pagar impostos.
  • Participar en decisións da cidade (como fai VTaiwan).

Outro obxectivo é xestionar ben os residuos e aforrar enerxía, usando fontes renovables e sistemas eficientes.

Senseable cities: outro modelo de cidade

Hoxe moita xente pensa que non chega con ter tecnoloxía: tamén hai que pensar nas persoas.

Por iso fálase de cidades sensibles, que se preocupan polos coidados, o deseño, a proximidade e a accesibilidade.

O arquitecto Vicente Guallart defende facer barrios autosuficientes onde se poida vivir ben sen desprazarse moito. Un exemplo son as vivendas post-COVID de Barcelona.

Un proxecto importante sobre estas cidades é o Senseable City Lab do MIT. Este laboratorio estuda como a tecnoloxía cambia a forma de vivir nas cidades.

Un dos seus proxectos chámase Treepedia. Usa imaxes de Google Street View para medir cantas árbores hai nas rúas dunha cidade. Calquera pode usar este programa, porque está dispoñible de balde na web GitHub.

Exemplos

Infraestruturas SMART

Mobilidade urbana

Mobilidade urbana
Ana Moreiras con Chat GPT. Mobilidade urbana (CC BY-SA)

As rúas ocupan entre un 15 e un 30% do espazo urbano (ver vídeo Miles de ciudades). Nas cidades, estímase que pasamos unha media de 2h diarias nun medio transporte: é esencial mellorar a calidade dos transportes, facelos menos contaminantes e reducir o tempo que pasamos neles.

A mobilidade intelixente depende do uso efectivo de tecnoloxías como vehículos eléctricos, o Internet das Cousas (IoT) e a Big Data para a recompilación e análise de datos. Estas tecnoloxías permiten unha mellor xestión do tráfico, aparcamento intelixente e, en xeral, unha planificación máis eficiente do transporte público.

Un aspecto crucial da mobilidade urbana no contexto das cidades intelixentes é a accesibilidade. Isto implica non só facilitar o desprazamento físico dentro da cidade, senón tamén garantir que os sistemas de transporte sexan inclusivos e alcanzables para todos os cidadáns, independentemente da súa situación económica ou capacidades físicas. Neste sentido, as solucións de aparcamento intelixente e a creación de carrís bici tamén xogan un papel importante no fomento dunha mobilidade máis sostible e accesible.

Actualmente están a desenvolverse con éxito sistemas de carsharing (ex: Bla Bla Car) e a chamada Mobilidade como Servizo (MaaS), un concepto que integra diferentes formas de transporte público e privado nunha soa plataforma dixital, reducindo a dependencia do automóbil privado.

Finalmente, é prioritario considerar rutas pensadas para o tráfico sen motor: vías peonís e carrís bici SEGUROS deben trazarse ó longo de toda a cidade. É esencial que non existan barreiras arquitectónicas nesas vías: calquera cidadán debe poder circular por elas, sexa cal for a súa mobilidade.

Redes de subministro de enerxía

Redes de enerxía
Ana Moreiras con Chat GPT. Redes de enerxía (CC BY-SA)

A enerxía xoga un papel fundamental nas cidades intelixentes, onde se busca optimizar o uso de recursos, mellorar a calidade de vida dos cidadáns e reducir o impacto ambiental. A implementación de sistemas avanzados de xestión enerxética permite ás cidades controlar e reducir o seu consumo enerxético, aproveitando ao máximo as enerxías renovables como a solar e a eólica.

Dentro deste contexto, a eficiencia enerxética emerxe como unha obxectivo clave, con iniciativas que van desde a modernización de infraestruturas ata a implementación de iluminación intelixente en espazos públicos. Ademais, a autoxestión enerxética en edificios e fogares foméntase mediante sistemas de almacenamento enerxético, que optimizan o uso da electricidade xerada por paneis solares. Ademais, elementos como a rede eléctrica intelixente son capaces de adaptarse ás necesidades cambiantes da cidade.

A mobilidade sostible é outro compoñente crucial, co aumento da infraestrutura de recarga para vehículos eléctricos como as electrolineras e os puntos de recarga. Esta tendencia reduce a dependencia de combustibles fósiles e contribúe á diminución de emisións contaminantes, aliñándose coas metas de desenvolvemento sostible.

A transición cara ó uso de fontes de enerxía limpa e renovable é unha cuestión ambiental, pero tamén de política enerxética. As redes eléctricas intelixentes facilitan esta transición ó permitir unha xestión máis eficiente e flexible da subministración e demanda de electricidade, o cal é esencial para integrar na rede a xeración de enerxía solar e eólica.

Xestión de augas

O mantemento das instalacións de subministro de augas, así como a correcta depuración das mesmas, é esencial para a calidade de vida da cidadanía. Nas vilas intelixentes, sistemas Big Data analizan en tempo real o consumo que hai e tense en conta a predición metereolóxica para garantir a eficiencia destes sistemas.

