Saltar navegación

Lendo o conto

Un conto. Un poema-canción.

A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar.

ERA UNHA VEZ QUE ERA…     “A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar”

Gusaniño lendo un libro

Lendo o conto

ERA UNHA VEZ QUE ERA...A ra Pipa e o Picapeixe que a ensinou a cazar.


Era unha vez unha ra que vivía nunha poza detrás dunhas casas. A poza bebía auga dun regato cantareiro que pasaba por alí, así que sempre tiña a auga fresquiña e limpa e había dabondo de comer para todos os animais que nela vivían. 

Debuxo de ra nunha poza
Pixabay. Ra na poza (CC0)

A ra do noso conto, que se chamaba Pipa, era feliz vivindo alí e botaba o día xogando e brincando de pedra en pedra e tomando o sol. Pero cando chegaba a hora de buscar de comer, comezaba o drama. E é que Pipa tiña unha lingua moi pequeniña e cando vía a súa presa, daba un brinco, pero cando quería sacar a lingua para comela, non lle pasaba para fóra da boquiña e quedaba con cara de parva mirando para a mosca e cun ruxe ruxe de tripas pola fame. A mosca, claro, púñase branca co susto. Pero despois saía voando dando grazas ao ceo por ter batido cunha ra tan mala cazadora.

E isto era un bo problema. Que digo, un problemón! Pois Pipa non podía pasar sen comer moito tempo. Así que non lle quedaba outra máis que andar brincando detrás das súas irmás e comer o que a elas lles sobraba e recollelo do chan sen que se deran conta. Fame pasaba, pero polo menos ía comendo algunha frangulla.

Debuxo de ra con lingua
Pixabay. Ra (CC0)

Ela disimulaba e facía como que cazaba, pero acabaron por darse conta todos os animais da poza. Os peixes mirábana dende abaixo e cunhas pedriñas levaban a conta de cantas moscas se lle escapaban voando. 

_Mira, mira, aí vai outra. Apunta, apunta aí._ Pero como eran tantas, a morea de pedras xa comezaba a saír fóra da auga, como unha pequena montaña. Así que ao final xa nin facían caso de Pipa nin das moscas e foron á súa vida, que xa se sabe que os peixes traballan moito. 

Caso distinto era o dos paxaros, que á hora do xantar, pousaban nas pólas que caían enriba da poza para ver o fracaso da pobre Pipa. Ela saltaba e…nada, que non era posible. A súa lingua non lle colaboraba nada. Entre estes paxaros había un malo, malo que lle facía a burla.

_Veña, Pipa, que ti podes! Hehehehe_ E facía o parvo imitando os saltos de Pipa e poñendo os ollos en branco. De tal maneira que a pequena ra marchaba famenta e triste porque as bromas do paxaro acababan por facer rir a todos os paxaros que alí estaban, cun ruído tremendo. 

Debuxo de ra con paraugas
Pixabay. Ra2 (CC0)

A nosa Pipiña non sabía que facer e sentou nunha pedra no medio do río tirando pedriñas á auga. 

_E plin, plin, plin, ninguén me quere a min, min, min._ E tiraba unha pedriña.

_E plan, plan, plan, non sei buscar o meu pan, pan, pan.

_E plon, plon, plon, ese paxaro é un lambón, bon, bon.

E así ía cantando a súa triste canción, pedriña a pedriña. 

Pero cando se fixou ben, viu que algunhas pedriñas caían con máis suavidade ao fondo. “E por que será?” pensou ela. E cun salto moi elegante botouse de cabeza á poza. Que fermosa nadadora! Movía as catro patiñas con tanto ritmo que máis que nadar, parecía que bailase. O sol batíalle na pel mollada que brillaba coma unha xoia.

O caso é que as pedriñas caían tan suavemente porque nese recuncho da poza había unhas algas carnosiñas que case, case apetecía meterlle un mordisquiño. E así o fixo. E estaban boas!

_Están boas!_ berrou tan forte como podía, pero ninguén lle entendeu nada porque falaba coa boca chea. 

Ai, si, pero cando o paxaro lambón a viu comer algas, entón si que fixo festa a conta dela: _Mirade, unha vaca de río, hahahaha.

