Saltar navegación

6. O noso lugar no mundo

Tarefa: localiza a túa vivenda

Localiza en Google Maps a ubicación da túa vivenda familiar. Es capaz de atopar as súas coordenadas exactas?

Catastro e GPS

Existen moitas ferramentas para localizar unha parcela ou terreo, pero imos centrarnos nas seguintes:

Google Maps

Servidor de aplicacións de mapas web propiedade de Alphabet Inc. Ofrece imaxes de mapas que se poden desprazar así como fotografías de satélite do mundo.
Google Maps existe offline (Google Earth) e online (a que nós usaremos). Unha vez accedemos ó mapa podemos ampliar e diminuír controlando o zoom co rato ou coas frechas. Podemos tamén escoller diferentes capas de visualización: relevo, tráfico, transporte público...

As coordenadas de Google Maps están no sistema WGS842. Mostran a latitude e lonxitude, positivas para o norte e o leste, negativas para o sur e o oeste. Existen varias formas de obtelas, unha vez localizado o lugar de interese: a máis sinxela e premer co rato no lugar desexado, e aparecerán en pantalla.

Google maps_Xeolocalización do Cabo da Cruz
Ana MoreirasGoogle maps_Xeolocalización do Cabo da Cruz (CC BY-SA)

Unha vez localizado o punto que buscas, premendo no icono de compartir obterás un enlace directo á localización, ou mesmo a posibilidade de inserir o mapa nun sitio web.

Catastro

O catastro é un rexistro administrativo dependente do Estado no que se describen bens inmobles rústicos, urbanos e de características especiais. O catastro asigna ós inmobles un identificador único e obrigatorio para cada un deles denominado “referencia catastral”.
En España, o catastro é competencia do Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro. A referencia catastral está formada por vinte caracteres alfanuméricos, organizados de distintas formas segundo a parcela sexa urbana ou rústica:

  • Nas parcelas urbanas, os 7 primeiros díxitos indican o número de parcela, os 7 seguintes a folla catastral na que se atopa, os 4 seguintes indican a propiedade específica dentro do inmoble e os dous últimos caracteres son caracteres de control (para detectar a posible erro na transcrición).
  • Nas parcelas rústicas indícanse a provincia (2 díxitos), o concello (3 díxitos), o sector (unha letra), o polígono (3 díxitos), a parcela (5 díxitos) e a propiedade dentro da parcela (4 díxitos).​

A referencia catastral pódese obter de diferentes fontes, como o recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Nós empregaremos a Sé dixital do Catastro, na que se pode localizar calquera inmoble na súa cartografía empregando o buscador (icono lupa):

Catastro, ferramenta de busca
Ana MoreirasGoogle maps_Xeolocalización do Cabo da Cruz (CC BY-SA)
Catastro
Ana MoreirasCatastro (CC BY-SA)

Información xeográfica de Galicia

Trátase dunha ferramenta completísima que ofrece a Xunta de Galicia na súa web de Catálogo das paisaxes de Galicia

A aplicación emprega dous grandes tipos de servizos cartográficos que se cargan “ó voo” dende a Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG):

  • Mapas de fondo
    • Mapa base vectorial BTG 2020 (cartografía 1:5 000). Organismo: Instituto de Estudos do Territorio (IET). 
    • Ortofotos PNOA (anos 2023, 2020, 2017, 2014, 2010-11, 2008-09, 2004-07…).  Organismos: IET + Instituto Geográfico Nacional.
    • Modelo hipsométrico / sombreado (relevo LiDAR). Organismo: IET. 
  • Capas temáticas da paisaxe
    • Grandes áreas paisaxísticas (4 unidades).
    • Comarcas paisaxísticas (61 unidades).
    • Outras capas (áreas de especial interese, unidades do Catálogo, itinerarios, etc.) que poden activarse individualmente.

Trátase de servizos abertos que usan estándares OGC (WMS/WMTS/REST), polo que podes consumilos dende calquera software GIS externo copiando a URL que aparece nos artigos de “Actualidade” do portal IDEG (ex.: servizo WMS de ortofoto PNOA 2023 ou WMTS da BTG 2020).

No menú superior dereito podes seleccionar as capas que vas ver, así como o mapa de fondo.

Ferramenta Mapas de Galicia
Ana Moreiras sobre ferramenta Xunta de Galicia. Ferramenta Mapas de Galicia (CC BY-SA)




Lectura facilitada

Ferramentas para localizar parcelas ou terreos

Imos aprender a usar dúas ferramentas moi útiles para localizar un terreo:

  • Google Maps
  • Catastro

 Google Maps

É unha ferramenta para ver mapas e fotos por satélite.

Podes usalo desde Internet ou descargalo no ordenador como Google Earth.

Preme aquí para acceder a Google Maps

Podes facer zoom (achegar ou afastar) e escoller diferentes capas:

  • Relevo
  • Tráfico
  • Transporte público

Coordenadas en Google Maps

As coordenadas indican a posición dun punto:

  • Latitude: posición norte-sur
  • Lonxitude: posición leste-oeste

Para conseguir as coordenadas: fai clic co rato sobre o punto que che interesa, e aparecerán.

Se premes no botón “Compartir”, podes copiar un enlace ou inserir o mapa nunha web.

Google maps_Xeolocalización do Cabo da Cruz
Ana MoreirasGoogle maps_Xeolocalización do Cabo da Cruz (CC BY-SA)

Catastro

O catastro é un rexistro onde se gardan datos de:

  • Casas
  • Parcelas urbanas
  • Parcelas rústicas

O catastro depende do Ministerio de Facenda.

Cada parcela ten unha referencia catastral: un código único de 20 caracteres.

Referencia catastral

Existen dous tipos:

  • Parcela urbana: ten información sobre a vivenda e o edificio.
  • Parcela rústica: indica a provincia, concello, polígono, parcela e propietario.

Pódese conseguir no recibo do IBI ou na web do catastro.

Accede aquí á Sede dixital do Catastro

Na páxina, preme na lupa para buscar o inmoble.

Web do catastro
Ana Moreiras. Busca de inmobles no catastro (CC BY-SA)
Exemplo do Catastro
Ana Moreiras. Localización dunha finca no catastro (CC BY-SA)



Tarefa: Board sobre construción galega

Duración:
30'
Tarefa final BauGal_Tecno
Individual

1. Redacta un informe sobre unha vivenda galega (preferentemente tradicional) vencellada emocionalmente a ti:

  • Ubicación:
    • Link á localización en Google maps.
    • Localización catastral: fai unha captura de pantalla coa información.
  • Estrutura e materiais. Está construído con materiais locais? Correspóndense estes cos doutras construcións da zona?
  • Describe brevemente:
    • Distribución de espazos. Son funcionais de acordo cos usos da vivenda? Correspóndense cos doutras construcións da zona?
    • Cres que proporciona adecuado confort higrotérmico? e lumínico?
    • Cara a onde ten orientada a fachada principal?

2. Muro colaborativo (Board)

Participa no muro colaborativo que a túa profe creará na aula virtual. A profe creará categorías (unha ou varias) nas que podes engadir a túa entrada simplemente premendo o botón + (mira a ilustración). En cada entrada só se permite texto+imaxe ou texto+vídeo ou texto+link incrustado. 

Board na aula virtual
Ana Moreiras. Board na aula virtual (CC BY-SA)

3. A túa entrada

O teu post terá o formato texto+imaxe. Terá este contido:

  • Informe elaborado por ti (punto 1)
  • Link á ubicación (como ves na ilustración, no post da esquerda)
  • Imaxe: captura de pantalla coa información catastral.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)