Saltar navegación

5. Patrimonio arquitectónico galego

A vella vivenda familiar

En parellas, ides contarlle á outra persoa como é a vivenda máis antiga da vosa familia:

  • Onde está situada? Que recursos naturais ten cerca?
  • Cara a onde mira a fachada principal?
  • De que materiais están feitos os muros? E a estrutura?
  • Cantos pisos ten? Como é o tellado: a dúas ou catro augas?
  • Cantas estancias anexas ten? Para que se usaban? Había animais? 
  • Como era/é a cociña?
  • Que fonte de enerxía se empregaba principalemente para cociñar? E para a calefacción?
  • Como son as xanelas? Deixan pasar a corrente? 
  • De que material é a cuberta?

Seguramente hai cuestións que non sabes respostar: pregunta por elas á túa familia. Na próxima sesión faremos un muro colaborativo sobre vivendas tradicionais. Podes usar esta mesma vivenda ou outra: debes ter a información sobre os puntos anteriores. 

Construcións galegas: elementos, tipoloxías e vinculación coa paisaxe

Lectura facilitada

Estiveches atento á lectura?

Velaiquí un cuestionario para descubrilo!

Para ampliar: así podemos describir a nosa vila (Boiro, exemplo concreto)

Un exemplo concreto: Boiro

Vivenda tradicional en Boiro

Boiro, ten un clima oceánico:

  • Temperatura lixeiramente superior á media galega, que son 14º.
  • Pluviometría das máis altas de Galicia, alcanzando máximos superiores ós 1800–2000 mm.
  • Ventos fortes de sur de outubro a abril.

Xeograficamente, é unha zona delimitada entre a costa e a montaña (serra do Barbanza), o que propiciou unha economía baseada a partes iguais na pesca e a labranza.

Polos motivos anteriores, as edificacións tradicionais de Boiro seguían a tipoloxía propia da costa das Rías Baixas: vivendas unifamiliares de pedra granítica e estrutura de madeira, cubertas de tella, fachadas abrigadas do sur, estanzas anexas para apeiros de pesca/labranza. Unha tipoloxía especialmente interesante e ben conservada é a das vivendas mariñeiras do Cabo da Cruz, típicas "casas do pincho".

Presentan un variado colorido propio das vivendas mariñeiras, supostamente debido ó emprego do excedente da pintura dos barcos para revestimento das vivendas. Outras teorías atribúeno ó desexo de resaltar a vivenda para que os mariñeiros a puidesen recoñecer desde alta mar.

Casas mariñeiras do Cabo da Cruz, Boiro
Ana Moreiras. Casas mariñeiras do Cabo da Cruz, Boiro (CC BY-SA)

Boiro na actualidade

En España houbo un gran crecemento no sector da construción uns anos antes da crise do 2008: foi o que chamamos "Boom do ladrillo". Todo o mundo quería ter unha segunda e ata unha terceira vivenda, e parecía viable economicamente. Esta gran demanda de edificacións trouxo consigo moitos aspectos negativos: perda de calidade, destrozo paisaxístico, explotación urbana de zonas verdes... O plano da maioría das cidades españolas é moi irregular, con edificios pegados entre sí que a día de hoxe estannos traendo serios problemas. Ó principio, os pisos eran amplos e tiñan terrazas, pero pola lei da oferta e a demanda, axiña o prezo do metro cadrado subiu, e o imposto por ter terrazas tamén. Como as familias non podían permitirse pisos grandes, as construtoras deron en fabricar vivendas máis pequenas, pechando as terrazas para gañar espazo e subidividindo os pisos, o que deu lugar a espazos interiores cegos ou con fiestras a patios de luces.  

No ano 1950 a poboación total de Boiro era duns 12 570 habitantes. Medio século despois, a poboación alcanzou a cifra de 18 038 persoas, e non para de medrar. Este traslado da xente das aldeas para a vila obligou a construír moitos espazos pero, sen a debida planificación, as cousas fixéronse rápido e sen xeito, derrubando edificios históricos ou edificando sen control de calidade. O novo concello, 3 centros de secundaria, a casa de cultura da Cachada, os Centros Sociais... En todos se pode cuestionar o seu concepto urbanístico.  

Nas zonas rurais podemos encontrar casas bastante esparexidas e con moito terreo, empregado na maioría para horta de consumo propio ou para ocio. Porén, no centro de Boiro e nos seus arredores, como Escarabote e Cabo, vense edificios de pisos na maior parte. Lembrades o confinamento pola COVID 19? Apartamentos húmidos, mal orientados e cunha división interior pouco pensada para pasar tempo na casa.

Vista aérea de Boiro
Ana Moreiras e Pablo Chouza. Vista aérea de Boiro (CC BY-SA)

As “Casas do pincho” son unha tipoloxía da casa mariñeira tradicional, xeneralizada na costa galega dende o século XII ata entrado o século XX. Esta denominación, dada por Pedro de Llano, parece proceder dun gancho de ferro que se colocaba no muro piñón da vivenda coa misión de colgar del as redes, e así, podelas amañar mentras se secaban, e en ocasións, embrealas. En moitos casos, en lugar dun gancho, existen uns canzorros de pedra que teñen na parte superior dianteira uns canais nos que se asenta un pau ou vara, no que se extende a rede a secar. As casas do pincho caracterízanse por tratarse de vivendas localizadas entre medianeiras co penal nunha cara frontal, e cunhas dimensións de entre 3 e 6 metros. (...) Este modelo chegou a ampliar o espazo baixo-cuberta, dando cabida a un amplo lugar abufardado empregado coma dormitorio, mediante a elevacións dos muros da edificación, convertíndose nun andar. Contan con unha porta e algunha ventá na planta baixa, e varias no primer andar.

PatrimonioGalego.net

Feito con eXeLearning (Nova xanela)