É interesante coñecer como é o sistema de potabilización e depuración das augas residuais, un resumo do cal che deixamos neste esquema:

O ciclo da auga
Ana Moreiras. O ciclo da auga (CC BY-SA)

    Telecomunicacións

    Telecomunicacións nunha cidade intelixente
    Ana Moreiras con Chat GPT. Telecomunicacións nunha cidade intelixente (CC BY-SA)

    Por mor de aumentar a calidade de vida da cidadanía, nos últimos vinte anos investiuse moito en crear un tecido de redes eléctricas e telefónicas que forneza acceso rápido e eficaz a internet. Hoxe en día aspiramos a dar un paso máis e lograr integrar a  dixitalización e a intelixencia artificial nestas redes. Estas tecnoloxías permiten a recompilación e análise de grandes cantidades de datos mediante big data, mellorando a toma de decisións e optimizando os recursos dispoñibles. 

    Aspectos fundamentais das novas cidades son:

      • Uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para mellorar a interactividade cidadanía-servizos: apps de transporte, de ocupación de aparcadoiros, de dispoñibilidade de recursos en Bibliotecas, sé electrónica… Neste sentido, cómpre facer moita pedagoxía entre a veciñanza, especialmente entre a xente maior, que ten máis dificultades para o acceso e comprensión destes sistemas.
      • Democracia, transparencia e participación: publicación de todas as convocatorias e información de interese na web do concello e outras webs oficiais.
      • Ciencia cidadá: aportación de datos dos cidadáns e cidadás (a partir dos nosos móbiles e os seus medidores, por exemplo) para crear mapas interactivos sobre diversos temas: ocupación de espazos naturais, contaminación, localización de especies naturais na contorna, etc. Nesta web tés uns exemplos das mellores aplicacións actuais.

    Lectura facilitada

    Mobilidade urbana

    Mobilidade urbana
    Ana Moreiras con Chat GPT. Mobilidade urbana CC BY-SA

    Nas cidades, pasamos moito tempo desprazándonos. Por iso é importante ter un transporte máis cómodo, rápido e menos contaminante.

    A mobilidade intelixente usa tecnoloxía para organizar mellor o tráfico, mellorar o transporte público e facilitar o aparcamento.

    Outros aspectos clave son:

    • Accesibilidade: que todas as persoas poidan usar o transporte, sen importar a súa situación.
    • Carrís bici e zonas peonís: seguras, sen barreiras e para todas as persoas.
    • Carsharing e Mobilidade como Servizo (MaaS): compartir coche ou usar unha única app para moitos tipos de transporte.

    Redes de subministro de enerxía

    Redes de enerxía
    Ana Moreiras con Chat GPT. Redes de enerxía CC BY-SA

    As cidades intelixentes usan mellor a enerxía para coidar o medio e reducir gastos.

    Buscan aproveitar fontes renovables como o sol ou o vento.

    • As rúas usan luz intelixente que se acende só cando é necesario.
    • Os edificios poden gardar a enerxía solar para usala despois.
    • Existen máis puntos para cargar coches eléctricos.
    • As redes intelixentes axudan a organizar mellor o uso da electricidade.

    Xestión de augas

    É moi importante que a auga que bebemos sexa limpa e segura.

    Nas cidades intelixentes, sistemas dixitais controlan o consumo e predín se vai chover para aproveitar mellor a auga.

    É útil coñecer como funciona:

    O ciclo da auga
    Ana Moreiras. O ciclo da auga CC BY-SA

    Telecomunicacións

    Telecomunicacións
    Ana Moreiras con Chat GPT. Telecomunicacións nunha cidade intelixente CC BY-SA

    As telecomunicacións fan que poidamos conectarnos á internet e usar servizos dixitais.

    As cidades intelixentes usan estes sistemas para mellorar a vida das persoas.

    Son importantes:

    • Apps e webs públicas: para saber información útil (autobuses, impostos, bibliotecas...)
    • Transparencia e participación: os concellos deben publicar todo na súa web para que a cidadanía poida participar.
    • Ciencia cidadá: a xente pode aportar datos (por exemplo, co móbil) para facer mapas sobre o ambiente, animais, contaminación, etc. Aquí tés exemplos de apps.

    Tarefa: Ecoauditoría_infraestruturas

    Duración:
    20'
    Agrupamento:
    Individual

    1. En parellas, reflexiona sobre como son e como poderían mellorar as seguintes infraestruturas na túa vila:

    • Transporte urbano: vías públicas e transporte público e privado.
    • Parques industriais.
    • Instalacións portuarias.
    • Rede de augas: distribución de auga potable e recollida de augas de saneamento.
    • Rede eléctrica: fortaleza, alcance, apariencia...
    • Alumeado público: calidade e eficiencia.
    • Telecomunicacións: telefonía e internet.