_ E todos os paxaros lle rían as grazas. E volta a empezar coa súa canción:

_E plin, plin, plin, ninguén me quere a min, min, min._ E tiraba unha pedriña.

_E plan, plan, plan, non sei buscar o meu pan, pan, pan.

_E plon, plon, plon, ese paxaro é un lambón, bon, bon.

Pero desta vez xa non lle deu tempo a poñerse triste, porque en canto botou a terceira pedriña…

Pic, pic, pic, sentiu ela detrás súa.

_Oh! Quen anda aí?_ dixo algo enfadada pensando que os paxaros a seguiran para continuar a burla.

_Son eu, Martiño.

_Martiño? Non te coñezo _ dixo Pipa. _ Pero seguro que es amigo do lambón ese e me queres preparar algunha trampa ou rirte de min.

_Non, eu con esa xente non ando. A min non me gusta ver sufrir a ninguén. Mira, sabes cal é o meu apelido?

_E que vou saber se non te coñezo?

E dixo Martín:

_Picapeixe. Eu son Martiño Picapeixe e decidín que te vou axudar a cazar. E vouche ensinar algún truquiño. Verás, verás, vas flipar

Acuarela de picapeixe nunha póla
Pixabay. Picapeixe (CC0)

Nos días que seguiron, Martiño cazaba algún insecto para ela, pero o máis importante é que lle ensinou a observar as teas de araña ao pé do río. Eran tan bonitas! Eran moi artísticas, xeométricas e moi eficaces para cazar.
_Mira, Pipa_ díxolle Martiño moi serio._ Non podes deixar sen comida á araña, que é unha señora moi simpática. Pero pola mañá cediño, antes que ela desperte, pasas a túa lingüíña pola tea e algunha mosquiña hase de pegar. E non volverás pasar fame nunca máis.

Agora si que era feliz Pipa! E cando o paxaro lambón se metía con ela, nin lle  importaba, porque Martiño, chiscándolle un ollo, facíaa rir. Comendo ben como comía, entre algas doces e moscas da tea, ata deu collido algo de peso e xa non parecía tan pouquiña cousa.

E ao fin, o paxaro lambón emigrou a outras terras e de seguro que por desgraza, atopou alguén máis a quen amolar.

Pipa, que era unha ra con ideas, decidiu que ía abrir un chiringuito de río onde fixo moi popular os petiscos de algas. E nunca máis cantou aquela canción tristeira. Pero non deixou de botar pedriñas ao río porque lle gustaba mirar os cabaliños do demo e os peixiños.

Debuxo de cabaliño do demo
                        Pixabay. Cabaliño do demo (CC0)

_E plin, plin, plin, teño o meu amigo Martín, tin, tin.

_E plan, plan, plan, alguiñas boas coma o pan, pan, pan.

_E plon, plon, plon, marchou o paxaro lambón, bon bon.

_E pic, pic, pic, ninguén se ri de ti, ti ,ti_ engadía Martiño uníndose a Pipa no seu cantar alegre.

E así é como unha ra abriu un chiringuito e fíxose moi amiga dun Martiño e dunha araña. E cando nacía unha ra coa lingua pequena, ensinábanlle o truco, truquiño mellor do mundo!

Lendo o poema

A ra Pipa non sabe cazar.

A lingua pequena non sabe usar.

E se segue así, 

moita fame ha pasar.

  

E plin, plin, plin, ninguén me quere a min, min, min.

E plan, plan, plan, non sei buscar o meu pan, pan, pan.

E plon, plon, plon, ese paxaro é un lambón, bon, bon.

  

Un picapeixe a nosa ra axudará.

Moitos truquiños el lle ensinará.

Xa nunca máis fame pasará.

   

E plin, plin, plin, teño o meu amigo Martín, tin, tin.

E plan, plan, plan, algas boas coma o pan, pan, pan.

E plon, plon, plon, foise o paxaro lambón, bon, bon, bon.

E pic, pic, pic, xa ninguén se ri de ti, tiriritití

  

 

Lembra que tamén é canción! Busca no apartado "Poesía e música" e poderás ver o pentagrama e escoitar a melodía.

 

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0