Saltar navegación

Dinámica de aula

Mestra con nenos e nenas da man
Pixabay. Mestra (CC0)

Comezamos

Propomos realizar varias lecturas/escoitas do conto. En cada escoita ou lectura podemos ir variando as actividades, aprendendo o novo léxico e profundando nos significados do conto. Deste xeito poden acceder a máis niveis de comprensión e aprender as palabras importantes. Intentemos manter presente a intención de divertir e entreter que teñen o audioconto e a canción. O cal non impide que profundemos e traballemos diferentes aspectos da nosa programación mediante estas unidades didácticas que espero che resulten amenas e útiles. A que segue é a dinámica recomendada.

Antes da escoita

Actividade preparatoria para a primeira lectura/escoita

Sempre, antes de realizar unha primeira escoita, deberá haber unha actividade preparatoria.

Coñecer o léxico novo, formar unha imaxe mental dos animais que protagonizan o conto, pode axudar enormemente á comprensión do mesmo e a empatizar cos personaxes. Asegurémonos de que coñecen o léxico novo, que traballarán posteriormente mediante os xogos desta unidade.

Ra entre dúas follas
Pixabay. Ra4 (CC0)

Neste caso, imos comezar por comprender e coñecer un pouco o mundo das pozas e ríos.

Seguro que preto da escola hai un regato, un río ou unha poza e xa teñen algunha experiencia na súa memoria. Comecemos por compartir estas experiencias.

Primeira escoita

Escoitamos de corrido o audioconto sen detelo para dar explicacións. Haberá ocasión para iso despois ou ben durante unha segunda escoita se o consideramos necesario. Esta pode darse no mesmo día pero é mellor realizala un día distinto. Podemos comezar esta segunda escoita tentando lembrar algúns aspectos do conto: que lembras do que sucedeu? Que problema tiña Pipa, a ra? Quen a axudou a solucionalo? Que animais se portaron mal con ela? Isto é o que chamamos unha actividade de escoita recapituladora e é útil tamén para exercitar a memoria.

O picapeixe da foto pode levarte a unha páxina moi interesante para saber máis sobre os ríos Galicia. É a páxina oficial do goberno de España sobre a rede hidrolóxica.

Picapeixe voando sobre a auga
               Pixabay. Picapeixe1 (CC0)

Posta en común

Variña de mago con estrelas
Pixabay. Maxia (CC0)

O obxectivo desta conversa coa clase é ver canto comprenderon do conto, que ensinanza extraen del, que emocións lles provocan. Aproveitamos para observar ata que punto son capaces de respectar as normas da conversa que lles propomos. Se vemos que lles é complicado, recurriremos ao pau máxico da fala ou ben o gorro falador. Só quen o ten, pode falar. E non vale agarralo con mans e pés!

Deixamos que o alumnado comparta as súas sensacións e ideas en voz alta, axudando así á comprensión daqueles nenos ou nenas que puideron distraerse en algún punto e perder parte do contido. 

Deixa que o pau máxico te leve a ti e ao teu alumnado a un vídeo no que podes ver as londras, un dos animais que deben coñecer para realizar un dos xogos interactivos.



Tan importante é que toda a clase participe en algún momento, como evitar os posibles "monólogos" do alumnado máis participativo.

Este método chámase  REFLEXIÓN EN VOZ ALTA. É un recurso moi potente para explicitar microhabilidades co resto da clase de xeito que os demais as aprendan ou perfeccionen.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0