Saltar navegación

Conto para ensinantes

A pedra Criticricrí. Conto anotado.

ERA UNHA VEZ QUE ERA...

A pedra Cricriticrí.

Era unha vez unha pequena fervenza que estaba nun monte moi alto. E aos pés desa fervenza, nacía unha poza moi fonda e fresca. A auga baixaba polo río cantando unha canción mansiña, pero cando chegaba á fervenza, estoupaba nun estrondo alegre que facía rir a todos os animaliños que se achegaban a beber á poza. Porque esta poza e máis o río eran o fogar de moitos, moitos animaliños de todo tipo: peixes, insectos, castores, londras, paxariños, cervos, cabras montesas

Daba gloria á noitiña ver achegarse moitos deles a beber e a botar unha paroliña antes de ir durmir. Outros, acababan de despertar, como a curuxa e os morcegos. Así que nesa hora máxica, xuntábanse os animais nocturnos e os diúrnos e aproveitaban para poñerse ao día e contarse as novidades. E ao son dese barullo, as crías adormecían pegadiñas á pel dos papás e as mamás, amoreados cos irmáns e as irmás. 

Un dos habitantes máis atarefados era o castor Chiño e a súa familia. Xuntaban entre todos pauciños para facer a súa casiña que lles estaba quedando ben bonitiña. Tanto que os outros animais ás veces quedaban un pouco admirando os traballos dos castores. 

Pero un día, cando despertaron os castores, viron que a súa casiña estaba case toda fóra da auga. Despertaron porque había un silencio raro no aire. A fervenza e as augas xa non cantaban. Como era posible? Saíron a mirar e que susto levaron! E como non ía deixar de cantar a auga? Como que non baixaba case ningunha! A fervenza era agora pouco máis que unha goteira.

_Oh, papai, como é que non baixa auga?_ dixo o castor máis noviño, que aínda tiña os peliños de punta de durmir.

_Non che sei, fillo, pero teremos que ir mirar a ver, porque se non baixa auga, tampouco os peixes. A ver como imos facer entón_ dixo Chiño moi preocupado.

Pero tiñan un problema, e é que por moi bos nadadores que fosen, que o eran, non podían nadar fervenza arriba. E ir por terra íalles levar moito tempo. Fixeron un parlamento cos peixes, que agardaban con ansia a visita dos seus parentes de río arriba, que debían chegar esa mesma mañá pola fervenza. Parolaron coas lontras, e puxéronse todos e todas serias a buscar unha solución. 

_A ver_ dixo unha das lontras máis vellas._ É normal que isto non é normal.

_Eeeeh?_ preguntaron todos coa boca aberta.

_Espera que poño os lentes, que senón falo ao revés. Quero dicir que isto non é normal. Algo pasa aí arriba no alto do río ou na fervenza para que estiñase deste xeito. Temos que subir e mirar.

Debuxo dun castor
Castor3 (CC0)

_Xa_ contestoulle Chiño_ pero todos os que estamos aquí neste parlamento, non podemos ir alí. Río abaixo, o que queiras, pero subir polas rochas non é o noso. Ben o sabes. 

Estiveron pensa que pensa, pensa que pensarás ata que un peixiño moi espelido berrou:

_A ra!

_Onde? Onde?_ berraron todos a un tempo mirando cara os lados, cara adiante e cara atrás.

_Noooon. Non está aquí._ seguiu o peixiño._

_Quero dicir que ela pode ir saltando ata arriba, agora que non hai case auga.

Alzouse un murmurio de aprobación. Foron ao recuncho onde a ra Cloti estaba criando os seus cullarapos e propuxéronlle a idea. Ela falou así:

_E xa me parecía a min que esta mañá a auga estaba máis baixa. Pero a verdade é que non me vexo noutra aventura. Aínda hai pouco que se me perdeu un filliño que agora xa está na casa, pero non me pasou de todo o susto.

Tiveron que insistirlle pero despois duns minutos, a ra, que sabía que sen ela non ían dar subido, dixo que si.
Fixo uns poucos estiramentos, calculou ben o primeiro salto ao pé da fervenza e foi subindo ata arriba de todo. Dende alí, os animaliños víanse ben pequenos. E berroulles:

_Eeeeda! Eeeeda! 

