(Guía descargable en "Descargas")
CONTIÑOS PARA DESPERTAR VERSOS é unha proposta lúdica e didáctica que está formada por cinco audiocontos con música e poemas cos que podes abordar varios dos contidos da túa programación, como a natureza galega, os alimentos, as cores, as emocións, etc. Neles a música é un contido moi presente, e procuramos que as actividades e os xogos fosen moi variados tanto en contido, como nas habilidades precisas para desenvolvelos, de xeito que non se favorecese sempre o mesmo estilo de aprendizaxe ou tipo de intelixencia: música, baile, manualidades, investigación e observación do medio, etc.
O enfoque da praxe na aula é a aprendizaxe colaborativa e participativa. E favorece o contacto coas familias e a súa participación. Tamén queremos desbordar a aula de infantil, e que poida ter unha repercusión na escola. A pesar de ter estes obxectivos que poden parecer ambiciosos, o desenvolvemento das unidades didácticas é sinxelo. Conta con gran número de actividades e xogos dos cales podemos escoller os máis adecuados para a nosa clase. En cada conto veremos unha actividade final ben arraigada no territorio da escola e con participación da comunidade educativa. É o que chamamos “Escola aberta”. É posible tamén intercambiar algunha das actividades e dos xogos dun conto a outro, ou mesturalas a conveniencia da clase e os obxectivos didácticos da ou do ensinante.
Haberá sempre unha proposta de actividades fóra da aula que, na medida do posible, aconsellamos realizar, xa que supoñen aprender mediante a observación e accións na contorna do alumnado.
Nas unidades didácticas aténdese tamén á aprendizaxe por medio das TIC.
TÍTULOS E ESTRUTURA
-O pitiño que levaba medio ovo na cabeza.
-A pedra Cricriticrí.
-O peixe Salva, peito de lobo.
-A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar.
-A vaquiña Petra.
No menú de cada unha destas cinco Unidades Didácticas verás:
-O AUDIOCONTO. (Tamén descargable). Con narración e efectos sonoros de ambiente.
-O poema-canción. A canción está relacionada co conto (partes da canción están xa integradas no conto para que se vaian familiarizando coa melodía). Contén o texto, a partitura e un audio MP3 da melodía principal. Podemos premer na “Letra” da canción mentres seguimos escoitando o audio.
-O CONTO ESCRITO. Esta versión non está anotada, para que poidas compartila se queres, coas familias.
-XOGOS interactivos para o alumnado relacionados cos contidos. Tendo en conta a idade, os xogos contan con instrucións en audio fáciles de entender e seguir.
-Orientacións didácticas para o profesorado, nas cales hai:
-CONTO ESCRITO anotado con ideas preliminares.
-CONTIDOS que se desenvolven ou están presentes na unidade.
-DINÁMICA DE AULA: unha serie de recomendacións de como abordar o
traballo co audioconto e unhas actividades preliminares.
-ACTIVIDADES: de variada tipoloxía, con enlaces a vídeos e páxinas que
poden axudar a desenvolver as actividades.
-INDICACIÓNS PARA OS XOGOS do alumnado.
-GUÍA DIDÁCTICA (esta mesma guía, que dará unha visión global de
“Contiños para despertar versos”.
-AVALIACIÓN:
-Avaliación das dinámicas sociais na aula.
-Avaliación das actividades dentro da aula.
-Avaliación das actividades fóra da aula.
-Avaliación da unidade didáctica.
-DESCARGAS. Nelas estará o audioconto e en algúns casos, material complementario como mapas, debuxos, fichas, etc.
CONTIDOS
Nos cinco contos hai tres núcleos de contidos centrais (ademais doutros menores que se detallarán máis abaixo):
-A ecoloxía e o coñecemento do noso medio natural. Con atención particular, ao medio rural.
-A intelixencia emocional intrapersoal e a interpersoal.
-A cultura e a lingua de Galicia. Con especial atención á poesía.
No que se refire ao primeiro núcleo, quérese achegar a ECOLOXÍA ao alumnado de educación infantil, aínda que os contos e algúns contidos e xogos son aptos para os primeiros cursos de primaria. As actividades e os xogos pretenden que coñezan o medio natural galego e a necesidade de protexelo. Cada conto, se ben o contexto dos personaxes é semellante (natureza, río, fraga…) céntrase nun aspecto particular, como pode verse no apartado “Contidos” desta guía.