    2. Escollede, de entre o que falastes, tres puntos concretos e explícaos:  

    • Punto verde: aspecto que funciona ben e debe poñerse en valor.
    • Punto marel: aspecto que deben mellorar.
    • Punto vermella: aspecto que hai que corrixir de inmediato.

    3. Board-muro colaborativo: 

    Na aula virtual habilitarase un Board "Ecoauditoría infraestruturas" con tres bloques. Para cada un, subide o correspondente post coa explicación anterior.

    Board exemplo "Ecoauditoría"
    Ana Moreiras. Board exemplo "Ecoauditoría" (CC BY-SA)

    Engadide cadansúa imaxe. Deben estar tomadas por vós e hai que etiquetalas como Creative Commons 4.0:

    Carga de imaxes con licenza CC 4.0
    Ana Moreiras. Carga de imaxes con licenza CC 4.0 (CC BY-SA)

    Autoavalíate

    Entón... aprendiches moito?

    Accede ó cuestionario

    1. Cal é a finalidade principal das infraestruturas urbanas nunha cidade intelixente?

    2. Que prioridade deben ter as infraestruturas de mobilidade segundo o texto?

    3. Que implica garantir o acceso universal ás infraestruturas?

    4. Cal é o obxectivo da Mobilidade como Servizo (MaaS)?

    5. Que vantaxe ofrece a iluminación intelixente nas cidades?

    6. Que tecnoloxía permite coñecer en tempo real o consumo de auga?

    7. Que país se cita como exemplo de boa xestión de residuos?

    8. As redes eléctricas intelixentes contribúen á eficiencia enerxética.

    9. As barreiras arquitectónicas deben evitarse só nos edificios públicos.

    10. A xestión do lixo non afecta á calidade de vida.

    11. A tecnoloxía pode mellorar a toma de decisións urbanas mediante análise de datos.

    12. Que tecnoloxía permite o aparcamento intelixente?

    13. Relaciona cada tecnoloxía coa súa aplicación urbana:

    Rúbrica da ecoauditoría infraestruturas

    Rúbrica para avaliar a ecoauditoría
     ExcelenteSatisfactorioMellorableInsuficienteNon entregado
    Consulta de fontesAs fontes (persoas, apuntes da aula, outras webs) usadas son numerosas e aportan información relevante. (2)As fontes usadas son numerosas pero non todas aportan información relevante. (1.5)As fontes consultadas son escasas e non demasiado relevantes. (1)Non consultas máis fontes que o teu propio coñecemento do tema. (0.5)Non entregado. (0)
    Análise e reflexiónsA análise que fas da información permíteche facer reflexións sólidas e argumentadas sobre os tres aspectos que analizaches, polo que aportas propostas concretos SMART. (2)A análise que fas da información permíteche facer reflexións suficientemente argumentadas dos tres aspectos que escolliches, dando, en consecuencia, propostas concretos SMART. (1.5)A análise que fas da información non é moi profunda, polo que os tres aspectos que escolliches non teñen unha argumentación moi sólida ou carecen de propostas SMART. (1)Non chegas a facer unha análise boa, polo tanto non chegas a conclusións. (0.5)Non entregado. (0)
    RedacciónA redacción do informe é moi boa desde o punto de vista da expresión escrita e a ortografía. Ademais, empregas vocabulario técnico, e apréciase que usas moitas palabras novas aprendidas na unidade. (2)A redacción do informe é boa desde o punto de vista da expresión escrita e hai poucas faltas de ortografía. Ademais, empregas vocabulario técnico, e apréciase que usas palabras novas aprendidas na unidade. (1.5)A redacción do informe é mellorable, tendo erros na expresión escrita e a ortografía. Ademais, empregas pouco vocabulario técnico, e case ningún termo novo da unidade. (1)A redacción é confusa, hai moitas faltas de ortografía e apenas ningún vocabulario técnico.es errónea y hay fallos graves de ortografía. (0.5)Non entregado. (0)
    Recursos complementariosO informe complétase con recursos (links, e imaxes, estatísticas, etc.) que aportan información e matices. (2)O informe complétase con imaxes ou links que aportan información e matices. (1.5)O informe complétase con algún recurso (links, imaxes, estatísticas) que aportan un pouco máis de información. (1)Non aportas apenas recursos complementarios. (0.5)Non entregado. (0)
    PublicaciónPublicas o informe dixitalmente nunha entrada da cor adecuada no board correspondente. (2)Publicas o informe dixitalmente nunha entrada no board correspondente. (1.5)Envías o informe á profe. (1)Fas o informe a man pero non o entregas. (0.5)Non entregado. (0)

    Ana Moreiras. Rúbrica para avaliar a ecoauditoría (CC BY-SA)

    • Actividade
    • Nome
    • Data
    • Puntuación
    • Notas
    • Reiniciar
    • Imprimir
    • Aplicar
    • Nova xanela

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)