Saltar navegación

Indicacións xogos

Nenos e nenas en fila
Pixabay. Nenos e nenas (CC0)

No inicio de cada actividade interactiva aparece un botón de play para escoitar un audio que explica aos nenos e nenas que non saiban ler, como resolver a actividade.

Dolmens de Galicia

É probablemente a actividade máis difícil de todas, xa que depende do hábito que o alumno ou alumna teña de consultar e empregar mapas. Son só 5 os puntos que teñen que localizar no mapa de Galicia de xeito aproximado. Segundo a necesidade da clase, traballaremos previamente máis ou menos estas localizacións. Máis interesante é que coñezan as mámoas e os dolmens. Se vemos a clase preparada, podemos proporlle este xogo que sería xa un paso máis: saber onde están cinco dos dolmens máis coñecidos da nosa terra. Podemos mesmo ter un mapa na aula e pegarlle pequenos velcros. Cinco dolmens cos seus respectivos nomes tamén con velcro, serven para ir practicando pegándoos no mapa da clase. Mapa e dolmens podes descargalos no menú en "Descargas" e recortalos. 

O xogo conta cun audio no que se dan as instrucións. Deben arrastrar cada dolmen ao lugar correcto. Se non está ben, o dolmen volve automaticamente ao seu posto orixinal na marxe do mapa. E se é correcto, queda colocado no mapa. Hai un botón na esquina inferior esquerda para comprobar as respostas. Convén velo a pantalla completa para ler ben os puntos de referencia do mapa e máis os nomes dos dolmens.

Parellas de animais

É un xogo moi sinxelo de memoria visual. Son animais que aparecen dúas veces nas fichas (que están boca abaixo). Teñen que lembrar onde está cada animal e a súa parella, premendo nas fichas de dúas en dúas.

Excursión ao río

Este xogo está pensado para provocar un debate guiado. Terán que decidir que obxectos son importantes nunha visita a un río e cales poden ou deben deixar na casa. É probable que algúns nenos ou nenas xa teñan experiencia en ir explorar o medio natural. Pero se é preciso, podemos desenvolver unha actividade previa para que todos saiban xogar. En pequenos grupos razoan sobre os obxectos do xogo, que lles podemos proporcionar en forma de fichas de papel ou ben mostralos nunha pantalla. Non é preciso que sexan idénticos aos do xogo interactivo. Basta que pertenzan ao mesmo grupo.

Facer que debatan a necesidade ou non destes obxectos, pode levarnos a tratar aspectos interesantes, como por exemplo, por que debemos levar auga se no río hai moita. Enlazando isto co estado das augas, a contaminación, o que é unha fonte potable, etc. Isto relacionará o xogo con algunhas actividades propostas para a aula.

Comentaremos o comportamento prudente e imprudente no río (iremos ben calzados con botas, e non con sandalias ou zapatos, pola nosa seguridade). Hai alimentos que nos dan enerxía e outros que son para comer ocasionalmente. 

Os obxectos  para botar ao lixo son: caramelos, xelado, refresco en lata, maleta, consola de videoxogo portátil e tarta de chocolate.

Letras viaxeiras

É un xogo sinxelo de encher espazos en palabras do conto: vogais ou algunha sílaba. As palabras son: pedra, lontra, castor, ra, peixe, poza, aguia, coello, paxaro e auga. Son palabras que xa coñecerán por medio das actividades e que poden estar escritas visibles na aula (retiralas ou tapalas no momento do xogo). 

O xogo conta coa axuda de imaxes para aclarar o concepto.

Seres máxicos de Galicia

Este xogo completa unha das actividades de aula. Deben asociar cada imaxe co seu nome.  Para iso é probable que precisen ver na aula eses nomes durante uns días. Como estes seres están tamén como ficha nas descargas, poden traballarse preparando este xogo que servirá, nese caso, para fixar os conceptos. Os seres representados no xogo son: a meiga (ou bruxa), a fada (ou moura), o trasno (ou trasgo), a maruxaina (serea) e o nubeiro. 

Seguramente coñecen a serea, pero é bonito que aprendan o nome da nosa autóctona Maruxaina.

As imaxes poden arrastralas ata o nome, ou ben premer primeiro na imaxe e logo no nome e xa se xuntan automaticamente.



Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0