En todos os contos están moi presentes contidos de intelixencia emocional (intrapersoal) e social (interpersoal), tanto no conto mesmo, por como resolven os personaxes os problemas plantexados mediante a colaboración e a empatía, como na proposta didáctica das actividades e na dinámica de aula, onde a colaboración e o traballo en grupo son a praxe elixida. Latexan tamén nos contos a igualdade, o respecto das persoas que son diferentes a nós, e outros contidos que resultan fundamentais para estar no mundo dun xeito máis solidario e feliz.
A CULTURA galega, especialmente a tradicional e rural, aparece con peso propio en varias actividades. Son contidos que van moi ligados á construción da propia identidade (individual e social).
O pitiño que levaba medio ovo na cabeza
Neste conto, un pitiño de cegoña moi durmiñón terá que buscar a súa familia coa axuda dos habitantes da fraga. Pero non todos son bos con el. Que sucederá? Fará novos amigos? Por fin poderá estar coa súa mamá e o seu papá? É realmente tan "feo" o pitiño como lle din algúns? A amistade entre seres moi diferentes e a autoaceptación serán moi importantes para o pitiño.
CONTIDOS:
O noso medio, a nosa natureza: aves migratorias en Galicia. Outras aves da nosa contorna.
Os alimentos e a nosa saúde.
As cores.
Que facer se nos perdemos. Con quen debo falar, onde ir. Que é o que nunca debo facer.
A colaboración como medio para resolver problemas.
A propia imaxe. Os estereotipos de imaxe física persoal.
XOGOS INTERACTIVOS:
As cores: identificar.
Os alimentos: cales son bos para nós.
Letras viaxeiras: completar algunhas palabras ás que lles falta algunha vogal ou sílaba.
O animal infiltrado: xogo de memoria auditiva; recoñecer os animais do conto e os infiltrados.
Parellas de animais: memoria visual; tarxetas que deben ir emparellando (imaxes idénticas, tipo “memory”).
A pedra Cricriticrí
Neste conto, sucede algo moi grave na poza do río onde moitos animaliños dependen da auga para vivir. Non pasa case auga pola fervenza! Que será o que sucede? E quen é a pedra Criticricrí? Son os nosos sentimentos e as nosas emocións sempre o que parecen? A colaboración e a empatía traerán a solución ao gran problema.
CONTIDOS:
O ecosistema dos nosos ríos. Habitantes. Estado actual. Como protexer os ríos.
Nome e características dos ríos da comarca da escola.
Como comportarse no río.
Dolmens de Galicia.
Seres máxicos e lendas galegas.
As fórmulas de cortesía. Adecuación á situación comunicativa formal e informal. Aprendemos a tratar de vostede. Cando usalo.
A empatía e a colaboración como unha forma máis humana de estar no mundo.
As nosas emocións: o enfado, a preocupación, a tristeza. A alegría.
XOGOS:
Dolmens de Galicia: situar nun mapa.
Parellas de animais: xogo de memoria visual (tipo “memory”).
Excursión ao río: para tratar os comportamentos axeitados no río, clasificarán cousas necesarias e cousas innecesarias nunha excursión ao mesmo.
Letras viaxeiras: completar palabras ás que lles faltan algunhas letras.
Seres extraordinarios: identificar seres de lendas galegas.
O peixe Salva, peito de lobo
O peixe Salva é moi particular e valente: nada contra a corrente e salva animaliños. Pero el mesmo terá que enfrontarse a un gran perigo. Como rematará o conto? Quen salva a Salva? Por que o chaman "peito de lobo”? A colaboración e a amistade serán claves para un final feliz.
CONTIDOS:
Bosques galegos.
Árbores de Galicia. Árbores frutais. Árbores senlleiras.
Fauna do río. Centros de recuperación da fauna silvestre.
Peixes de Galicia. O salmón.
As estacións do ano.
A automotivación: nadar contra corrente: ter unha idea propia, un soño.
A colaboración como medio de resolución de problemas.
XOGOS:
Animais infiltrados. Xogo de memoria auditiva e de escoita no que deben recoñecer os animais alleos ao conto.
