O Rugby Tag é un deporte de equipo e de non-contacto.
No Rugby Tag os/as xogadores/as levan un cinto con dúas cintas (tags) aos lados pegadas con velcro ou un pantalón curto específico para este deporte.
A placaxe (tagging) sucede cando un/ha defensor/a quita unha cinta ao xogador/a que está correndo co balón, levanta o brazo ca cinta na man e berra TAG. Se isto sucede, quen leva o balón ten que parar e pasalo a alguén do seu equipo.
Para xogar empregamos un balón de rugby, que ten forma oval. Este balón pode ser de distintos tamaños (o máis frecuente é a talla 4) e materiais (coiro, sintético). Nas clases tamén podemos empregar balóns de gomaescuma, máis brandos e lixeiros e de fácil agarre.
O balón SEMPRE hai que pasalo cara atrás.
O obxectivo do xogo é marcar un ensaio. Para iso, un/ha atacante ten que deixar o balón no chan detrás da liña de ensaio do equipo contrario. Ten 6 oportunidades para conseguir un ensaio.
Nun partido de Rugby Tag hai dous equipos. Cada equipo ten 12 xogadores/as , dos/as que 7 están no campo.
Todos/as os/as xogadores/as atacan e defenden.
As cualidades máis destacadas para xogar a este deporte son correr, driblar, pasar e recibir.
O partido dura 40 minutos, divididos en dous tempos de 20 minutos cun descanso de 5 minutos.
Gaña o equipo que máis ensaios consiga.