Saltar navegación

Actividades

Tizas de cores. Escrito "Escola aberta"
Pixabay . Escola (CC0)

Antes de escoller actividades deste apartado, convén mirar as actividades preliminares que veñen no apartado anterior de "Dinámica de aula". Logo, en función do perfil da clase, as súas preferencias e necesidades, podemos desenvolver algunha destas actividades ou todas elas. É moi posible que isto nos leve a realizar de novo escoitas parciais ou completas do conto, como xa indicamos no apartado anterior sobre dinámica de aula.

Recomendamos documentar en vídeo e/ou audio as actividades para que logo teñas máis material para a actividade final.

Teatriño

A aprendizaxe en movemento é interesante porque nos permite variar o estilo de aprendizaxe e de paso, propor unha actividade de corte lúdico e creativo.

Repartimos os papeis en colaboración co alumnado. O resto fará de público. Hai máis contos! Non hai por que discutir se todos queren participar. Tampouco nos preocupa que o resultado sexa perfecto. Practicamos simplemente unha forma de aprendizaxe en movemento. Preparamos as escenas. Podemos preparar tamén algún complemento a modo de atrezzo. Lanzamos o audio e, axudados por indicacións do/da ensinante, comeza o xogo.

É importante descargar ao alumnado da ansia dun resultado correcto. O importante é que participen con interese e se divirtan. Isto axudará a que comprendan o comportamento dos personaxes.

Finalmente, podemos propor ao público que reflexione de novo (agora que viron as accións e non so as escoitaron). O tema do acoso escolar é delicado. Se o ambiente social da clase é o adecuado, pode ser que prefiras non abordalo de momento. Ou ben só de xeito indirecto comentando o que sucede no conto.

 Non esquezas gravalo en vídeo!

Bailamos e cantamos

No apartado "Poesía e música" está o pentagrama e máis un audio que te pode axudar a que aprendan a canción da Ra Pipa e o picapeixe Martiño.

Inspirados pola escenificación da actividade anterior, podemos inventar en colaboración co noso alumnado unha sinxela e descritiva coreografía para a canción mentras a van cantando.

Grava todo para a actividade final.

Meniña con auriculares
Pixabay. Música (CC0)

Segunda escoita. Reflexionamos.

Podemos recurrir ao audioconto, que iremos parando segundo queiramos tratar certos temas, ou o/a ensinante pode lelo ao ritmo da clase. Se é posible, podemos convidar a un familiar (avó ou avoa, por exemplo) a que veña lerlles o conto. Deste xeito terán outro modelo oral. Ben podería ser un alumno ou alumna de cursos superiores quen realice esta segunda lectura, involucrando á escola na unidade didáctica.

Nesta segunda e nas sucesivas escoitas, se as houber, xa se pretende que o alumnado participe na narración repetindo as pasaxes suxeridas (ver as notas no exemplar do conto para ensinantes) e que aprendan a cantar a canción. 

No que se refire ao contido 9: a creatividade e a colaboración como medio de resolver problemas, traballaremos coa clase mediante a reflexión en voz alta, como xa se dixo, pero tamén é un método de traballo en si mesmo. Aconsello propor dinámicas grupais nas que a colaboración sexa o medio para chegar ao obxectivo. Comentaremos coa clase: que che parece a idea de comer as moscas da tea de araña? Solucionou o problema de Pipa? E que che parece o seu chiringuito de algas? Para que valoren que ás veces as ideas orixinais, por raras que poidan parecer, poden resolver un problema; que non hai que ter medo de pensar de xeito diferente aos demais.

Aprendendo coas mans

Igual que hai persoas que aprenden mellor con movemento, outras lembran mellor aquilo que aprenderon usando as mans, manipulando e creando. Descartamos certas manualidades como o origami por requirir unha psicomotricidade fina complexa para educación infantil. Pero se queres, podes probar!

Si que é moi fácil facer arañas e as súas teas coas que ademais podemos decorar a aula no Samaín. Algunha idea para manualidade podes vela neste vídeo e tamén nesta ligazón :

Youtube. Facer arañas (CC0)

Investigamos

Interrogante de herba
Pixabay. Interrogante (CC0)

Axudados de materiais complementarios como mapas, fotos e páxinas web de asociacións que estudan e defenden os ríos de Galicia e doutros lugares, iniciamos ao alumnado na busca de información referida aos ríos, regatos e pozas da contorna e do resto de Galicia. Que podemos observar nestes medios? Que animais viven nel? Como debemos comportarnos? Algúns destes contidos serán retomados nos xogos interactivos.