E todos responderon:

castor enriba dun tronco debuxado
Pixabay. Castor4 (CC0)

_Queeeeeeee? 

_Eeeeda! Eeeeda!_ repetiu. 

E todos outra vez:

_Queeeeeeee?

A ra baixou aos saltos catro ou cinco pedras para achegarse para que a puideran ouvir. E entón souberon o motivo desa falta de auga.

_É unha pedra!

_Aaaaaah!_ dixeron todos os demais.

_Pero, como que unha pedra? Moi grande ten que ser para tapar o regato todo!_ dixo Chiño revirando os ollos.

_É unha pedra grandísima! Enorme! Xigante! Parece un elefante deitado ao sol_ dixo a ra mentres subía de novo, pois xa se sentía embaixadora oficial da poza. 

Así que chegou onde a pedra, faloulle:

_Bo día teña vostede, señora pedra. Desculpe que a moleste, pero é que está vostede sentada no medio e medio do río e a auga non dá pasado._

 A pedra removeuse un tantiño e abriu un ollo. Ergueu a punta do nariz como se a ra lle cheirase mal e dixo cunha voz que parecía un trono:

_Estás a chamarme gorda?

_Ai, non , non, non_ apurou a dicir Cloti.

_ Móvase un pouquiño para alá. Fáganos un sitiño para que a auga poida pasar._

A pedra pechou de novo o ollo que abrira, suspirou e cun sorriso grande dixo cantando:

_Eu non me movo, non. Aquí moi ben estou. Pola noite dáme o fresco, polo día dáme o sol. Desde aquí miro o mar e as gaivotas voar.

Debuxo de ra contenta
Pixabay. Ra2 (CC0)

A ra non sabía xa que máis facer, así que volveu á poza onde contou todo o sucedido.

Deuse a casualidade que na parte alta do río, un paxariño tiña un niño moi preto da orela da auga, no chan, pois era un picafollas. E como a pedra tapara o paso da auga, o río dese lado comezaba a subir e subir. Así que o picafollas, que non sabía nada dos problemas da poza, tamén foi falar coa pedra.

_Bo día teña vostede, señora pedra. Desculpe que a moleste, pero é que está vostede sentada no medio e medio do río e a auga a puntiño está de levarme o niño cos oviños dentro. 

_Móvase un pouquiño para alá. Fáganos un sitiño para que a auga poida pasar._

_Eu non me movo, non. Aquí moi ben estou. Pola noite dáme o fresco, polo día dáme o sol. Desde aquí miro o mar e as gaivotas voar_ dixo de novo a pedra. E engadiu:

_Non fixeras o niño no chan. Mira que parvada! Tés o ceo todo para ti e vas facer o niño no chan!

O picafollas, que é un paxaro de moita personalidade e carácter, enfadado, picou a pedra no cu. Pero claro, a pedra nin se decatou e seguiu durmiñando e tomando o sol.

Pasou nese momento un coelliño cuxa casiña estaba no oco dunha árbore de ribeira. Esa mañá, cando despertou, viu pratos e vasos flotando na entrada da súa casiña. Alarmado, foi saltando veloz ata o río, onde viu primeiro a ra falando coa pedra e logo o paxaro, co mesmo resultado: que a pedra non facía caso.

“A ver se eu teño máis sorte” pensou. E alá que foi moi convencido e, cheo de esperanza, díxolle á pedra.

_Bo día teña vostede, señora pedra. Desculpe que a moleste, pero é que está vostede sentada no medio e medio do río e a auga está subindo perigosamente. A miña casiña xa está toda molladiña.

_Eu non me movo, non. Aquí moi ben estou. Pola noite dáme o fresco, polo día dáme o sol. Desde aquí miro o mar e as gaivotas voar_ dixo de novo a pedra. E engadiu:

_Non fixeras a túa casa tan abaixo. Mira que parvada! Sobran buratos nas árbores e vala facer entre as raíces! Ademais eu non te coñezo de nada.

Debuxo dun coelliño
Pixabay. Coello (CC0)

E era verdade, pensou o coelliño. El nunca, pero nunca vira esa pedra tan grande. E por que viría para alí? De onde viña? E, como se chamaba? Se cadra, se daba contestado estas preguntas, podería atopar unha solución. 