Parellas de animais. Como nos anteriores contos: xogo de meoria visual.
As estacións do ano: deben ordenar as estacións, que aparecen cos seus respectivos tres meses.
As nosas árbores: relacionar cada folla dunha árbore co seu froito.
Letras viaxeiras: deben completar palabras incompletas.
A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar
Neste conto, a ra Pipa vai aprender a cazar axudada por un picapeixe. Despois de sufrir as burlas dun animaliño da poza, por fin poderá comer tranquila e deixar de pasar fame. E o final é moi sorprendente! A imaxinación e a intelixencia diverxente da ra Pipa, farán a súa vida máis bonita. Pero sen a amistade e a colaboración, o final non sería tan feliz.
CONTIDOS:
O noso medio, a nosa natureza: a flora e fauna de pozas e ríos.
Arácnidos e anfibios (anuros) de Galicia.
O concepto de simbiose.
Os alimentos e a nosa saúde.
Os números.
Pronunciación de vogais abertas e pechadas.
Información non verbal: as expresións da cara.
A expresividade da voz.
A colaboración e a creatividade como medio para resolver problemas.
O acoso.
As artes tradicionais e os vellos oficios de muller: o tear.
XOGOS:
As emocións: traballar a información non verbal identificando caras con distintas emocións.
Os números na natureza: para practicar os números.
Ciclo de vida das ras: para ordenar as súas distintas fases.
Parellas de animais: xogo de memoria visual.
Vogal viaxeira: completar palabras nas que faltan algunhas vogais.
Vogais abertas e pechadas: exercicio de práctica auditiva para introducir ao alumnado no coñecemento e a pronunciación dos fonemas vocálicos do galego.
A vaquiña Petra
A vaquiña Petra non é unha vaca calquera. Na granxa onde vive, fará algo incrible! Unha verdadeira "artistada"! Ela sabe facer cousas que ningún outro animal da granxa sabe… A arte e o encontro co elemento máxico cambiarán á nosa Petra, que non dubidará en seguir un soño que parece imposible, mellorando a vida de todos os animais que ten ao seu arredor.
CONTIDOS:
Os animais próximos ao ser humano.
A importancia do mundo rural.
Ecoloxía. Ecosistema.
Arte galega. Algúns nomes de artistas relevantes. Arte abstracta.
As estacións do ano.
A vocación profesional.
A diversidade de talentos e habilidades. Formas de intelixencia.
A automotivación: ter unha idea propia, un soño.
A capacidade de ilusionarse, desfrutar e xogar coa arte e a música, fonte de felicidade.
A diversidade como riqueza persoal e social.
XOGOS:
Adiviña a fala dos animais: recoñecer o son do animal da imaxe entre varios audio.
Os talentos de Petra: xogo de memoria auditiva e de escoita.
Letras viaxeiras: completar palabras nas que faltan algunhas letras.
Animais revoltos: xogo de memoria no que deben recoñecer que animais saen no conto.
Como fai o animaliño?: nun vídeo con imaxe e o son de varios animais, deben saber como se nomea o son que fai cada animal (ouvear, etc.).
AVALIACIÓN
Aquilo que non se avalía, perde forza no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Debido á curta idade do alumnado, non proporcionamos rúbricas de coavaliación, pero iso non impide que poidamos inicialos nela, valorando actuacións dos compañeiros e compañeiras. Pero máis que iso, interésanos que o/a ensinante valore os progresos do alumnado na súa interacción social e a súa contribución ao clima da aula.
Tamén hai rúbricas para valorar cada unidade didáctica e as actividades que nela se propoñen.
Sería interesante, se se desenvolven varias destas cinco unidades, completar unha rúbrica antes da primeira unidade e a mesma rúbrica despois da última. Deste xeito poderemos apreciar mellor o progreso e aquilo que as unidades aportaron a cada neno e nena.
Recomendamos ao/á ensinante que falen coas familias para coñecer a súa opinión con respecto á súa participación nas actividades de cara a deseñar futuras colaboracións entre a escola e as familias.
Espero que desfrutes moito xogando e ensinando con estes contos, que foron escritos e lidos con tanto cariño para ti e para o teu alumnado!