Se premes na foto, poderás acceder a unha páxina chea de informacións interesantes sobre os ríos galegos que te axudarán a preparar as túas actividades coa clase e posibles saídas escolares. Secundino Lorenzo, un compañeiro ensinante, dedicou moitas horas e esforzo á súa paixón: os ríos de Galicia, que podemos coñecer mellor grazas á súa páxina web.

É moi importante o traballo de campo, xa que resultará inesquecible. Mesmo vivindo nunha cidade, é posible que non lonxe da escola, poidamos visitar un regato, armados de prismáticos, lupas, etc.  Podemos recoller mostras de follas, landras...e practicar o léxico estudado na clase relacionado con este medio. Nos seguintes vídeos podedes coñecer animais que viven no río e que non sempre son doados de observar (merlo acuático, ciclo de vida das ras e píntega rabilonga). 


                                    

                  

                           

As artes sinxelas 

Tea de araña con gotiñas de auga
Pixabay. Tea de araña (CC0)

Seguindo o fío das arañas, que tecen as súas pequenas obras de arte na natureza, comentaremos coa clase que en moitas casas hai nas gabetas e nos armarios, verdadeiras obras de arte tecidas ou bordadas polas mulleres do pasado das nosas familias.

Pero hai tamén quen segue mantendo viva a tradición. Imos buscar na nosa comarca a ver se hai quen teña un tear ou que mesmo se dedique de xeito artesanal a este tipo de traballos. Se o houber, sería bonito poder levar a clase ou cando menos, realizar unha entrevista e visita virtual á persoa en cuestión.   

Con isto preténdese dar valor a un de tantos traballos, tradicionalmente de muller, e que pasaban desapercibidos. Antes, porque os esforzos de nais e avoas eran considerados unha obriga e dábase por sentado que tiña que ser así. Agora, porque para moita xente unha colcha ou liño tecidos na casa; unhas sabas bordadas e con encaixe, son cousas vellas doutro tempo, que se estragan e se esquecen.  

Tear con fíos de cores
Pixabay. Tear (CC0

A actividade proposta é ben sinxela: cada alumno ou alumna falará cos seus familiares pescudando que pezas quedan desa memoria das mans. Se teñen acceso a algunha, farán unha foto que mandarán ou ensinarán ao seu/súa ensinante. Deste xeito terá constancia de que pezas poderá empregar na actividade final que se propón no apartado seguinte. 

Proceso do liño (CC0 

Se é o momento axeitado e vemos que non se cansan do tema, podemos explicar o proceso completo do liño, dende o seu cultivo ata que é unha tea fermosa e rústica. No vídeo da canle dunhas mulleres de San Sadurniño, podedes velo (canle youtube de "Teño unha horta en San Sadurniño").

E a persoa que fixo a colcha da casa do neno ou nena pode vir ao colexio a contar como a fixo? Sería estupendo! Se non pode, poderían gravala en vídeo. Gardemos ben este material que nos servirá na actividade final.

Para evitar o risco de que algún neno ou nena se sinta excluído por non ter nada que compartir, podemos compensar esta parte solicitándolle que traia fotos de internet ou ben debuxos dunha cama cunha colcha similar. O importante é que collan conciencia do valor destes obxectos e que pasando o tempo, se fagan custodios dos mesmos.

Actividade final


Colcha galega vermella

Nesta actividade podemos mostrar algúns dos traballos realizados pola clase (arañas, teas de araña, etc.) e sobre todo, daremos a posibilidade de conectar a clase coas familias, que colaboraron especialmente na actividade anterior.

Con todas ou parte das obras de arte tradicional que atoparon nas súas casas (colchas, cobertores, sabas bordadas, encaixes, etc.) prepararemos unha exposición na biblioteca da escola ou un espazo similar onde se poidan coidar os obxectos. O alumnado pode entregar un convite temático (en forma de paxaro picapeixes ou ben de ra) na casa para que as familias entren na escola a ver a exposición.

Tradicionalmente, o día da festa da aldea, as mellores colchas dependurábanse das fiestras ou balcóns para embelecer as rúas. Cando menos o día da inauguración, sería unha bonita homenaxe facer o mesmo na escola. 

Poñamos un vídeo das mulleres que colaboraron co alumnado contando a orixe desa peza ou polo menos, unha foto. É posible tamén enlazar mediante un Código Qr estes vídeos. Colocaremos os códigos Qr ou ben na foto impresa ou ben nun papeliño ao pé do obxecto do que se trate. Hai varias páxinas para xerar eses códigos, como por exemplo, este xerador de códigos Qr.





Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os vídeos na exposición). Primeiro debemos aloxar eses vídeos de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada un seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do obxecto ao que se refire. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os vídeos.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0