Entón o coelliño, correndo todo o que podía, reuniu aos animaliños que coñecía río arriba e baixou ata a poza para falar con eles tamén. Pero ningún deles coñecía a pedra. 

_Pois non nos queda máis remedio que agardar a que veña a señora aguia, que voa grandes distancias e dende o alto do ceo, se cadra, viu algo. Ela ou algunha das súas irmás_ dixo un dos animaliños.

E cando menos o esperaban, unha sombra maxestosa sobrevoou o río e a poza. O coelliño escondeuse na súa madrigueira deixando só o fuciño e un ollo fóra para ver o que pasaba. A ra Cloti, de novo embaixadora, berrou con todas as súas forzas:

_Vicentaaaaaa_ (que era como se chamaba a aguia)_ Viceeeenta. Ai, Vicentaaaaa.

A Vicenta baixou en picado que parecía que se ía estrelar contra o chan.

_Que queres, oh! Non ves que me podo matar baixando entre tanta póla. Que tripa se che rompeu?

E o mellor que puido, Cloti contoulle todo.

_Resumindo, que se non nos axudas, aquí vai pasar unha catástrofe e teremos que marchar todos e todas a vivir a outro lado.

Á mañá seguinte despertounos a aguia a berro limpo!

_Reunídevos que xa sei o que pasou.

O relato era incrible! Resulta que a pedra, que se chamaba Cricriticrí, vivía moi tranquila río arriba coa súa xente. Pero un día que colleu frío, esbirrou tan forte que saíu rodando, rodando e non parou ata a fervenza onde o río era algo máis estreito.

_Entón_ dixo Cloti_ non está aí mirando o mar e tomando o sol. Está aí porque non lle queda máis remedio! Pobriña. Seguro que ten medo así toda soíña.

Nese momento, sen falalo sequera, todos os animais souberon que era o que había que facer. Axudar a Cricriticrí a avanzar no río. Seguro que ata lle doían os cadrís de estar aí apoiada á forza nas rochas das orelas.

Os animaliños de río arriba foron falar con ela e prometéronlle que a ían axudar. A aguia, sen que ninguén llo tivera que dicir, cunha das súas plumas deu en facerlle cóxegas no nariz. Ata que esbirrou tan forte, tan forte, que ela caeu co seu peso todo no medio e medio da poza, deixando a todos enchoupados de auga e aos cullarapos e aos peixes medio confundidos e mareados ata que se calmaron as ondas causadas pola caída da señora pedra.

Esta era tan grande, que parte dela estaba baixo a auga e parte quedara fóra. E dende entón polo seu lombo subían os animaliños a tomar o sol. E baixo a auga os peixes e os cullarapos facíanlle compaña e falaban decote con ela. E nunca máis estivo soa. E cantaban todos xuntos, animais do ceo e da terra e animais da auga e a pedra mesma:

Castor sobre unha pedra
Pixabay. Castor (CC0)

_Eu non me movo, non. Aquí moi ben estou. Pola noite dáme o fresco, polo día dáme o sol. E na noite, co luar, eu póñome a cantar…

E así foi como unha pedra pasou de ser un problema a ser unha amiga para sempre xamais.

Non é probable que teñan visto castores ou lontras (londras). Antes da primeira escoita proporcionaremos unha imaxe para que poidan imaxinalas. Isto dará pé a tratar as especies en extinción e o estado actual dos nosos ríos.

Nunha segunda lectura ou escoita, cada neno e nena poden escoller un animal e imitalo, sonorizando deste xeito o conto en determinados momentos como este ou cando parlamentan, etc.

Esta parte é moi idónea para facer intervir ao alumnado colaborando na narración do conto.

Cando xa coñezan a canción, estas partes poden cantarse (ver o apartado "Poesía e música").

Esta parte é a que usaremos para comezar a practicar as fórmulas de cortesía. Ver "Actividades".

Podemos estudar as aves dos ríos e humedais ou as aves mariñas se nos atopamos na costa. No conto "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar" hai actividades específicas sobre as aves.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0