O campo onde se xoga a Bádminton individuais ten forma rectangular.
O típico campo de Bádminton individuais mide 13,40 m de longo e 5,18 m de ancho.
Non obstante, se o ximnasio ou a instalación na que ides practicar Bádminton individuais non ten estas dimensións, asegúrate que se gardan as proporcións, intentando manter o ancho da cancha. Por exemplo, reducindo ao 70% o longo, a cancha mediría 9,40 metros, deixando o ancho en 5 metros.
Fíxate, agora, nas seguintes características do campo:
- As liñas da cancha deben medir 4 centímetros e ter unha cor que se distinga ben (branca ou amarela, polo xeral).
- Unha rede divide a cancha en dúas metades iguais. A súa altura é 1,55 metros nos extremos e non menos de 1,52 metros polo centro.
- Os postes están colocados sobre as liñas laterais.
- A rede ten que estar atada aos postes de tal xeito que o volante non poida pasar entre o poste e a rede.
- Hai dúas zonas de saque, dereita e esquerda.
- Entre a rede e a liña de saque curto hai unha zona de 1,98 metros. No saque, o volante ten que pasar esa zona para considerarse válido.
- As liñas forman parte do campo de xogo. É dicir, se un volante toca a liña, considérase dentro.
Normalmente, xógase ao Bádminton individuais nunha cancha onde tamén están pintadas as liñas para xogar a Bádminton dobres e mixto. Nese caso, teremos en conta o seguinte:
- O longo da cancha é o mesmo para individuais que para dobres ou mixto. Polo tanto, a liña de fondo é a mesma para as dúas modalidades.
- A cancha de Bádminton individuais é máis estreita que a de dobres, polo que as liñas de banda laterais serán as interiores, non tendo en conta as exteriores para considerar se un volante cae dentro ou fóra da cancha.